
Chegou a Galicia por amor aos textos de Rosalía de Castro e enseguida impregnouse da cultura propia. «Vir aquí e non cantar en galego é un pecado», sinala
08 jun 2023 . Actualizado a las 14:13 h.Annie namorouse de Galicia antes de poñer un pé nestas terras. Estudou Filosofía Romántica en Rusia, onde tivo o seu primeiro contacto coa cultura a través de Rosalía de Castro. Foron os escritos da autora galega os que espertaron en Annie o interese de escoitar cos seus propios oídos o acento que envolvían eses textos. E así foi. Mudouse a Santiago de Compostela para finalizar os seus estudos na universidade, onde tamén se apuntou a un curso de galego dirixido a xente estranxeira. Apenas lle custou, aprendeu a falar galego antes que castelán. «En canto empecei a manexar un pouco a lingua, souben que se non o levaba ao meu día a día sería como se non aproveitase a beleza desta cultura», explica.
Coñeceu ao seu marido na universidade. «Enredeime nas silvas galegas. Dende que o coñezo só fala galego, así que me acostumei a responderlle na mesma lingua», lembra. E de xeración en xeración, os fillos non ían quedar atrás.Tras ter aos seus dous fillos, na súa casa non se fala outro idioma que non sexa o galego.
Ademais, Annie é profesora de canto e piano nun conservatorio. «Cos meus alumnos tamén falo en galego, de feito, trato de ensinarlles cancións que fagan referencia á cultura. Grazas a eles, aprendo cada día unha palabra nova, que logo comparto cos meus fillos». Para Annie, «vir aquí e non cantar en galego é un pecado, na música descubrín unha nova vertente que é a que me apaixona de verdade». Ademais, vese reflectida nunha dos seus maiores referentes, Dorothe Shubart, a musicóloga e compositora suíza que compuxo xunto con Antón Santamarina o Cancioneiro popular galego. A artista, do mesmo xeito que Annie, mudouse a Galicia e namorouse da música popular.