«Imos licitar a ampliación de Sogama de maneira inmediata»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

O novo responsable avoga polo diálogo cos concellos insumisos ao canon

09 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a dimisión de Luis Lamas, o anterior presidente, Javier Domínguez Lino (1968) cambiou a dirección de Xestur en Pontevedra pola de Sogama. Hai case un mes collía o relevo con importantes retos para este 2015.

-¿Como están sendo estas primeiras semanas?

-Pois poñéndome ao día nas distintas áreas. É un reto que asumo con ilusión e coa tranquilidade de que gozo da confianza da Xunta, algo que agradezo.

-¿Con que premisas chega vostede á presidencia?

-Debido ao conflito co canon, queremos restablecer as boas relacións cos concellos descontentos, porque non podemos esquecer que os concellos son os nosos principais clientes. Estamos en contacto coa Fegamp e queremos retomar o diálogo para solucionar o problema.

-¿Como está agora mesmo a situación co conflito do canon?

-Seguimos na mesma situación. Temos xa unha débeda dun millón e medio de euros. Agardamos a esa reunión coa Fegamp para ver que solucións hai.

-¿Vaise tomar algunha medida?

-Primeiro imos escoitar e ver que proposta nos fan, e logo decidiremos se son convenientes para Sogama ou non, pero imos coa man tendida.

-¿Por que agora se baixa un 10 por cento o canon despois da subida do 34 por cento?

-Ao final a reforma enerxética non resultou ser tan lesiva para Sogama grazas as negociacións co Ministerio de Industria.

-¿Como vai o plan de viabilidade que puxeron en marcha?

-Vai segundo os prazos previstos. Imos licitar a ampliación de Sogama de maneira inmediata. Agardemos que nos vindeiros meses xa poida ser unha realidade. E tamén é inminente a construción da planta de compostaxe, polo que estamos cumprindo con ese plan.

-Unha das súas primeiras xuntanzas como presidente foi co alcalde de Cerceda, ¿falouse desa ampliación?

-Si, foi un dos temas que tratamos. A reunión foi moi positiva, e agardamos estar en Cerceda durante moitos máis anos.

javier domínguez lino presidente de sogama

«Imos escoitar aos concellos díscolos e logo veremos se o que propoñen é bo para Sogama»

«Os beneficios

que ofrece a compostaxe son múltiples, e moito máis en Galicia»

«Ecovoz é clave para Sogama, deséxolle moitos anos máis de vida»

Domínguez Lino eloxiou o traballo do proxecto Ecovoz a prol da defensa e promoción do medio ambiente.

-¿Xa coñecía Ecovoz?

-Si. Sempre vía as entregas dos premios a final de curso no xornal. Xa son máis de tres lustros de historia e deséxolle longa vida a Ecovoz. A educación ambiental é clave para o futuro, e concienciar aos máis pequenos da necesidade da reciclaxe é moi importante para Sogama.

-¿Canto se avanzou na educación ambiental?

-Hai en marcha múltiples programas. Por exemplo, a campaña Separemos ben, reciclaremos mellor atendeu a máis de 60.000 persoas desde 2012; as visitas a Sogama, que foron máis de 63.000; e a parte conferencias, cursos...

-¿E que queda por facer?

-Creo que a concienciación sobre as tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), ten que estar moito máis presente. Se todos nos aplicamos esta regra, ademais do xa sabido beneficio medioambiental, habería un beneficio económico no peto de todas as familias.

-Insisten moito na compostaxe. ¿Por que é tan importante?

-Os beneficios son múltiples. Por exemplo, se reciclamos a materia orgánica en orixe, envíase menos lixo a Sogama. E moito máis no rural galego, onde sempre se aproveitou a materia orgánica, para alimento do gando ou para abono. A día de hoxe, xa temos repartidos por toda Galicia preto de catro mil composteiros.