O sistema
Arousa
19 Jun 2011. Actualizado a las 06:00 h.
ostén un amigo que, malia todos os seus defectos e deformacións, o noso sistema de organización pública funciona razoablemente ben. E que, antes ou despois, acaba poñendo as cousas no seu sitio, sobre todo cando se trata de castigar a quen desenvolve unha mala xestión dos intereses colectivos. Unha visión optimista, probablemente de máis, pero non exenta de elementos de reflexión interesantes. De acordo con esta perspectiva, o que realmente falla non é a estrutura en si, senón nós mesmos, as persoas concretas que nos movemos nela, facéndoa traballar nunha dirección ou outra. Se ningún cargo político concibise a Administración como unha leira de seu na que facer e desfacer a capricho. Se a execución de obras e investimentos non dependese da cor electoral deste ou aqueloutro concello, senón da súa necesidade e proveito para o benestar común. Se non se esixisen cargos como quen reclama un señorío feudal, no que o que importa non é a responsabilidade a desenvolver, senón a satisfacción dos supostos dereitos gañados polo interesado. Se todo iso estivese ben asentado, como principios irrenunciables de toda actividade pública, o sistema iría moito mellor, perfectamente engraxado, diría o noso amigo. Porén, para que as cousas marchasen dese xeito faría falta algo previo sen o que todo o demais esvaecería coma un castelo no ar: a conciencia entre a xente de a pe de que temos un patrimonio de todos, rexeitando a quen o manipula no seu beneficio. E iso está lonxe.