Manuel Valdés, experto en desenvolvemento persoal: «Os homes necesitamos espazos para poder falar dos nosos sentimentos»

YES

Manuel Valdés é psicólogo e está especializado en desenvolvemento persoal.
Manuel Valdés é psicólogo e está especializado en desenvolvemento persoal. JUAN LÁZARO

Acaba de poñer en marcha en Santiago un grupo para falar de temas particularmente masculinos: «A vulnerabilidade non se nos permite. Nos homes está máis validado o enfado que a tristeza»

01 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Psicólogo especializado en psicoterapia Gestalt, centrada no desenvolvemento persoal, Manuel Valdés (Compostela, 1990) ultima os preparativos para poñer en marcha en Santiago un grupo de homes. É unha iniciativa promovida pola fundación Claudio Naranjo na que traballará man a man con Ramiro Díaz. O primeiro encontro será o sábado 4 de novembro e despois repetirase unha vez ao mes ata xuño. «No primeiro non habería compromiso de permanencia, queremos que a xente poida probar e ver se lle encaixa», asegura o profesional da saúde.

—A quen está dirixido o grupo?

—A maiores de 18 anos. Todo home ou persoa que se sinta como tal ten cabida. Todo aquel que teña unha inquietude cos movementos que se están dando na sociedade, en coñecer as partes da masculinidade e como nos afectou aos homes o patriarcado, porque nos afecta a todos, e querer facer algo distinto con iso.

—E por que un círculo de homes?

—No meu ámbito profesional hai sobre todo mulleres e a nivel de formación, que se fai en grupo, eu percibía a necesidade de poder falar dalgúns temas que poderían ser máis particularmente masculinos coa comodidade de falalo con homes. As mulleres hai tempo que gozan de círculos para expresarse desde aí, e os homes non movéramos esas fichas, polo que sexa. Podemos xuntarnos para cousas máis superficiais, que tamén están moi ben, pero cando toca falar de como estamos hai menos facilidade.

—Que busca?

—Na miña experiencia, falando con amigos ou coñecidos, cando lles conto que vou facilitar un círculo de homes, as caras que atopo son moi diversas. Hai desde quen pensa que isto é unha secta ou que pregunta que facemos. O grupo de homes pretende construír un espazo no que poder expresarnos, no que non haxa un xuízo por parte dos participantes, para coñecerse cada un e coñecer o que ten ao lado. Porque moitas veces tanto homes como mulleres identificámonos nuns roles de xénero que non necesariamente se axustan á realidade. E son eses roles os que dalgunha maneira censuran, restrinxen a nosa liberdade ou o que somos. Parece que para ser home hai que ser forte, estar seguro, ser resolutivo, non podemos expresar emocións, sensibilidade, ningún tipo de vulnerabilidade. E iso non é real.

—E pesa?

—Pesa moito porque por natureza somos seres emocionais e non podemos expresarnos. Se estamos contactando cunha tristeza, en vez de chorar o que podemos facer é enfadarnos. No caso dos homes está máis validada a expresión do enfado que a da tristeza. A vulnerabilidade é o que menos se nos permite. Se estamos nun entorno familiar no que as emocións se xestionaron con silencio aprendemos que non está ben expresalas. Pero agora hai unha demanda da sociedade de poder contactar coas nosas emocións de maneira máis sa. As respostas que antes non estaban tan mal vistas, agora si, e con razón. E como podemos aprender a xestionarnos? Nestes grupos pretendemos coñecer como somos, cal é a nosa natureza, como sentimos ou nos relacionamos por ser homes, e o que tragamos polo patriarcado por ser homes.

—E que tragan?

—Tragamos o silencio emocional. Non nos expresamos. O que aprendemos é que non hai que expresar. Todo ese sufrimento vai para dentro e estáncase e fai máis dano. O que pretendemos é dar lugar a xuntarnos entre os homes para poder expresarnos, escoitarnos, comprendernos e de aí poder integrar as cousas boas e as non tan boas. Os círculos son espazos para falar dos nosos sentimentos, porque os homes necesitamos lugares onde poder falar diso.

—O patriarcado e ter que ser fortes e seguros son os mitos que máis lles pesan?

—E o do silencio, non poder expresarnos. Tragamos iso e as consecuencias son moi graves, porque as porcentaxes de suicidio son bastante maiores en homes que en mulleres, tamén en adiccións, en violencia... non só violencia de homes a mulleres, senón entre homes. Son maneiras non adaptativas e moi daniñas de xestionar algo que está dentro. Son consecuencia dese silencio emocional, que foi o que aprendemos derivado do patriarcado. Esa censura é terrible. O que buscamos é poder revisar eses mitos.