Monterroso estreou a súa Sala dos Escritores

la voz LUGO

MONTERROSO

Inauguración da Sala dos Escritores de Monterroso, co alcalde e familiares dos autores homenaxeados
Inauguración da Sala dos Escritores de Monterroso, co alcalde e familiares dos autores homenaxeados CEDIDA

Está no Museo das Feiras e está dedicado ao párroco Carlos Méndez Vázquez, Lorenzo Varela, Antonio Yebra de Ares, Teolindo Cortiña Toural e Miguel Yebra Varela.

17 may 2024 . Actualizado a las 14:23 h.

O Concello de Monterroso programou un 17 de Maio con varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas. A primeira delas tivo lugar ás 11.30 horas no Centro de Interpretación e Museo das Feiras e consistiu na inauguración da Sala dos Escritores.

A sala que se abriu hoxe é unha das tres que se atopan na planta alta do Museo e Centro de Interpretación Monterroso, a vila das feiras. En concreto, dedícaselle esta sala a persoeiros da cultura de Monterroso baixo o nome Sala dos Escritores, en recordo e homenaxe a cinco escritores.

A sala está composta por cinco vitrinas dedicadas a cadanseu escritor: o párroco Carlos Méndez Vázquez, Lorenzo Varela, Antonio Yebra de Ares, Teolindo Cortiña Toural e Miguel Yebra Varela.

Na inauguración interviron Ana Vila, Adolfina Mesa, Pablo do Batán, Fernando García Penas e Marta Saavedra, encargada de conducir o acto. Todos eles leron poemas dos escritores aos que se lle dedican as vitrinas, poemas propios e poemas da homenaxeada polas Letras Galegas deste ano, a escritora Luísa Villalta.

Doazóns das familias

O alcalde, Eloy Pérez, agradeceu as doazóns das familias Nicolás Santoalla do Fental, Milagros Menoyo do Fental, Don Carlos Méndez, Yebra Ares, Yebra Varela, e familia de Javier Vázquez Castro. Todas as familias fixeron entrega de obxectos e diverso material para as vitrinas e para o propio museo.

De seguido, houbo unha ofrenda floral no Espazo Cultural Lorenzo Varela ante o busto do escritor. O acto de clausura correu a cargo do alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, quen tendeu a man aos axentes da cultura da localidade para seguir tecendo redes e colaborando en actos e actividades.