La Voz de Galicia

Juanma Marrube: «Volveremos estar entre os mellores»

A Mariña

I.MEITIÍN BUJÁN burela / la voz

O cadro laranxa comezará o sábado a liga de Segunda recibindo ao Gran Canaria

11 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Xa só quedan uns poucos días para que os mariñáns volvan emocionarse co fútbol sala. Este próximo sábado, a partir das seis e media da tarde, chegará o Gran Canaria ao pavillón burelense de Vista Alegre na nova estrea ligueira en Segunda División dun Pescados Rubén-Burela que verte ilusión, confianza e ganas infinitas por recuperar un oco na máxima categoría. O seu adestrador, Juanma Marrube (Alfoz, 1979), congratúlase de poder contar cun cadro amplo e de garantías e non dubida de que acabarán o campionato regular entre os mellores. O entusiasta adestrador laranxa fai repaso do que foi o período de preparación, fala dos xogadores recentemente chegados e expón os obxectivos do seu equipo e a súas impresións sobre o desenvolvemento da competición.

-Está satisfeito da evolución do equipo durante estas semanas de pretempada?

-Moi contento. Creo que fomos seguindo o camiño que trazamos, se ben é certo que as dúas últimas semanas o noso traballo diario viuse lastrado polos problemas físicos de Renato, Iago Míguez, Matamoros e Lucho, que tamén nos obrigaron a dar máis minutos dos que quixeramos ao resto de xogadores nos encontros amigables que disputamos.

-Que impresión lle causaron as fichaxes?

-Moi boa. Todos chegaron en moi boas condicións físicas e, sobre todo, cunha excelente disposición para adaptarse canto antes ao equipo.

-E na pista?

-O agardado. Todos teñen moito que achegar a este proxecto e seguro que serán importantes.

-Trasládolle a pregunta que se fan moitos afeccionados. Este Burela é mellor ou peor que o da pasada tempada?

-A resposta darana o resultados. O único que eu podo dicir é que temos un cadro máis amplo.

-E Juanma? É mellor adestrador ca hai un ano?

-A experiencia axúdache a progresar, a afrontar doutra maneira as situacións e ensínache cousas novas. Estou gozando moitísimo da miña estancia no banco do Pescados Rubén-Burela.

-O sábado comeza unha nova andaina en Segunda División dun Burela do que a afección mariñá espera moito.

-Nós tamén somos optimistas e temos a confianza polas nubes. Intentaremos darlle moitas alegrías á afección do Vista Alegre.

-Poderán xogar Renato e Iago Míguez o partido do sábado?

-Véxoo complicado. E a maiores teremos que lamentar as baixas por sanción de Porto e Luisma, que arrastran dous partidos de castigo da tempada pasada. É evidente que o noso potencial se verá reducido, pero temos capacidade igualmente para gañar ao Gran Canaria.

-Mete ao equipo canario entre os candidatos ao ascenso?

-Por suposto. Non teño ningunha dúbida de que estará entre os sete ou oito equipos que pelexarán por entrar na promoción de ascenso, xunto ao Castellón, Betis, Santiago, Noia...

-Nese grupo tamén debería estar o Pescados Rubén-Burela.

-Ese é o obxectivo. E vendo o compromiso, a capacidade de traballo e a ilusión que teñen os xogadores, estou seguro de que volveremos a estar entre os mellores. Vai ser outro ano de moita igualdade na zona alta da clasificación.

-Non ve a ningún equipo superior ao resto?

-O Real Betis, por escudo, experiencia, potencial e efectivos quizais sexa o mellor colocado no ránking dos favoritos ao ascenso a Primeira División.

«Este cadro é máis amplo que o da pasada tempada, nin mellor nin peor»


Comentar