Do loito
Arousa
21 Jul 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Loito vén do latino lugere, chorar, lamentarse. Boto de menos non saber antropoloxía pola época e lugar nos que me tocou existir, nunha sociedade ancorada en tempos pasados ata ben entrados os anos setenta. Un dos costumes que vivín, talmente como na atmosfera de La casa de Bernarda Alba, foi o do loito. Na Idade Media a cor do loito era a branca ata que disque os Reis Católicos impuxeron a negra, con tempos de uso regulamentados entre tres meses e dous anos. Estaba tan sistematizado que nun manual de boas maneiras do XIX dicíase que o loito non se debía vestir inmediatamente porque parecía que xa se adiviñara a morte. Na miña infancia o falecemento dun achegado provocaba un ambiente opresivo no que se lembraba que os avós tapaban os espellos, supoño que porque reflicten luz e por ser onde a xente ollaba se estaba adecuadamente vestida. Dicía Bernarda Alba: «¿Pero has tenido valor de echarte polvos en la cara? ¿Has tenido valor de lavarte la cara el día de la misa de tu padre?». Coa roupa de loito exteriorizábase o dó e, por máis, amosábase a pertenza ao grupo familiar, dun xeito inhumano sendo muller. As viúvas, que non asistían á inhumación do marido, podían permanecer enloitadas de por vida. Lorca puxo na boca de Bernarda «En ocho años que dure el luto no ha de entrar en esta casa el viento de la calle. Haceros cuenta que hemos tapiado con ladrillos puertas y ventanas». A duración da obriga de loito dependía do grao de parentesco. Ás veces enlazábase un período con outro. La casa de Bernarda Alba, coa segunda morte da obra, remata así: «¡A callar he dicho! Las lágrimas cuando estés sola. ¡Nos hundiremos todas en un mar de luto!» e así ocorría que ese loito continuado asfixiaba xuventudes, como escribiu Rosalía: «Negome desde entonces el sol su brillo,¡ay!, negome la luna su fulgor tímido, y la esperanza no alumbró más el yermo de mis entrañas». Ou «ao pé dun olmo sentada, toda de loito cuberta, toda cuberta de lágrimas». A antropoloxía terá explicacións para esa exhibición pública da dor pola morte, común con outras civilizacións, nas que ata a viúva se incineraba co marido. Por aquí houbo casos de loito preventivo: se un familiar embarcaba para América, sacábase a vestimenta negra mentres non se recibía carta coa boa nova da arribada. Rematada a Guerra Civil ordenouse a máxima crueldade ao prohibir botar loito polos executados. Pero todo variou. A Igrexa, despois do Vaticano II, cambiou as casulas negras polas moradas, como indo cara á roupa de alivio. Mesmo o Estatuto dos Traballadores dou só dous días de libranza pola morte dun parente. E así esa tradición, ancestral e imposta, desapareceu. Hoxe está como mal vista e non se viste roupa de loito máis alá de rituais protocolarios ou de pretendida elegancia. Lin que a desaparición dese costume é por interiorizar a dor ou por banalizar a morte. Non sei: nin roupa nin cor curaban nada, ataban.