O mercado de Nadal que xunta toda a artesanía galega para revivir o casco histórico de Ribadavia
YES
A cita «Artesanía, saber e sabor» reabrirá locais pechados de vila medieval entre o 6 e o 8 de decembro con postos e obradoiros
03 dic 2024 . Actualizado a las 20:04 h.Centos de galegos dedican a súa vida a facer da materia prima da que goza a comunidade un produto de excelencia. No ámbito da alimentación ou da arte. Por ser quen aposta por crear e producir en Galicia, tamén serán os encargados idóneos de revitalizar os cascos históricos de diferentes vilas onde a vida vai a menos. Un proxecto piloto iniciará en Ribadavia a reapertura efémera de locais en desuso como parte dun mercado de Nadal que combinará postos e obradoiros. É un proxecto da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería do Medio Rural. A cita leva o nome de Artesanía, saber e sabor e terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro. Tres días para degustar os produtos de Artesanía Alimentaria e coñecer as creacións de Artesanía de Galicia entre o patrimonio histórico da vila ourensá.
O especial mercado de Nadal de Ribadavia é a primeira das novas experiencias coas que a Xunta busca poñer en valor a artesanía galega ao mesmo tempo que fai do comercio un motor económico para as cabeceiras de comarca. A capital do Ribeiro poderá revivir parte do seu casco histórico grazas aos artesáns. Artesanía, saber e sabor estará presente na praza Maior, no entorno da igrexa da Magdalena e nunha das rúas que comunica ambos lugares. A iniciativa acondicionará e reabrirá distintos baixos que actualmente están pechados para instalar os obradoiros dos artesáns. Na praza Maior establecerase unha carpa dos participantes de Artesanía Alimentaria, e Artesanía de Galicia estará na igrexa da Magdalena, con dez expositores de olería, cerámica, bixutería, coiro, calceta ou moda. Ademais, a Denominación de Orixe Ribeiro terá un posto propio para que os viticultores da comarca dean a probar os seus viños. Estará aberto todo o día, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
Ribadavia foi escollida por ser unha vila peculiar e cun gran potencial turístico. Presume dun conservado casco histórico onde queda a pegada da súa orixe medieval. Ten a catalogación de Ben de Interese Cultural. «É unha zona moi chula, cunha paisaxe e unha cidade en si que pode ser moi positiva para que o consumidor se anime a visitala», defende David Liñares, que será un dos expositores coa súa marca Mel de Liñares. Pola súa proximidade a Ourense e a Santiago, moitos turistas anímanse a coñecer a vila e, no primeiro fin de semana de decembro, tamén poderán ver de primeira man os artesáns galegos.
Para que o mercado sexa unha experiencia o máis integral posible, decidiron unir as dúas marcas de Artesanía. Queren crear sinerxías entre todos os tipos de produtores e de ramas de creación para ser un escaparate completo. «Paréceme unha boa idea xuntar forzas para que os consumidores poidan coñecernos a todos», defende David Liñares. Por parte de Artesanía Alimentaria, participarán pequenas empresas de queixo, xeado, mel, embutidos e derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos. Haberá catas, demostracións de cociña e obradoiros. Para o produtor de Lalín, David Liñares, este tipo de iniciativas son importantes para que os consumidores coñezan o traballo que hai detrás dos produtos galegos. «Aínda falta moita educación nese tema, así téñennos en fronte e poden saber os nosos procesos, de onde vimos e que intentamos conseguir coas nosas marcas», asegura. Ademais é esencial a oportunidade de poder probar os alimentos e tamén ver como se poden empregar na cociña.
A programación de Artesanía, saber e sabor contará con obradoiros tanto pechados como abertos ao público. Tamén haberá música e baile con dous concertos de agrupacións galegas. Os clientes poderán optar a sorteos de caixas de produtos de artesanía os tres días do mercado e, ademais, haberá un taller de debuxo con premio incluído. Vinte persoas poderán participar debuxando diferentes aspectos do propio evento en Ribadavia. Haberá un concurso final e o gañador vai levar 150 euros e unha caixa de produtos de Artesanía Alimentaria.
Distintos talleres
Os talleres serán de elaboración de sanandresiños con Jorge Bellón; de torno cerámico con Nerea Carpente de Peixe Nero e con Carlos San Claudio; de Cianotipias, con Peixesapop; e de estampaxe de teas con serigrafía de Sandra Betanzos, creadora de Amor a o teu. As súas creacións son orgánicas e de materiais de proximidade que mostran unha profunda conexión con Galicia. En Ribadavia dará tres cursos diferentes. O primeiro será de estampaxe en tea de algodón con motivos de Nadal, para crear decoración para estas datas. O segundo será de estampaxe de selos sobre papel para finalizar cun farolillo cunha vela que cree un cálido ambiente para o Nadal. Por último, tamén realizará postais enfocadas nesas datas. «O mercado é unha boa maneira de conectar coa xente e que poida valorar o traballo que facemos os artesáns, é unha gran fiestra de visibilidade», subliñou Sandra.
Ter un espazo de contacto directo co público é considerado unha gran vantaxe tamén para Verónica Souto, do taller Floradeira. Esta artesá de Paderne fará demostracións de decoración de fachada, coa elaboración dunha grilanda e unha coroa XXL. Ademais, impartirá obradoiros para realizar coroas de Nadal. «Poder ensinar así o meu traballo é estupendo porque eu vendo online, xa que os materiais que emprego son delicados, e non teño un punto de venda», argumenta. En Ribadavia os interesados aprenderán as técnicas básicas para poder recrealo cos materiais da súa contorna. Verónica emprega plantas de cultivo propias ou de temporada e proximidade. É a base da súa filosofía: apostar polo local e ensinar á xente que as follas, flores e plantas autóctonas de Galicia poden ser a mellor das decoracións. A emprendedora defende os obradoiros xa que así os clientes poden valorar a artesanía: «Cando ven como se fai, a xente ve o valor do noso traballo, entenden o prezo dos produtos artesanais, polo tempo e a dificultade que teñen». As coroas son precisamente o adorno que máis gusta facer e tamén, segundo Verónica, o máis complicado. Unha persoa profesional tarda máis dunha hora en crear unha e nos talleres dedicarán unhas dúas horas a facer algún dos máis sinxelos. Así o cliente experimentará a complexidade do seu traballo artesanal.
Proxecto piloto
Este primeiro mercado de Nadal de Ribadavia é unha iniciativa piloto que terá a súa continuidade durante o próximo ano. A Xunta xa traballa no programa Vilas vivas, que levará esta idea a outras localidades históricas da comunidade. Desenvolverán eventos efémeros que poidan atraer visitantes durante as fins de semana, ligando o comercio, a gastronomía, o turismo e a cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca. Sobre todo os barrios vellos e históricos de gran valor patrimonial. Estas citas estarán abertas á participación de artesáns, bodegas e produtores amparados polo selo de Artesanía de Galicia, ou mesmo outlets de moda. En todas as localidades nas que se implante este proxecto e se recuperen establecementos pechados, a Xunta traballará estreitamente co tecido comercial local. Ese que tampouco se rende en apostar polo produto galego e polas pequenas poboacións. O obxectivo é potenciar o comercio como un motor de dinamización a todos os niveis, económico, social, hostaleiro ou turístico.