Sentidiño
Ribadeo
23 Mar 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Neste tempo de incertezas, viaxar resulta unha aventura, como se un perigo impreciso se cernise sobre o viaxeiro. E cada pobo visto no horizonte fainos pensar se haberá que gardar respectuosa distancia. En recente viaxe, o primeiro pensamento viaxeiro foi se Galicia estaba perimetrada, por se nalgún momento o coche rodaba fóra do País. E en Ribadeo lembrei cando hai uns meses desde alí mesmo puxemos no GPS cara a Triacastela para coñecer o máis breve percorrido. E aínda que o GPS ás veces precisa unha segunda opinión, daquela funcionou á perfección levándonos por lugar impensado en moito menos tempo do previsto. O malo foi que Galicia estaba perimetrada, e Ribadeo no extremo occidental do norte lucense, e cando nos decatamos viaxabamos polo prohibido territorio asturiano, cavilando que desculpa daríamos no caso de que unha patrulla nos dese o alto. Entrar na Fonsagrada, a pesar de que a neve empezaba a impoñer a súa lei, foi grande tranquilidade para os viaxeiros. Nesta ocasión, non nos saímos do mapa.
Mentres Europa sofre recrudecemento da pandemia, desfrutamos acó dun segundo grao de presos de bo comportamento, entre dúas festas de gardar e desfrutar, atenuada a Lei seca horaria en Galicia, agardando que o virus desapareza ou se aletargue. Neste interludio non poderemos estirar a perna máis do que a manta permita, e o de «menos mal que nos queda Portugal» ten que agardar mellor ocasión, aínda que agora sería a ocasión perfecta. Hai que ser sensatos, e nada mellor que lembrar a mensaxe que campaba nos letreiros luminosos da autovía: «Viaxa só o que sexa preciso. ¡Sentidiño!».