Tronco de Nadal

Coñecido en Francia como bûche de Noël, constitúe un peche perfecto para a cea de Noiteboa ou ben para o xantar do 25. É difícil quedar cun mellor sabor de boca


Se non o estaba aínda, damos xa por comezada a etapa de receitas natalicias. Xa sabedes o que desfrutamos das larpeiradas de época, e nesta hai moitísimas a elaborar. E por iso hoxe dámosvos unha idea máis para a sobremesa de Nadal que acumula éxitos en Reino Unido, Francia e no norte de Europa desde hai anos. Con todo, este tronco non sempre foi comestíbel, xa que na orixe consistía unicamente nun tronco de madeira decorado que se deixaba arder durante toda a xornada do 25 de decembro. Mais xa vedes que acabou por procurárselle unha solución máis larpeira, tentando manter eses trazos tan característicos da árbore. Aínda que hai diversas formas de elaborar o tronco, principalmente referidas ao recheo, nós optamos por unha versión bastante tradicional e que garante éxito.

La Buche de Nöel constitúe un peche final para a cea de Noiteboa ou ben para o xantar do 25. É difícil quedar cun mellor sabor de boca.

Ingredientes
80 gr de fariña
80 gr de azucre para o biscoito e 150 gr de azucre para o recheo
4 claras de ovo
2 xemas de ovo
Reladura de limón
400 gr de chocolate de cobertura
250 gr de manteiga
1 cullerada de ron
Instrucciones
  1. Para comezarmos temos de facer o biscoito. Primeiro, batemos as xemas co azucre. Deseguido, engadimos a fariña e mesturamos ben.

  2. Engadímoslle as claras, que deben estar montadas a punto de neve.

  3. Estendemos unha capa da masa sobre a bandexa de forno cuberta con papel vexetal. Enfornamos a 190º, calor abaixo e ventilador, durante 13-15 minutos. Despois, tapamos cun pano húmido para que non se seque mentres preparamos o recheo.

  4. Para o recheo, temos que derretir o chocolate no microndas ou ao baño maría.

  5. Engadímoslle a manteiga, tamén derretida, e o ron e mesturamos moi ben.

  6. Reservamos un pouco de chocolate e cubrimos as 3/4 partes do biscoito con el.

  7. Con moito coidado, enrolamos o biscoito sobre si mesmo e colocámolo sobre unha bandexa de forno de rede, e esta sobre unha bandexa normal, para poder botar o resto do chocolate por riba.

  8. Coa axuda dun garfo, facémoslle formas para imitar o tronco da árbore.

  9. Colocámoslle as decoracións que escollemos e deixamos que endureza o chocolate.

  10. Pasamos o tronco ao prato ou molde escollido. Se queremos, podemos empoar con azucre glas para darlle un toque nevado e xa estaría preparado para comer!

Autor Bolboretas no bandullo é un proxecto gastrocultural comprometido co noso idioma e cultura de Diana e David, profesores de lingua e autores do libro "Cociñando con Bolboretas no bandullo" www.bolboretasnobandullo.com
Votación
1 votos
Comentarios

Tronco de Nadal