«Síntome moi triste, non por min, senón por onde chegaron as cousas aquí no Concello»

C. Paradela

OURENSE

11 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

o carballiño | O concelleiro nacionalista Xosé Dobarro ostenta desde a noite do pasado xoves a dubidosa honra de ser o primeiro edil agredido da historia municipal do Carballiño por un militante do PSOE, tras pedir na sesión plenaria a adaptación dos postos de traballo do Concello á minusvalía dunha policía local. O sucedido afectoulle de tal xeito que onte non puido atender ó seu traballo habitual como médico.

-¿Como se atopa logo de acabar o pleno?

-Fisicamente ben pero psicoloxicamente estou medio anonadado aínda. É algo que nunca na miña vida me podía imaxinar, porque nunca tiven un problema con ninguén e a agresión era algo que non esperaba e menos por defender algo que consideraba moi xusto. Non entendo porque se crispou tanto a situación, pero pasar da palabra aos feitos e a agresión é moi grave. Síntome moi triste, non por min, senón por onde chegaron as cousas aquí no Concello.

-¿Coñecía o seu agresor, tiña algún problema con el?

-Non o coñecía de nada e nada pode xustificar a violencia, pero é dos típicos da tropa que vai insultar aos plenos. No da festa dos maiores do pasado ano foi dos máis activos porque non cala nunca, sempre está insultando. Nunca tiven un cruce de palabra con el porque é das poucas persoas do Carballiño aos que non teño nada que dicir, sei como é e prefiro ignoralo.

-¿A que cree que obedeceu a reacción tan desmesurada?

-Non pensei que chegara a ese límite pero como teñen a tropa adestrada e nese adestramento non lle explican os límites os que se pode chegar pasan este tipo de cousas. Nun principio non lle din importancia, pero despois estiven toda a noite sen durmir porque te planteas moitas cousas de como pode pasar isto nunha sociedade democrática.

-O alcalde anuncia medidas disciplinarias dentro do partido cara ao agresor pero pide que o BNG faga o mesmo con vostede

-É incrible, a min estaba esperándome na porta do Concello por defender a unha traballadora. O mellor o estar tan sensible con este tema altereime un pouco no debate político pero estou orgulloso de defender estas cousas, non se xustifica o que pasou. Se nós ou o PP fixera o mesmo en que se convertería a Casa do Concello. Alguén con responsabilidade ten que parar isto.

-¿Alguén do PSOE interesouse por como estaba?

-Non, do PP si a nivel particular. O alcalde estaba alí e non fixo nada, eu son un cargo público e el non debería tolerar as actitudes violentas e debeu chamar a Guardia Civil.