Antón Baleato, 33 anos, regresa de Berkeley cunha bolsa europea de dous millóns de euros: «Pódese facer ciencia de primeiro nivel desde este recuncho do mundo»
YES
O cosmólogo coruñés volve a Galicia cunha das axudas máis prestixiosas de Europa para formar un equipo que investigará por que o universo se expande cada vez máis rápido
22 sep 2026 . Actualizado a las 13:30 h.Non todo o mundo pode cumprir os seus soños. Antón Baleato Lizancos (A Coruña, 1993) está a facelo. Ou, polo menos, vai camiño de conseguilo. O cosmólogo coruñés, que estudou Física na Universidade de Columbia (tamén estivo en Cambridge e Berkeley), acaba de conseguir unha das bolsas máis prestixiosas da investigación científica no mundo, unha Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) dotada con dous millóns de euros. Nada máis e nada menos. E o destino dese diñeiro é tan ambicioso como a pregunta que hai detrás: entender por que o universo se expande cada vez máis rápido.
Baleato intenta explicar o obxectivo do seu proxecto da forma máis sinxela posible. Así que empeza dicindo que houbo unha primeira etapa de aceleración nos instantes iniciais do universo tras o Big Bang, e que agora, miles de millóns de anos despois, volve producirse. «É curioso», apunta. E tamén algo preocupante... Pero para el o importante é saber se existe algunha relación entre ambos períodos e achegar información decisiva sobre as leis fundamentais da natureza.
O quid, no microondas
O investigador tratará de encontrar a peza nese puzle dende o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago e a Xunta. Desde alí liderará o proxecto Accelens, co que estudará dous dos grandes mapas que hoxe permiten observar o cosmos: a distribución das galaxias e a luz máis antiga que podemos detectar, o fondo cósmico de microondas. E ten algo que ver co microondas da cociña? «Algo si», confirma cun sorriso e explica de forma didáctica que a onda do aparello doméstico é a mesma que foi emitida polo universo primitivo. Hai millóns de anos esa onda era moi curta porque tiña moita enerxía, pero a expansión do universo foi estendéndoa e debilitándoa ata chegar á banda das microondas. Baleato quere ver as distorsións que esa luz foi sufrindo pola gravidade das galaxias e da materia escura que atopou polo camiño. Fácil, non?
Cos dous millóns de euros, Baleato quere formar un equipo de aproximadamente media ducia de investigadores (1,5 millóns xa van para as contratacións) e ten claro que unha parte importante pode saír de Galicia. «Si, claro que si», responde cando se lle pregunta se poderá facelo con xente de aquí. Confía especialmente nos estudantes que se forman na Universidade de Santiago, que «non ten nada que envexar a outras universidades punteiras de Europa», aínda que a bolsa tamén lle permitirá atraer investigadores doutros lugares.
A súa volta a casa ten, de feito, algo de reivindicación. Baleato leva anos traballando nos Estados Unidos, pero asegura que para o seu campo dá practicamente o mesmo estar en California ou en Galicia, porque os datos cos que traballa proceden de telescopios situados en Chile ou Arizona. Quere demostrar «que se pode facer ciencia de primeiro nivel descentralizada, desde o noso recuncho do mundo». «Pouco a pouco espero poder facer de Galicia un lugar de referencia da cosmoloxía», engade.
A Canadá con 17 anos
Facendo o exercicio de mirar atrás, Baleato admite que chegou á cosmoloxía case por casualidade. De pequeno sempre sentiu curiosidade polo mundo da ciencia e tiña un pequeno telescopio co que miraba as estrelas. Pero non soñaba con ser físico ou astrónomo. De feito, o seu obxectivo era estudar na universidade unha enxeñería. Ao ir escollendo asignaturas, foi descubrindo que o que máis lle atraía eran as matemáticas e a física máis teóricas. «Así acabei chegando á cosmoloxía», resume.
Con 17 marchou da Coruña cunha bolsa para estudar durante dous anos nun United World College de Canadá, nun lugar que el describe como «un pouco hippie, nun bosque no océano Pacífico». Despois foi a Columbia, en Estados Unidos, onde se graduou en Física, e Cambridge, no Reino Unido, para facer o máster en Física Teórica e Matemáticas e o doutoramento en Cosmoloxía. Desde o 2021 desenvolveu a súa carreira de posdoutoramento en Berkeley. Un currículo que o pode etiquetar como neno prodixio, algo do que foxe a fume de carozo, xa que cre que esa imaxe pode transmitir unha visión pouco realista da ciencia e facer que quen non se vexa reflectido nela pense que non ten sitio nese mundo.
Quizais por iso recomenda á xente que se interesa polo universo non tentar entendelo todo dunha vez. A estratexia é outra: «Ir roendo pouco a pouco». Empezar por unha pregunta que esperte curiosidade, buscar información, achegarse a un coloquio, escribir a un investigador, atopar unha maneira de falar con alguén que traballe nese campo e continuar tirando do fío. El mesmo compara ese percorrido co que sucede cando un entra na Wikipedia e vai saltando dunha cuestión a outra. De feito, para Baleato, a resposta non é necesariamente o máis bonito da ciencia. «O bonito é o proceso de facer ciencia, esa viaxe de descubrir cousas, non tanto a resposta final en si mesma». Facer cálculos, discutir nos congresos, equivocarse, avanzar... Iso é o que el máis goza.
O seu planeta favorito
Tendo en conta que traballa mirando cara ao cosmos, cando lle preguntan cal é o seu planeta favorito non dubida: «A Terra». E a resposta vai acompañada dunha preocupación: «É o que máis hai que coidar».
Preocúpalle o planeta. Preocúpalle, por exemplo, que a contaminación lumínica fai cada vez máis difícil observar o ceo desde as cidades, pero tamén lle preocupan os satélites artificiais. Pon como exemplo os de Starlink, anunciados como unha maneira de manter conexión a internet en calquera lugar, pero que están modificando tamén a contemplación do ceo nocturno. Para el, ese ceo é «un patrimonio de todos, inmaterial, histórico, que nos conecta co pasado e co futuro». E non é só unha molestia para quen mira as estrelas por afección. Tamén complica o traballo dos científicos e investigadores. «Nos telescopios profesionais que utilizamos é imposible que as nosas imaxes non se vexan contaminadas por eses satélites artificiais», explica.
Por iso, para observar o ceo, cada vez hai que «escapar un pouco das poboacións». A el gústalle tirar cara á Costa da Morte, onde ademais ten raíces familiares. Tamén conserva unha relación moi especial coa Coruña. O seu lugar favorito é punta Herminia, onde ás veces vai «mirar o mar e gozar da brisa». Conta que escapa cando pode ata alí para pensar en cuestións do traballo. «Esa brisa axúdame a espertar e a pensar con máis clarividencia», asegura.
Entre tanto universo, galaxias, materia escura e telescopios, hai tamén tempo para o deporte. E para levar A Coruña polo mundo cunha camiseta do Deportivo. «Por suposto».