Mudan os tempos
Arousa
AREOSO | O |
21 Nov 2006. Actualizado a las 06:00 h.
TEÑO UN VICIO. Un máis dos que xa son coñecidos, quero dicir. Merco libros. Como latas de sardiñas. Un cada semana, máis ou menos. Un día coma o de onte, que saio relativamente cedo de traballar, vou á librería e pillo un. Normalmente ó chou. A outra xente dálle por mercar bolsos ou camisas. Cada tolo có seu tema, e Serrat no auditorio. O vicio, o de mercalos, só pode chegar canda os cartos ao peto. Pero o hábito da lectura ven xa de neno. Á casa sempre chegaban dous xornais, ó menos. E aos domingos, tocaba mercar un cómic. Un para cadanseu irmán, E por riba a avoa era libreira e o padriño, ao avó non o din coñecido, é encadernador. As letras andaban por todos lados, xa que logo. Pero o colexio tamén axudaba. Unha cousa que sempre lembrarei, probablemente a única tarefa que me quedou gravada dos primeiros anos no José Antonio, foi un mandado que nos fixo a profe Josefina. Había que escoller unha nova que saíse no xornal do día, recortala, levala ao colexio e comentala cos compañeiros da clase. Aí estiven eu, escollendo coidadosamente. Non podía ser calquera cousa. Despreguei a saba que era daquela o Diario de Pontevedra por riba dos elepés de Vázquez Lescaille e a mirar. Nova por nova. Os deportes quedaron descartados porque era o que levarían todos. E non era cousa de apañar o mesmo ca todos. Ao cabo, topeina. Nunha guerra de Oriente Medio denunciaban torturas: aos prisioneiros pincháranlle as pernas cuns alfinetes denantes de rompérllelas (por aí non pasaron os anos). E fun, e cheguei. Todo cheo. Coa miña nova poderosa. E a profe Josefina que me di que a nova non era axeitada. Demasiado forte, díxome. Daquela non o entendía. Hoxe en día é mais probable que os nenos se asusten máis si lles dis que os vas levar a traballar a un xornal que a facer unha guerra. E falo en serio.