La Voz de Galicia

O conxunto de alciprestes de Ribadeo súmase ao Catálogo de Árbores Senlleiras

Ribadeo

Visita ao conxunto de alciprestes de Ribadeo

Na Mariña xa hai así catro exemplares e tres formacións incluidas no inventario galego de monumentos vexetais

09 Mar 2024. Actualizado a las 18:15 h.

A Xunta informou este venres de que aprobou a inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras do conxunto de alciprestes situado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo. O vindeiro luns publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se sumará a devandita formación a este inventario. Así o concretou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Campo.

No caso concreto da formación de alciprestes, na súa consideración de senlleira tivéronse en conta tanto ás súas características de idade como a súa significación histórica e cultural. Este conxunto está formado por 24 exemplares, dos que 14 teñen unha idade estimada duns 100 anos e unha altura de máis de 20 metros. «A maiores, cómpre salientar o seu valor simbólico ao localizarse ao carón dun edificio de gran valor cultural, exemplo de arquitectura indiana, como é o CFEA Pedro Murias», resalta a Xunta.

Coa incorporación deste conxunto de árbores, o catálogo contará con 193 elementos (151 exemplares e 42 formacións arbóreas), pertencentes a 84 especies diferentes.

Na provincia de Lugo hai 42 elementos recoñecidos no catálogo, 35 árbores e sete formacións. Na Mariña había ata agora catro exemplares e dous conxuntos, considerados verdadeiros monumentos vetexais aos que se considera merecentes dunha especial protección. Un dos máis emblemáticos e «O Avó» de Chavín, un dos eucaliptos meirandes de Europa. Tamén sobresae o Ciprés de California da Misericordia (Viveiro).

O terceiro exemplar é un eucalipto globulus da Casa de Reimunde (Reiriz, Foz), e o cuarto a Moreira Negra de Cangas de Foz, á entrada da igrexa da localidade.

No tocante ás formacións, incluíronse no catálogo o Souto da Retorta, onde se localiza «O Avó», e a parella de Olmos de Santiago de Reinante (Barreiros).


Comentar