Xustos e sas desde as aulas
Arousa
O pombal Centos de rapaces de Vilagarcía aprenderon onte algo máis sobre iso do comercio xusto e a vida dos países pobres. A partir de febreiro tamén saberán almorzar mellor
18 Jan 2007. Actualizado a las 06:00 h.
A organización non gobernamental estivo onte ao mediodía no colexio San Francisco e un par de horas despois foise para o instituto Bouza Brey para falar do mesmo, pero desde outra óptica. Tratábase de achegar aos alumnos á realidade doutros países, moi afastados ao noso xeográfica e socialmente. Para algúns foi a primeira vez que oían iso de «comercio xusto» e despois da charla impartida por María Caride xa coñecen que hai moita xente traballando para que os produtos que se elaboran en Bolivia, Ecuador ou Perú cheguen ao mercado europeo e deixen a súa plusvalía nos pobos produtores e non nas multinacionais. Aos máis pequenos do San Francisco tamén se lles falou das formas de vida e culturas de América Latina, pero dun xeito moito máis alcanzable para a súa idade e ¿que mellor cun conto? Mestura de culturas Con contacontos ou con charlas, o obxectivo final destas iniciativas -promovidas pola concellería de Xuventude- é informar para formar, de xeito que as novas xeracións se eduquen nos valores de interculturalidade e solidariedade. Falta fai nestes tempos nos que só facemos mirarnos ao embigo e esquecemos que a riqueza está na mestura e non na exclusión. Xa sei que son cousas moi doadas e bonitas de dicir, pero quizais estas iniciativas axuden a pasar das palabras aos feitos e consigamos persoas mellores ca nós. Froita e queixo a primeira hora da mañá E como diso se trata, de mellorar o mundo e a especie, en Vilagarcía tamén se coidan de coidar aos nenos. Onte contabámoslle que xa hai tres colexios no municipio que están tomando medidas para conciliar a vida laboral e familiar abrindo antes do inicio das clases para que os pais poidan deixar aos seus fillos. Ben, pois agora ademais vannos deixar comendo ben. A concellería de Educación porá en marcha en febreiro «os almorzos saudables», unha iniciativa que terá como destinatarios aos alumnos de Infantil e Primaria co fin de conciencialos sobre a importancia que ten para a saúde a primeira comida do día. Neste curso o programa chegará aos colexios Arealonga, Rosalía de Castro, Anexo A Lomba e A Lomba. O resto quedan para outro ano. O departamento que dirixe Victoria Hierro ofrecerá dous almorzos en cada un dos colexios nos cales incluiranse froitas ao natural ou en zume, leite, cacao, queixo, cereais, torradas de pan con manteiga, marmelada ou aceite de oliva, tomate, embutidos, ovos e froitos secos. A iniciativa será posible grazas ao apoio do Concello de Vilagarcía e á colaboración de empresas como Larsa, El Progreso ou panadería Cordo e Hijos. Bo proveito.