Kike Varela, DJ: «Cando pasan cousas como as de Julio Iglesias, non me apetece poñer a música deses artistas»
YES
O autor de «Mikaela» fala sobre a súa traxectoria e móllase sobre que canción o petará no 2026: «A nova versión de «6 de febrero», de Aitana, feita por María Escarmiento, vai triunfar»
23 ene 2026 . Actualizado a las 11:32 h.O mundo dos festivais non para de crecer. Decenas destes eventos celébranse en Galicia ao longo de todo o ano e, nalgúns dos máis prestixiosos, actúa Kike Varela, DJ e produtor nado en Santiago no 1996. O artista galego, autor de éxitos coma Muiñeira de chantada e Micaela, espera seguir a mesma traxectoria ascendente que tivo no 2025. «Foi o mellor ano da miña carreira», confesa.
—Que é o máis importante ao compoñer?
—Ter unha boa idea. Aínda que a canción non sexa perfecta a nivel sonoro, se buscas que o tema teña algo diferente e unha melodía que enganche, triunfará.
—Que canción non pode faltar nas túas sesións?
—A versión de A sementeira que fixo Iwaro, que é un artista galego. Está moi subestimada a nivel de números e reproducións, pero sempre que a poño o público vénse moi arriba.
—Cal será o tema deste ano?
—É un pouco cedo para ditar sentenza, xa que penso que aínda está por saír. Aínda así, vouche dicir a nova versión máis electrónica de 6 de febrero, de Aitana, que vai estrear María Escarmiento dentro de pouco. Vendo como lle funcionou o remix que fixo de Puedes contar conmigo, de La Oreja de Van Gogh, creo que esta vai triunfar igual.
—Prefires actuar nunha discoteca ou nun festival ao aire libre?
—As dúas opcións teñen partes boas e malas. Un festival mola moitísimo porque ao final hai miles de persoas e ves o recinto completamente abarrotado, é un experiencia visual espectacular. Nunha sala non hai tanta xente, pero moitas veces créase un ambiente incríbel, xa que todo o mundo que está aí é porque quere, nun festi non sempre é así.
—Cal é o teu festival preferido?
Téñolle moito cariño ao Rompetiño, que se celebra en Porto do Son, onde vivo eu. Levan confiando en min dende o 2018, malia que aínda non sacara ningún tema tan popular como Muiñeira de chantada ou Micaela.
—A cal queres acudir nun futuro?
—O meu soño e ir a Tomorrowland a actuar. Fun como público un par de anos e é impresionante, espero algún día ter a oportunidade de tocar.
—Que anécdota surrealista tes para contar?
—Recordo unha noite nunha discoteca na que a cabina do DJ tiña unha cristaleira pola que podías ver ao público, un rapaz empezou a sinalarme e a poñer o seu polgar no pescozo movéndoo dun lado a outro, como facendo o xesto de «Vouche cortar a gorxa». Pensei que me estaba ameazando con matarme, polo que me acheguei a falar con el. O único que quería era que puxese a canción de La gallina, na que un verso fala da decapitación dun destes animais. Vaia susto [ri].
—Débese poñer a música dun artista envolto nun escándalo como o de Julio Iglesias?
—Persoalmente, non é un cantante que me guste, pero cando pasa con algún DJ ou produtor que si escoito con frecuencia, por culpa deste tipo de polémicas, non me apetece poñer a súa música nas sesións.
—Algún ídolo que se che caese ao coñecelo?
—Tiven bastante sorte neste aspecto. Coincidín con DJ´s famosos a nivel internacionalcoma David Guetta e o trío Sweedish House Mafia e foron moi simpáticos e agradecidos, non houbo ningún problema ao pedirlles foto. Logo crúzaste cun artista emerxente moito menos coñecido e van de crecidos, nin che miran nos camerinos.