La Voz de Galicia

O Xuven asina a peor serie de derrotas do momento na LEB Prata

Cambados

pablo penedo vilagarcía / la voz

Os de Chiqui Barros xogaránse a tranquilidade o sábado ante o Canoe

16 Jan 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Na clasificación da Liga de LEB Prata colgada na páxina web da Federación Española de Baloncesto salientan cada semana dous equipos. Un, polo subliñado en verde na marxe dereita do seu casilleiro, no que se reflicte a mellor serie de vitorias dun conxunto en vigor; o outro, polo subliñado en negro, facendo constar a canto ascende o maior número de derrotas encadeadas do momento. No primeiro apartado atopamos o Fundación Globalcaja La Roda de Norman Rey e de Placide Nakidjim, líder e finalista da Copa con media ducia de triunfos nas outras tantas últimas xornadas da fase regular. No segundo capítulo lemos o nome do Cambados Cidade Europea do Viño 2017, denominación coa que, sorprendentemente, se segue a referir a Federación nos seus documentos ao Xuven.

Máis aló deste apuntamento nada edificante, as catro derrotas consecutivas do conxunto dirixido por Chiqui Barros acaban de poñelo nunha delicada situación. E iso, logo de que o C.B. Extremadura Plasencia derrotase in extremis o Baskonia, 77-75, igualando co Xuven a 7-10, se ben ocupando inda o cuarto posto pola cola da clasificación, con descenso á EBA ao termo da Liga regular. En paralelo, o Agustinos Leclerc superaba o Real Murcia Baloncesto a domicilio, 72-79, subíndose ao carro do 8-9 da súa vítima semanal e do Real Canoe.

Precisamente, o Real Canoe será o vindeiro rival do Xuven Cambados. Este sábado, a partir das seis da tarde no Pavillón Municipal do Pombal. Un partido que adquire un valor trascendental na marcha do cadro arousán. Máxime, cando na mesma xornada o C.B. Extremadura Plasencia visita a pista do C.B. Martorell, penúltimo clasificado con tan só tres encontros gañados nas dezasete xornadas de campionato consumidas ata hoxe.

O propio presidente do Xuven Cambados, Toño Lema, salientaba onte este último punto: «El partido con el Canoe no se nos puede escapar».

 

Mensaxe de tranquilidade

O mandatario do club amarelo é consciente da situación clasificatoria do equipo do Pombal á hora de contextualizar o vindeiro enfrontamento ligueiro do Xuven. Con todo, Lema quixo mandar unha mensaxe de calma á súa afección. Así, sobre as catro derrotas encadeadas, pedíu velas «con tranquilidad. No hay que ponerse nerviosos», engade, para soster que «el equipo está mejorando. Los chavales pelearon hasta el final en Albacete, un equipo que lleva siete u ocho partidos ganando por escasas diferencias. Los chavales jugaron bien, lo dieron todo, no se les puede decir nada».

Noutra orde de cousas, a fisioterapeuta do equipo, Marga Sobrido, descartou en primeiro termo unha lesión de alcance de Samu Barros, temida tras o golpe que o base recibía no treito final do choque co Arcos. Finalmente non é o xeonllo, senón un xemelgo o afectado. Onte inda o tiña inflamado.


Comentar