Aleksandr, dende Rusia con amor polo galego: «En Madrid houbo quen me tomou por galego polo acento»
YES
Este filólogo de Rostov é autor dun dicionario galego-ruso que vai pola terceira edición en cinco anos e tradutor do Doutor Zhivago. «Creo que lin máis libros en galego que en castelán», calcula este namorado da lingua de Rosalía. Estas historias de neofalantes amosan un interese pola nosa lingua que chega ata o Extremo Oriente
21 jul 2026 . Actualizado a las 17:10 h.Desde Rusia con amor, ao outro lado da pantalla, fala Aleksandr Dziuba (Rostov, 1990). Amor polo galego e por Galicia, á que este profesor e tradutor de Doutor Zhivago volve sempre que ten ocasión. Aleksandr antes de debutar en galego xa falaba español. «Cando estudei na Universidade de Alacante, tiñamos uns cursos. Alí descubrín Bágoas negras, un disco de música galega e asturiana, dedicado á catástrofe do Prestige», conta Aleksandr, que descubriu ese álbum no 2010.
Sete anos despois volveu dar co disco e decidiuse a traducir unha canción «coa letra dunha cantiga de Rui Fernandes». Daquela, era profesor de Filoloxía Románica e sabía «un pouco de portugués e outro de castelán». Quixo aprender galego en liña, e non atopou «nada, só unha páxina vella que non funcionaba ben cun ordenador moderno».
No 2019 xurdiulle unha oportunidade que non deixou escapar. A de ir á Coruña a traballar como auxiliar de conversa. «Daquela pensei que para vivir en Galicia tiña que aprender galego», di. E para ir armándose de palabras con xeito, comezou a facer un dicionario galego-ruso. Hoxe, ese dicionario con 21.000 entradas vai pola terceira edición en cinco anos.
Parécense o ruso e galego? «Algunhas palabras si, pero a maioría non», responde quen apunta que hai un interese en Rusia por Galicia e a súa lingua.
El ten actualmente seis alumnas de galego, «e a maioría delas xa falaban castelán ou portugués; teñen unha base».
Aleksandr querería vivir en Galicia. «Gustoume a maneira de vivir dos galegos, sodes agarimosos. A comida, estupenda. A choiva pode ser algo fatigante, pero o resto todo vai ben —valora—. Dende o principio eu notei na fala esa entoación melódica... E creo que pillei un pouco de acento galego mesmo cando falo castelán. Houbo xente en Madrid que me tomou por galego».
Aleksandr fala hoxe o galego acotío cun amigo americano afeccionado a esta lingua, Noah Chichester, autor do primeiro portal web dedicado en exclusiva aos viños de Galicia: Pero di que bota de menos falalo máis, con máis xente, aclara.
Este lingüista de Rostov nunca viviu a foliada pola causa da pandemia do covid. A falta da festa rachada foina levando el con literatura. «Creo que lin máis libros en galego que en castelán —calcula—. Gustoume moito Castelao. Traducín un conto que non se chegou a publicar. Encantoume A esmorga e tamén Memorias dun neno labrego». Cando falamos, el aínda non sabe que Neira Vilas será o celebrado no Día das Letras Galegas 2027.
Menos lle gusta Vicente Risco, admite. «Pero axuda a facer o dicionario! Porque inclúo palabras que non son recoñecidas pola RAG, pero aparecen nos libros. En Risco podes atopar un montón de palabras que a RAG non admite. Eu quero que a xente saiba que existen na literatura», manifesta este seguidor de Manuel Rivas.
Aleksandr aspirou ao Premio Plácido Castro pola tradución das máis das 700 páxinas de Doutor Zhivago e verteu ao galego os contos de Gógol.
«Se puidese, iría a Galicia todo o tempo», expresa este namorado do galego, que invita a superar «o autoodio que limita ás linguas minoritarias». Se o galego é a lingua nai dunha persoa, esta é a importancia, á marxe de que sexa útil ou non... A túa lingua é o que te distingue doutras persoas», pensa Aleksandr.
Hai palabras rusas que non teñen tradución, di, «e cousas que só existen en galego». Aínda que Pasternak e Gogol teñan o mesmo xeito na lingua de Galicia.
«Son o único Cibrán Xiran que coñezo, e falo chinés, galego, español e inglés»
Amor polas linguas é o que amosan os protagonistas desta familia «galichinesa», que vive o día a día con mestura natural de idiomas e culturas. Dende Rusia e China chégase a Galicia pola ruta da fala
ana abelenda
Santiago non chegou en barca de pedra a Hangzhou, a capital da provincia de Zhejiang, pero Hangzhou vén ser «a Compostela de China», segundo a comparación que fai deste destino cultural número un no xigante asiático a familia metade galega metade chinesa que forman dende hai vinte anos Vero López e Rui Guo. Dende hai dez anos, son tres, porque neste equipo multicultural «xoga» tamén o seu fillo Cibrán, espelido coma un delfín aínda que no horóscopo chinés sexa mono de lume. «Aparezo de fondo xunto a outras 81 persoas nun vídeo dunha canción de Pakolas durante cinco segundos», avanza este rapaz do club do Xabarín e que medrou en galego na escola, o CEIP de Caión.
Rui, o pai de Cibrán, é a parte oriental da familia que vive en Arteixo e desenvólvese no día a día na casa en varias linguas. A única lingua que utilizan de portas para fóra pero non no espazo doméstico do fogar é o inglés.
Cibrán, aos 10 anos, é un galego de toda a vida, fala chino dende que comezou a emitir sons e dende que ten uso de razón entrena a filosofía corporal do kung-fu. Pero non foi ata os 9 anos que coñeceu o sitio do que vén seu pai, unha aldea de Qingtian próxima a Shanghái. É a aldea de Sapu e, de primeiras, custa verlle a semellanza con Santaia de Chamín, a aldea de Arteixo na que vive esta familia «galichinesa», aínda que Rui vacila e acaba por decidir que «aquí hai tamén continuidade de casas entre Chamín e Monteagudo».
Na súa aldea natal non hai separación ningunha entre casa e casa; «é un continuo», explica este enxeñeiro informático que leva tres décadas en Galicia, fala galego e tense por «máis galego que español, sen que unha cousa quite a outra», resolve. O seu pobo chinés é de emigrantes. «Hai moita poboación chinesa en Europa que procede dese concello» oriental no que podes comer xamón e beber viños da Rioja. «De feito, alí estivemos nun bazar español», abroia un recordo recente en Cibrán, que ten na súa patria oriental sureña parte da súa identidade, primos, tíos e tíos avós. Os avós paternos viñeron para Galicia xa con Rui sendo rapaz. Así que non son galegos de berce, pero de crianza galega cen por cen.
O verán pasado a avoa chinesa de Cibrán tamén voou coa familia de volta para Qingtian. «Hai moita xente de aquí que marchou a España e outros países de Europa e no verán volven cos nenos», comenta Vero.
«A natureza, a forma que ten a xente de dicir as cousas, o humor son semellantes en China e en Galicia, Galicia é un sitio estupendo para coñecer a mentalidade china, as súas sutilezas»
Correctos e de bo dente
Rui sabe levar a morriña. De adulto, el estivo vivindo un ano en China por traballo, neste caso no norte do país. Tamén adoitaba viaxar antes da pandemia do covid á zona de Shanghái, pero a súa familia directa está aquí, é toda galega. No clima e no carácter algo hai entre Qingtian e Galicia, concede Rui. «Qingtian é tamén unha zona verde sendo urbana», di Vero. E Rui: «Son parecidos aos galegos, politicamente correctos. E son de comer». «Eu vexo máis similitudes entre China e Galicia que co carácter de Castela. Esa forma que teñen eles de dicir e entender as cousas, de maneira non directa, con ironía», pensa Vero. No pobo de Rui, nas aldeas que quedan nas faldras da montaña, conviven varios dialectos. «Teñen un dialecto para Qingtian, o concello grande, e outro para Sapu. É coma se para Barrañán houbese un idioma e para Coruña outro completamente distinto», explícame Cibrán, que atina nas comparacións. «A natureza, a forma que ten a xente de dicir as cousas, o humor son semellantes. Galicia é un sitio estupendo para coñecer a mentalidade china. Eles, como os galegos, non son nada-nada directos, por iso hai moita xente doutras comunidades de España á que lle custa entender a mentalidade de China e as súas sutilezas», subliña Vero. Entra Rui a matizar que en China tamén cambia o conto de norte a sur: «No norte son más directos e no sur moito menos».
Por amigos coñeceuse a parella. Foi na Universidade, ela estudando Socioloxía, el Enxeñería Informática. Vero e Rui son parella desde o 2006, así que cumpren vinte anos de relación e dez de fillo feliz da mestura das dúas culturas e tradicións que se abrazan nel. Cibrán ten tamén un nome chinés, Xiran («sen acento nin cousas raras»). «O meu pai queríame chamar Josito [Rui rebenta da risa cando Cibrán conta a anécdota]. Pero ao final son Cibrán Xiran. Son o único que coñezo», revela este sucritor do xornal galego da Costa da Morte O Papagaio, o xornal da xente miúda, e que ten como profe no cole ao músico Jose Carballido, que fusiona metal e muiñeira no seu grupo, A Sombra dos Soños.
«Na casa falamos chino, castelán e galego —conta Cibrán, que tamén é fan de Fran Amil e de Pakolas—. Meu pai fálame en chino e eu repondo medio en chinés e medio en galego ou castelán». O galego foi a lingua na que se criou Vero, de 51 anos e procedente de Sarria, de pais e avós galegofalantes. Na puberdade Vero comezou a falar castelán, porque os pais medraron xogando en galego, pero foron educados na imposición do castelán.
Con chinés e castelán maioritariamente na casa, e galego con gheada como lingua habitual no CEIP de Caión, onde acaba de rematar os estudos, medrou Cibrán, que pasa do fútbol, pero adora o cómic, o cine e o kung-fu.
«De todas as linguas que sei, o galego é a que máis me gusta», di. Por máis que a súa nai tivese que ir a clases de chinés sendo el moi pequeno para non perderse as conversas fillo-pai.
Botar unha partida do xogo Uno en chinés e en complicidade con pai é un dos pasatempos deste rapaz con riqueza de linguas, que quere avanzar co inglés. «Porque o inglés estudámolo fóra, pero na nosa casa non é idioma nativo de ninguén», aclara Vero.
Nesta familia con mestura de linguas non se pregunta a idade, senón o horóscopo, o chinés, abofé! Así se che preguntan «que anos tes?», dis «serpe de lume». E que boten contas se queren...
Breve radiografía do galego
Saben falar galego:
Aproximadamente 200.000 persoas en todo o mundo, fóra de Galicia
Segundo fontes proporcionadas pola RAG do informe «Lingua e xénero: estado da cuestión»
Neofalantes:
Son un 2% da poboación total de Galicia
Consulta a web neofalantes.gal para testar o interese polo galego dende Arxentina, Rusia ou o estado de Wyoming
Lingua habitual en Galicia:
O 45% da poboación galega usa sempre ou máis o galego có castelán no día a día
Datos do 2023 segundo o IGE