La Voz de Galicia

Mecenado para o primeiro disco do grupo De Ninghures

Carballo municipio

Carballo / La Voz

É unha agrupación de folk galego integrada por oito mozas e mozos de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada

29 Mar 2022. Actualizado a las 20:29 h.

De Ninghures, agrupación de folk galego integrada por oito mozas e mozos de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada, ten novo proxecto entre mans, a gravación, no mes deabril, do seu primeiro traballo de estudo, do que contan que vexa a luz a comezos de verán.

Con pezas de composición propia e arranxos de melodías tradicionais, haberá nel temas «tradi» con influencias de músicas do mundo, dende merengue a rock saharaui. Para que este disco poida ser realidade, o grupo vén de facer un chamamento colaborativo de cara a contar co apoio económico da xente do entorno. Activaron unha campaña de crowdfunding (micromecenado) o pasado 21 de marzo, en marcha ata o 30 de abril, e que acadou a metade do obxectivo proposto en menos de 48 horas. As recompensas oscilan entre os 5 e os 1.600 euros e buscan agradecer aos mecenas a través de cedés, camisetas, experiencias gastromusicais ou mesmo unha actuación.

«De Ninghures é xente nova abandeirada das súas músicas e paisaxes; rapaces que desfrutan da tradición e que queren ensinar ao mundo o seu xeito de entendela e gozala. E a música é o seu xeito de expresarse. Este primeiro disco que conta con ver a luz a comezos deste verán, conta xa con centenares de apoios na súa campaña e agardan que se sumen ao proxecto moitas máis persoas», indican dende a formación. Na imaxe, unha sesión de gravación no Casino de Carballo, vila da que son dous dos integrantes. 


Comentar