Xa é grande
Arousa
AREOSO | O |
06 Mar 2007. Actualizado a las 06:00 h.
DEZAOITO anos. A Festa do Deporte de Vilagarcía pasou da infancia á madurez e, a verdade, parece que foi para ben. Moi lonxe quedan aqueles anos nos que comezou, case que camuflada. Eran outros tempos, e os deportistas de por aquí moito más tímidos nos seus éxitos. Agora, o xurado que cada ano ten que decidir o nome dos finalistas do premio ao mellor deportista do ano ten moitos problemas. Haiche de todo. Xa con Antón Paz fóra de concurso, os méritos desde regatista merecen xa máis que un galardón anual, o relevo dá para moito. Os finalistas deste ano sonche un bo exemplo: temos a Sara Gómez, unha xogadora de baloncesto que é habitual nas convocatorias das categorías inferiores da selección española, cas que xa ten acadado algún título. Está tamén Luis César, un adestrador que se converteu case que na imaxe de marca do Nástic ata que os resultados mandaron máis co sentidiño (botárono e as cousas non mudaron no equipo, que segue en descenso). Outro dos candidatos é Raúl Somoza, taekwondista que foi cuarto no mundial júnior. Hai unha futbolista, Mari Paz Vilas, que marcou o ano pasado 55 goles co Arousana e que agora está na Superliga feminina, e o quinto finalista é o Extrugasa: campión de España de Primeira División a pasada tempada, clasificado para a Copa da Raíña, e a piques de se meter na loita polo título de Liga. A relación é espectacular, porque algún dos candidatos que se quedaron fóra tamén terían merecido estar no escenario do auditorio na gala do venres. Esa gala é outra boa forma de medir o que cambiou o conto. Pasamos de estar na sala da casa da cultura a que as entradas para estar o venres na instalación municipal sexan moi difíciles de acadar. A cousa pinta ben. É de agardar que o traballo que moitos dos clubs andan a facer cos cativos non se deteña. Esa é a clave para que o relevo funcione. Polo menos, dezaoito anos máis.