Salteado de fabas

Arramplar cos restos da neveira e obter un prato de dez. Este salteado é todo o que precisan aqueles que procuran comer ben pero non teñen man na cociña

Raciones2

Disto que non tiñamos claro que cear, demos unha ollada pola lacena e polo frigorífico e así reunimos os ingredientes para matinar nalgo novo, que non levase moito tempo e claro, que resultase tan apetitoso coma isto. A receita que chegou ao noso maxín foi un salteado. Collimos a tixola e en dez minutiños tiñamos a cea preparada cumprindo con todos os obxectivos. Adoramos estes recursos cos que non se perde tempo. Imos co paso a paso; pero antes, deixámoste máis receitas da nosa web:

Ingredientes
200-250 g de fabas cocidas
2-3 salchichas frescas
1 cebola
2-3 dentes de allo
1 cullerada de estragón
1 chile
Pementa moída
Aceite de oliva
Sal
Instrucciones
  1. Para comezarmos, temos de rustrir en dúas culleradas de aceite o chile e os dentes de allo, cortados en láminas.

  2. Cando o allo empece a dourarse, engadimos a cebola, picada finamente.

  3. Deixamos que se cociñe 5 minutos e agregamos as salchichas, cortadas en anacos. Cociñamos até que cambien de cor.

  4. De seguir, botamos as fabas, mesturámolas ben co resto dos ingredientes. As fabas poden ser as que vos sobraron doutra receita, as típicas que xa veñen precocidas (as que usamos nós neste caso) ou se as queredes preparar, tédelas que deixar a remollo a noite antes e despois cocelas en abudante auga até que queden tenras, aproximadamente 45-50 minutos (15-20 na pota rápida).

  5. Sazonamos coa pementa moída, o estragón e o sal.

  6. Deixamos que se cociñen e se integren ben os ingredientes durante 4-5 minutos. Servimos e xa estarían listas para comer.

  7. Esta creación ten moita marxe e onde hai salchicha podedes pór chourizo ou no lugar das fabas garavanzos.

Votación
1 votos
Comentarios

Salteado de fabas