La Voz de Galicia

«A praia da Concha fixémola entre todos»

Arousa

Serxio González vilagarcía

ENTREVISTA | Villanueva

14 Jun 2006. Actualizado a las 07:00 h.

?ada vez que o verán se albisca, xorde unha vella disputa encol da praia da Concha-Compostela, e a compatibilidade ou non do uso lúdico do areal coa actividade produtiva, nomeadamente dos parques de ameixa. O presidente da agrupación carrilexa, José Luís Vilanova, pide sentido común. -Nótaselles enfadados. -E que o estamos. Nós non queremos enfadarnos co alcalde, pero cando un escoita certas manifestacións... Sentímonos atacados, porque a praia fixémola entre todos. -¿Como é iso? -Daquela había unha oposición tremenda da confraría, e a agrupación de parquistas chegou a un acordo tanto co Concello como con Costas. Durante tres anos tivemos que soportar mortaldade, polvillo, baixo rendemento, verquidos de area por accidente enriba dos parques, mesmo un dragado indiscriminado. Aínda así prestamos as nosas embarcacións, os nosos medios, e apoiamos o proxecto. E que agora nos veñan con que os parques se achegan cada vez máis á praia... Que lembren que, cando non había praia, os parques chegaban case á beira do malecón. -¿Pero realmente hai conflitos cos turistas a conta dos parques? -Os parquistas, cos bañistas, coa xente que disfruta da praia, non teñen problema ningún. A xente de fóra, inocentemente, métese nos parques, sente curiosidade polas estachas e nós explicámoslle todo gustosamente. O problema é cando algún golfo pon o bañador e se disfraza de turista para ir roubar marisco. -¿Que pasa coas algas? -As algas veñen do mar, cando hai vento do suroeste e a marea sobe, como en calquera sitio. Para que o entendan, se non chegamos a estar nós, habería cincuenta veces máis algas. Non hai en Vilagarcía empresa que dea traballo a tanta xente, seiscentas familias. ¿E que iso non lle importa a ninguén? -Fálase tamén das estachas. ¿Non hai xeito mellor de sinalizar os parques? -Hai catro anos, a petición do Concello, reunímonos todas as partes. E ninguén atopou alternativas. É máis, a ninguén lle parecían feas agás ao concelleiro do ramo.


Comentar