O actor e presentador confesa que sempre pedía balóns, pero que os Reis nunca lle trouxeron a camiseta do Dépor. Ademais, o de Castelo explica como era o Nadal na súa casa. «Cando eramos pequenos facíamos un belén vivinte. Un ano fixen de pastorciño 3 e ao ano seguinte, ascendín e déronme o papel de rei», afirma
05 ene 2026 . Actualizado a las 10:48 h.O actor e presentador Xosé A. Touriñán —máis coñecido como Touri— ten claro o que nunca faltaba na súa carta. «Sempre pedía un balón de fútbol e facíame ilusión cada ano ter un máis guai que o que me deixaban o ano anterior. É certo que non tiñamos a variedade de modelos que hai agora, pero acórdome do Mikasa e do Tango», confesa.
Aínda que é deportivista de nacemento, nin Melchor, nin Gaspar nin Baltasar conseguiron deixarlle nada branquiazul. Nin a camiseta. «O problema é que antes non había onde mercala. Eu tiven a miña primeira camiseta do Dépor a principios dos 90, cando ascendimos naquela época. Había unha tenda en Coruña que facía as réplicas, non eran as oficiais. Así que nunca foi de regalo de Reis cando era pequeno», afirma.
«Non tiñamos a variedade de modelos que hai agora, pero acórdome do Mikasa e do Tango»
E sen ser un fanático das consolas, si que se acorda da primera que tivo nas súas mans. «Non era moito de maquinitas nin de videoxogos, pero lembro cando me deixaron a miña primeira Nintendo», explica.
«Tiña os ollos entreabertos»
Todo o mundo sabe que se quedas esperto, os Reis non fan maxia. Neste caso, o actor puido ser testemuña de como Baltasar entraba na súa habitación para colocar os agasallos ao carón da súa cama. «Estiven moito tempo dicindo que o vira entrar, así que imaxínate!», ri. Tan convencido está daquilo que aínda o mantén.
«Eu durmía con miña irmá. Tiña os ollos entreabertos e vin como os deixaba. Isto conteino moitas veces, pero estou seguro de que o vin. E aínda o penso!», confesa. Grazas aos seus fillos, Touriñán desfruta desta noite co mesmo entusiasmo de cando era un neno. «Vólvese moi divertido converterse en axudante dos Reis Magos. Ver como agardan cos nervios...», explica.
«Vólvese moi divertido converterse en axudante dos Reis Magos cando eres pai. Ver como agardan cos nervios...»
Tamén se considera unha persoa moi familiar. Tanto que aínda vive na súa aldea de toda a vida: Castelo. «Recordo que eran tempos de moita comida familiar. Pasar tempo na casa dos avós cos tíos, os curmáns... Como vivimos na mesma aldea, só había que camiñar cincuenta metros dunha casa a outra. Non facía falta coller o coche para chegar a casa nin viaxar a ningún lado», conta.
E fai un inciso para lembrar unha da súas primeiras actuacións. «Cando eramos pequenos facíamos un belén vivinte. Un ano fixen de pastorciño 3 e ao ano seguinte, ascendín e déronme o papel do rei Baltasar. Alí dei os meus primeiros pasos como actor», conta. En canto ás tradicións, el ten claro a que sempre cumpre. «A única tradición que teño é tomar unha copa cos amigos de aquí en Noiteboa. Poder estar xuntos e brindar polo menos unha vez ao ano», conclúe.