A visibilidade como problema
Arousa
Análise | Os retos do nacionalismo en Arousa
22 Nov 2006. Actualizado a las 06:00 h.
?o eido municipal, o BNG administra no Salnés 29 concelleiros e unha colleita de 13.029 sufraxios, o 19,5% do voto válido emitido na bisbarra en maio do 2003. Malia estes resultados, que foron medrando comicio local tras comicio local, os nacionalistas non integran ningún dos dez gobernos municipais. Nin aqueles que o PSOE xestiona con maioría simple (Vilagarcía, Catoira e A Illa) nin, por suposto, os que o PP ostenta en minoría (O Grove), ou con maioría absoluta (Vilanova, Ribadumia, Meis, Meaño, Sanxenxo e Cambados). Dúas circunstancias fan das eleccións do 2007 un momento clave dentro da evolución do nacionalismo na comarca. É a primeira cita á que chega o BNG logo de acceder ao goberno de Galicia. Pero, ademais, a formación mantén expectativas de xestionar cinco concellos en coalición cos socialistas (Vilagarcía, Catoira, O Grove, Sanxenxo e Cambados), os dous últimos con posibilidades de acadar mesmo a alcaldía, xa que neles parte como principal forza da oposición. Todo isto á marxe de que, se consegue reducir en 1.200 votos a diferenza que hai catro anos lle separou do PP, faría seu un dos tres deputados provinciais en xogo en Arousa, feito que poñería moi caro o Pazo Provincial para os conservadores. Sucede, porén, que, agás o seu responsable, Duarte Correa, o BNG como organización apenas ten visibilidade na sociedade arousá. A cidadanía recoñece, como moito, aos seus voceiros municipais, pero ignora en xeral as facianas de quen compoñen a súa engrenaxe e deben transmitir a súa mensaxe política. E iso si pode pasar factura.