The Rapants fan a carta aos Reis Magos: «Levo desde os 15 anos pedíndolles unha Thermomix»

YES

Xaquín e Matías posan coa Thermomix que pide Samuel, no centro da imaxe, para os Reis.
Xaquín e Matías posan coa Thermomix que pide Samuel, no centro da imaxe, para os Reis. PACO RODRÍGUEZ

Unha minimoto que nunca chegou ou unha máquina de facer xeados. Xaquín, Samuel e Matías contan cales foron os seus regalos de Reis de pequenos e confesan que queren participar na cabalgata de Muros polo menos unha vez na vida. «Este ano pedimos felicidade para todo o mundo e moito cariño, porque agora non se dan tantos bicos. A xente xa non morrea», afirman

02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun punto de Negreira, o coche marca -0,5 graos. Pero a calor xa a poñen Samuel, Matías e Xaquín, tres das catro pezas que conforman The Rapants, e que en plena rodaxe agardan aos pés dun banco para contarnos como vivían de pequenos a visita dos Reis Magos.

«Sempre pedíamos a minimoto, pero nunca nola deixaron porque os Reis tiñan dous dedos de frente», comeza dicindo Samuel, que tamén admite que pedía nas súas cartas polos que máis o precisaban. «Outra vez foi a guitarra, pero non confiaron en min ese ano para que a tocase. Ao final caeu cando tiña 9 anos. Déronse conta de que tiña que ir aos poucos, foron eles os que marcaron os tempos», confesa.

«Eu pedía moito o xogo dos Sims para o ordenador, cada Nadal tiña un diferente. O meu xoguete frustrado foi a máquina de facer xeados. Creo que en Bazar Pepita non a había e por iso non a traían. Tampouco tiven o Scalextric, só o tiñan os ricos de Muros», confesa Xaquín. «Os Reis aquí eran bastante de mercar no comercio local, por iso tivemos todos o barco pirata de PlayMobil», puntualiza Samuel. «Eu pedín o Action Man ata que comecei a pedir coches teledirixidos», conta Matías. «A ti trouxéronche un patinete eléctrico, eh!», replícalle Samuel. «Pero iso foi cando fixen a comunión!», responde el.

«Os Reis Magos en Muros eran bastante de mercar no comercio local, por iso tivemos todos o barco pirata de PlayMobil»

Aínda que o tipo de regalos que desexaban foron cambiando coa idade, Samuel ten un en especial que se lle resiste desde hai unha década. Quizais porque non aparecía no catálogo do Toys “R” Us, do que tamén gardan bo recordo. «Levo desde os 15 anos querendo unha Thermomix. Non porque non saiba cociñar, senón porque a quero para complementar as miñas receitas. Váleme co modelo básico. A ver se este ano...», confesa. «Non cha trouxeron porque pesa moito», dille Matías.

«Deixeilles leite e galletas e levaron a alacena enteira»

E como era a noite de Reis para eles? «Canto antes durmise, antes espertaba e pasaba menos tempo de tensión. Agora aínda nos erguemos con ilusión», explica Matías. «Un ano deixeilles unha cunca de leite e unhas galletas e comeron a alacena enteira. Doutra vez deixaron a porta aberta e pensei que eran eles, pero era meu irmán que viña de festa», afirma Samuel.

E a pesar de que Xanma —o cuarto integrante do grupo— non puido estar, o resto da banda escribe na carta o que pensan que lle gustaría ter debaixo da árbore. «Xanma é moi organizado, entón para el pedimos unha axenda...», din rindo os tres. «Tamén é historiador da arte e gústalle moito ler, así que pode ser un libro de arte e de grafitis ou unha visita guiada a un museo», apunta Matías. «Os Rapants este ano o que van pedir para eles e para todo o mundo é felicidade. E unha boa aceptación do novo disco. Toda a xente que nos apoie será de gran axuda para nós», confesa Samuel. «E cariño para todos que hai moita falta. Xa non se dan tantos bicos», puntualiza Matías. «A xente xa non morrea. Estase perdendo iso. Xa non ves “papar” pola rúa», engade Samuel. «Agora vai todo polo móbil», afirma Xaquín.

Aínda que nestes tempos vai a menos «por Papá Noel», o ritual de ir ver a cabalgata de Muros sempre foi sagrado. «Eu fun de cabezudo e de romano», afirma Matías. Pola súa parte, Samuel ten unha petición especial. «Recalca, por favor, que as señoras maiores non poden ir cos paraugas á cabalgata. Terminantemente prohibido! Cando eramos pequenos pasábamolo moi mal porque nos pisaban as mans», indica. «Poñíano así en plan parabólica para os caramelos», engade Xaquín. E as lambetadas de alí daban para moito. «Chegaban os caramelos dun ano para o outro, había algunha tenda que ata os vendía. Os bares de Muros poñíannos de tapa como os cacahuetes. No verán estaban todos resesos xa», apuntan os tres entre risas.

«As señoras maiores non poden ir cos paraugas á cabalgata para coller caramelos. Terminantemente prohibido! Cando eramos pequenos pasábamolo moi mal porque nos pisaban as mans»

«Estades dispostos a que vos chamen do concello para facer de representantes dos Reis Magos?», pregúntolles. «Estouno desexando», confesa Samuel mentres se atreve a facer o reparto. «Xanma pode ser Melchor; Xaquín, Gaspar; e eu, Baltasar. Matías fai do paxe, que é o colega dos nenos e o que colle as cartas», engade. Sen dúbida, o que non lles vai facer falta e que as Súas Maxestades lles deixen unha «máquina del buen rollo» porque xa a traen eles de serie.