La Voz de Galicia

A Cruz Vermella espera poder manter os servicios no Salnés malia ter que deixar a sede

Arousa

07 May 2002. Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA Representantes da Cruz Vermella en Pontevedra restaron importancia ó feito de ter que deixar a sede da praza da Constitución e agardan poder continuar cos programas desenvoltos en Vilagarcía. «Xa éramos conscientes de que se trataba dunha cesión temporal, e aínda temos tempo para traballar e buscar unha solución». A entidade recoñece que tivo que facer un gran esforzo para sacar adiante o albergue de transeúntes, pero sabían xa entonces que o local non era seu e que terían que deixalo cando o asilo así o requerise. De momento, a Cruz Vermella non dispón de locales alternativos, pero espera encontralos nos vindeiros anos. Mentras, os servicios seguen abertos na praza da Constitución, aínda que o feito de que este ano non desembarcaran polizóns en Vilagarcía aliviou a carga de traballo, xa que hai que ter en conta que Cruz Vermella facíase cargo de tódalas súas necesidades. Día mundial da ONG Con motivo do Día Mundial da Cruz Vermella, que este ano se celebra baixo o lema Paz, tolerancia e solidaridade: a forza da humanidade, a ONG abrirá varias mesas informativas en toda a provincia para dar a coñecer á poboación os diferentes proxectos de intervención coas persoas máis desfavorecidas da sociedade e sobre as accións que levan a cabo os voluntarios desta institución. A asamblea comarcal da Cruz Vermella no Salnés instalará a mesa na Praza de Galicia, dende as cinco as oito da tarde. O Día Mundial da Cruz Vermella celébrase cada 8 de maio nos 178 países nos que está presente, con motivo do aniversario do seu fundador, Henry Dunant.


Comentar