Jose Costas Fischer: «Empecei o grao de Física, acabei o de Nutrición e aprobei unha oposición, pero son cantante de orquestra»

Candela Montero Río
Candela Montero Río REDACCIÓN / LA VOZ

YES

Oscar Vázquez

Soñador, ambicioso e polifacético, Costas soubo sobrepoñerse a que unha lesión lle impedise cumprir o seu soño de vivir do fútbol. Agora, centra todos os seus esforzos en saltar da verbena ao éxito en solitario

12 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Jose Costas Fischer (Fornelos de Montes, 1996) é polifacético e apaixonado. Encaixalo nunha soa faceta é complicado, por non dicir imposible. É futbolista, nutricionista, exopositor e amante da física cuántica. E iso só nos 27 anos que leva neste mundo. Pero sobre todas as cousas é cantante.

O primeiro polo que se decantou foi pola Física e comezou a estudar esa disciplina cando rematou o bacharelato de ciencias: «Non son eu moi destro para os números, pero eses temas sempre me interesaron: os universos paralelos, a non linealidade do tempo, os buratos negros...», explica. Pero, aínda que o que estudaba lle apaixonaba, tivo que deixalo porque era «incapaz de chegar a todo».

E é que a Costas, como o coñece todo o mundo, o tempo libre nunca lle sobrou. Durante moitos anos compaxinou os estudos coa música e o fútbol, a súa outra gran paixón: «Sempre foi unha parte moi importante da miña vida. Cheguei a adestrar catro días á semana», lembra. Conta que durante anos o seu futuro estivo enfocado a dedicarse profesionalmente a este deporte, e incluso rozou a fichaxe por un equipo de Primeira División, pero unha lesión nun nocello cambiouno todo: «Aí truncóuseme un pouco a vida, non sabía por onde tirar e tiven que reformularmo todo», confesa. «Moitas veces pensei en como me cambiou a vida esa lesión. Creo que sen ela, agora estaría nalgún equipo vivindo do fútbol», reflexiona.

«Sen a lesión agora estaría nalgún equipo vivindo do fútbol»

Ese foi o momento de retomar outra das súas paixóns. En realidade, toda a súa vida foi un continuo tira e afrouxa entre o fútbol e a música, na que comezou sendo ben pequeno. Xa con cinco anos ía ao conservatorio: «Estudei dez anos de piano e cinco de coro», lembra Costas. No seu día deixouna polo fútbol, pero a lesión fíxoo volver. A través dunha amiga entrou no mundo das orquestras, algo que sempre lle chamara a atención, pero que ata ese momento nunca tivera a oportunidade de probar. A día de hoxe, sete anos e sete formacións despois, pasa o verán enriba do palco da orquestra Triunfo.

Da nutrición á oposición

Pero, incapaz de atender a unha cousa soa, Costas decidiu comezar outra carreira e compaxinou os seus estudos do grao en Nutrición e Dietética co seu traballo na orquestra: «Foron momentos duros para sacar horas de onde non había», confesa. Uns estudos que rematou este ano e que cursou mentres seguía adestrando ao fútbol porque, aínda que se lle truncou o de fichar por primeira división, el nunca deixou de xogar. De aí, precisamente, lle viña a curiosidade por esta disciplina: «Ao practicar deporte a un alto nivel durante anos teste que coidar nutricionalmente e a raíz de aí empezoume a interesar o tema». «Quizais non o enfocaba tanto a nivel laboral, pero no persoal era algo que me chamaba a atención», explica.

Pero as súas inquedanzas non teñen limites: «No seu día estiven entre nutrición e arqueoloxía!», confesa. «Son unha persoa moi curiosa —engade—, gustaríame ata ser astronauta!». Esa curiosidade levouno incluso a probar sorte no mundo do emprego público. En parte por influencia familiar, e en parte porque a pandemia fixo que o traballo na orquestra se parase, comezou a preparar unhas oposicións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Fíxoo mentres traballaba de noite, doce horas durante as fins de semana nunha fábrica. Aprobou os exames, pero a nota de corte fixo que non conseguise praza, e confesa que non repetiría a experiencia de traballar e opositar á vez.

«Vivo da orquestra»

Agora vive da verbena galega. Un traballo, o de cantante de orquestra, cheo de bos momentos, pero que tamén ten a súa cara B. «O verán empeza moi ben, con ánimos, pero despois chega agosto e acabamos todos coa lingua fóra», ri. A organización, di, é o máis difícil: «A peor parte é o tema das horas de sono e das viaxes. Xestionalo é complicado». A pesar de todo, está seguro que «poder dedicarse á música e vivir diso compénsao todo». De feito, ten clara cal é a súa formación soñada: «A Panorama, sen dúbida. Un dos meus obxectivos pasa por tocar nesa orquestra», sinala.

Aínda que agora a música en xeral e a vida de orquestra en particular lle consomen boa parte das súas horas, a cabeciña non para: «Algún día incluso me gustaría probar no mundo da interpretación», conta. «Non un papel protagonista, claro, pero poder ter un personaxe secundario nalgunha serie ou película encantaríame», confesa Costas. Despois de todas estas facetas, agora Costas ten un único obxectivo: dedicarse á música. O seu soño é claro: «Facer a miña música, dar concertos e que a xente cante as miñas cancións». «Voume dedicar á música si ou si», sentencia. Esa actitude, cre, é o primeiro paso para conseguilo: «Penso que é moi importante ir con esa idea clara, porque hai moita xente moi boa», defende. «A veces penso que me estou metendo en camisas de once varas, que xa vou tarde ou que ao mellor non o consigo, pero se non o intento seguro que non o logro», reflexiona.

De momento, está apostando firmemente por ese camiño. Empezando polas súas contas en redes sociais, que xa son unha clara mostra disto: no seu Instagram (@jcostas1) xa é practicamente imposible dar cun contido no que non estea presente a música.

Pero non todo queda na pantalla: «Estou traballando cunha profesora de canto, gravando covers doutras cancións e voume presentar a máis programas de televisión». Fala de «máis programas» porque este ano debuta na Liga dos Cantantes Extraordinarios, da Televisión de Galicia.

Mesmo rexeitou ofertas por perseguir este soño: «Deixei por completo o fútbol para dedicarme á música ao 100 %. Chamáronme para volver xogar, pero dixen que non. Vou a tope coa música», defende. «Tampouco estou buscando traballo e estou vivindo do que gano no verán coa orquestra, porque me estou empregando a fondo neste obxectivo», engade.

Un soño no que os que o apoian teñen un papel fundamental, sobre todo a súa familia. Unha familia que ao principio «non o vía de todo claro» e mesmo lle recomendaban que o da música o deixase «como un pasatempo», pero que hoxe en día son os seus primeiros fans: «Van vendo que parece que sirvo para isto e ao verme enriba do escenario foron cambiando. Agora, anímanme sempre a loitar polo meu soño», relata Costas. Tanto é así que mesmo ten un club de fans en Alemaña! «A miña familia por parte de nai é de alí e sempre me ven pola televisión», explica. «Non terminan de entendelo todo, pero aí están!», remata.