La Voz de Galicia

«A música non debe ofender nunca o oído»

A Mariña

CLAUSTRO DOCENTE DO CONSERVATORIO DE VIVEIRO

21 May 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Dende o claustro de profesores do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, queremos facer algunhas aclaracións e expoñer o noso parecer sobre o acto do domingo 17 de maio, día das Letras Galegas.

Dende o ano 2004 vense celebrando un acto cultural na Praza da Fontenova, onde o Conservatorio participa co Grupo de Improvisación, grupo que foi madurando o seu repertorio durante anos, incluíndo os máis representativos temas da cultura galega.

Nesta ocasión, por un imprevisto de última hora non se puido acudir a esta cita anual. Aínda así, púidose solucionar o problema, grazas á colaboración totalmente desinteresada dos músicos de O Vapor da Arte, que non dubidaron nin un segundo en participar, claro está, co repertorio que levan ensaiando todo o curso.

Queremos agradecer aos seus compoñentes, dos que parte deles non se dedican profesionalmente a este mundo, que fixeran posible a presenza da música neste acto. Como compañeiros, lamentamos e non comprendemos que este acto desinteresado sexa visto coma un «desprezo» á cultura galega.

Dende o claustro de profesores do Conservatorio de Viveiro defendemos a universalidade da música, que como linguaxe universal da humanidade non entende de cores e nunca podería deshonrar, desprezar ou humillar a ningún pobo, idioma ou cultura.

«A música non debe ofender nunca o oído, senón que ten que gustar ao oínte; noutras palabras, non debe deixar nunca de ser música». W. A. Mozart.

Claustro de profesores do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.


Comentar