María Mera recorda os seus Reis Magos: «Coa bici que me deixaron, ía pola aldea cos meus irmáns facendo que eramos os técnicos dos contadores»

YES

María Mera levanta a boneca que lle trouxeron os Reis de Suíza
María Mera levanta a boneca que lle trouxeron os Reis de Suíza PACO RODRÍGUEZ

A actriz e presentadora bota a vista atrás e confesa como vivía a noite do 5 de xaneiro de nena e como a vive agora cas súas fillas. «Incúlcolles que non só está o material e dígolles que pidan unha experiencia. Un ano pediron tocar a neve», afirma

04 ene 2026 . Actualizado a las 15:29 h.

A noite do 5 de xaneiro é para moitos a mellor do ano. Porque despois de deixar un par de vasos de leite e un pouco de biscoito para que Os Reis Magos collan forzas e sigan repartindo agasallos polas casas de todo o país, non hai quen pague con cartos as caras dos máis pequenos —e non tan pequenos— ao ver a árbore de Nadal chea de paquetes envoltos pola mañá do día seguinte. Por iso, para María Mera o Nadal ten unha palabra clave: a ilusión. Non só agora, senón cando aínda era unha cativa. «Teño a sorte de non ser filla única e de ser a maior de tres irmáns. Tamén de vivir ao carón dos meus primos cos que pasaba tempo para xogar», afirma.

A actriz e presentadora considérase unha persoa moi familiar. «Non sei se é pola educación que recibín, pero penso que tamén depende de como sexa cada un. A min gústame estar coa familia e compartir momentos xuntos. Como vivíamos preto, eu sempre pasaba as tardes coas miñas primas na aldea. Iso ao final márcache e agora intento repetilo coas miñas nenas. Está ben que teñan amigos fóra da familia, pero manter o contacto cos seus primos e crear ese vínculo estame funcionando moi ben con elas», confesa.

«Unha boneca suiza»

E como agardaba María polas Súas Maxestades de Oriente? «Esa noite non durmiamos nada porque é unha mestura de emocións. Ás veces tamén tiñas como medo porque pensabas: «Vai entrar un home na miña casa para deixarme algo? Que tensión!», ri. Aínda así, conta que algún que outro ano non tivo a necesidade de meterse na cama para que aparecesen na súa casa. «Houbo algún ano que xa viñeron no propio día ao acabar de cear...», indica.

«Esa noite non durmiamos nada porque é unha mestura de emocións. Pensabas: «Vai entrar un home na miña casa para deixarme algo? Que tensión!»

Sen dúbida, hai un par de agasallos que lembra con moita ilusión. «Unha bicicleta morada... Acórdome perfectamente! Estaba agachada nun alpendre que tiñamos na aldea en Vedra. Non recordo moitas cousas de cando era pequena, pero ese momento téñoo gravadísimo», confesa. Tanto lle gustou que non lle quedou ningún recuncho por percorrer da súa zona. «Ía cos meus irmáns pola aldea adiante. Mirábamos os contadores como os técnicos e anotábamos nunha libreta. Eu creo que había que recuperar isto. Ou coller unha táboa e unhas pedras e xogar as peixeiras: “Quero un quilo de xurelos. Pois veña, un quilo de pedras!“, ri.

María non foi moi fan de ter bonecas. «Non o era. De feito, as miñas nenas tampouco o son moito. Espero que todo o mundo sexa coma min e pense que os xoguetes son de todos e para todos e non teñen sexo. No meu caso, eu tiña unha tía que vivía en Barcelona e cando viña, os seus Reis deixábanme a típica Barbie», afirma. Non obstante, hai unha en especial que aínda conserva polo seu valor sentimental. «Meu pai emigrou a Suiza a traballar e unha vez os Reis Magos trouxéronme de alí unha boneca suíza. Era a miña favorita. Imaxínate que recordo máis bonito!», puntualiza.

«Meu pai emigrou a Suiza a traballar e unha vez os Reis Magos trouxéronme de alí unha boneca suíza. Era a miña favorita»

Ademais, nunca botou nada en falta debaixo da súa árbore. «Eu crieime nunha familia humilde e sigo sendo dunha familia moi humilde. Penso que sempre fun moi consciente do que podía pedir e do que non. Era unha nena moi responsable. Miña nai sempre me dicía: “Eu levábavos a calquera sitio e nunca me pedíades nada”. Agora como ves nenos que o queren todo e non saben o límite... », explica.

E confesa que era unha nena apegada. «Segundo me conta, o único que quería era ir con ela. En realidade é un reflexo do que significa a infancia e os nenos. Ao final, o agasallo máis grande para eles é estar cos seus pais. Dá igual onde vaias», indica.

«Imos á praia en Aninovo»

María é nai de dúas nenas, unha de 10 anos e outra de 7. A presentadora di que a ilusión multiplícase cando tes nenos na casa. «É moi divertido, estou intentando manter a maxia ata o último momento. Eu penso que se non tivese nenas, sería aburridísimo! Porque xa non me movería para cumprirlle co que desexan», explica.

Aínda así, procura facerlles ver que hai moito máis alá do tanxible animándoas a valorar o tempo que pasan coas persoas. «Aproveito para inculcarlles valores que non sexan só o material. Sempre lles digo que lles pidan aos Reis Magos un xoguete que queiran, pero tamén unha experiencia para que poidan desfrutar. Por exemplo, a pequena pediu como experiencia durmir co seu mellor amigo. Cando se fixo real foi como: “Mamá, foi o mellor día da miña vida!”. Outro ano pedíronme que lles facía moita ilusión tocar a neve porque nunca o fixeran. O día que as levei a Manzaneda... Foi coller a bola de neve e lambela directamente!», ri.

Este ano, uns pequenos elfos axudantes de Papá Noel coáronse en todas as casas para vixiar o comportamento dos máis pequenos. Na de María tamén acabaron caendo. «Non era moi partidaria do tema elfos e uns días antes de que chegase Papá Noel tamén apareceu pola noite. Non hai escapatoria, fixo tamén das súas, unhas trasnadas!...», confesa.

E que tradición non se perde nunca en familia nestas datas? «A única que cumprimos é ir o día de Aninovo á praia», indica. Porque non sabemos a sorte que temos de vivir preto do mar e poder coller o coche para desconectar entre salitre e area. «Gústame ir cedo para a cama ata en Fin de Ano. Espértome, vístome, preparo un pícnic e marcho coas nenas e co meu marido para dar comezo ao ano vendo o mar. Levamos uns termos con infusións, sopiñas... Comezar o ano mirando o mar é un costume que impuxen eu na familia e que se está levando a cabo!», afirma.