La Voz de Galicia

Dous pazos reais en Cortegada

Arousa

Serxio González

A prensa difundiu en 1907 que Alfonso XIII proxectaba dous «chateaux», un deles para Eduardo de Inglaterra

20 Jun 2009. Actualizado a las 02:00 h.

É ben coñecido que o proxecto de construír un pazo real para Alfonso XIII en Cortegada rematou en rotundo naufraxio. Mais, postos a facer historia-ficción, o certo é que sobre a illa carrilexa ben puido haber non un, senón dous chateaux . Un deles, efectivamente, o do monarca español. Ao seu carón, outro para Eduardo de Inglaterra, nada menos. O ruxe ruxe foi difundido coma nova extraordinaria en maio de 1907 por El Correo de Galicia , que citaba coma fonte unha nota publicada en La Correspondencia , xornal madrileño e vespertino que se editou entre 1859 e 1925 coa san intención de «contar a los españoles, al ponerse el sol, lo que había pasado en el mundo desde el amanecer».

A fenomenal ocorrencia presentábase, na publicación madrileña, como resultado dunha conversa exclusiva cun personaxe relevante do Palacio de Oriente. Todo comeza coa constatación de que «el rey Eduardo y la reina Alejandra están cada día más encantados con don Alfonso» e a súa intención de visitar España con frecuencia. A partir deste punto fálase do proxecto de mercar unha illa en Galicia e de que aquilo acontecerá en Vilagarcía, onde «se levantará el chateau , palacio, cottage o como usted quiera llamarle, con parque, soberbio panorama y espléndidas avenidas sobre el mar».

Razoa o informante que «al lado de esos reyes -refírese aos de Inglaterra- se obtienen siempre muy saludables enseñanzas para la gobernación». A feliz decisión está tomada: «Han decidido construír también otra residencia junto a la de los soberanos ingleses».

Aínda afirma máis: a visita que o marques de Viana, o arquitecto Ripollés (que deseñará os planos do pazo real de Cortegada, o que nunca chegará a facerse) e o señor de Rubiáns viñan de realizar a Vilagarcía non tería outro obxecto que «estudiar el terreno y escoger los sitios en donde serán levantados los dos palacios: el del rey Eduardo y el del rey Alfonso». Viaxe esta, engade o xornalista, «que no despertará sospechas, pues creerán las gentes que van invitados a una expedición de placer». Conclúe o noso home aseverando que «los planos están hechos, el mobiliario proyectado en diseños, la decoración ultimada en sus más pequeños detalles». Menos mal, porque van alá 102 anos, e nada.


Comentar