«Somos o cole máis roqueiro de Galicia»

YES

Ana García

O Jack Black de Caión. Tanto o profesor de música como o director deste centro educativo teñen un grupo que fai as delicias dos nenos

09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se viches a película School of Rock, na que un profesor logra empoderar aos seus alumnos a través da música, debes saber que algo así está pasando na fermosa vila de Caión. Se cadra terás que botarlle unha melena algo máis extensa e rizada ao mestre protagonista, quitarlle quilos de peso e engadirlle unha defensa das letras das cancións en galego. Feito iso, atoparás unha historia moi parecida —e esta é real— en Galicia, en concreto, no concello coruñés de A Laracha.

Mesmo remata de igual xeito: cos rapaces triunfando nun concurso de música, que neste caso é o Quero Cantar da Deputación provincial. Pois ben, o Jack Black do CEIP de Caión chámase Jose Carballido é un compositor e intérprete de longa traxectoria musical (xa pasou por proxectos como Réquiem ou Khitara). Na actualidade, compaxina o seu traballo como mestre de música no CEIP de Caión coa composición e a interpretación musical. Imparte esta materia dende os 3 anos ata aos 12. É dicir, en educación infantil e primaria.

«Supoño que o alumnado está orgulloso de ter un profe roqueiro. A relación que eu teño con eles é moi estreita e síntome moi querido». Sobre se os rapaces son máis de pop ou de rock, explica: «Cos nenos pasa algo moi curioso: que non teñen prexuízos. Entre os adultos sempre escoitas que se ese estilo musical me gusta ou ese outro non, pero aos nenos e as nenas gústalles todo. E aceptan todo con moitas ganas. O enerxético está claro que lles acae, porque se poden mover e adoita ser máis alegre. Cando lles poño algún vídeo meu en YouTube sorpréndelles e failles ilusión».

Agora Jose Carballido acaba de formar un novo grupo que se chama A Sombra dos Soños e pásmense, aos teclados está Jose Roca, que é o director do cole. «Coñecémonos hai tempo. Falei con el e converteuse en membro da banda. Creo que somos o cole máis roqueiro de Galicia, [ri]!». O resto da formación ten outros dous mestres máis, neste caso profesores moi coñecidos da Escola municipal de música da Coruña: Daniel Añón, na guitarra eléctrica, e Lalo Carnota, no baixo. A todos eles súmase, nesta andadura musical de Jose Carballido, Diego Lestón na batería.

O seu primeiro disco, chamado I mestura diversos estilos de rock e metal con letras integramente en galego. «Ocorréuseme no 2021, cando me puxen a compoñer en galego. Vin que a sonoridade me agradaba e que me estaban saíndo temas eclécticos dentro do rock e decidín gravar nun estudio en condicións. Contei con xente coa que eu levo moitos anos tocando e estamos moi contentos. Agardamos que nos vaian saíndo datas para poder tocar en directo que, ao fin e ao cabo, é o que nos gusta aos músicos. Dos discos os grandes non viven e nós, moito menos». Aos rapaces do cole gústalles moito o disco. «Encántanlles as nosas cancións, cántanas e a min faime moita ilusión que sexa así», confesa Carballido.

O proxecto é noviño e aínda non actuaron no cole, pero na festa de fin de curso si que van tocar un par de temas tanto o director como el. «Algo haberá que facer», avanza.

Polo de pronto, o que xa fixeron foi levar aos rapaces a triunfar nun concurso musical, como na peli que dicíamos antes. A banda do CEIP de Caión, O Ritmo dos Soños, formada polo alumnado do colexio larachés co seu docente de música Jose Carballido á fronte, vén de triunfar no certame provincial Quero Cantar, convocado pola Deputación da Coruña. O seu tema Nunca deixes de soñar mereceu o primeiro premio na categoría infantil do concurso, arrancando vítores e aplausos do público durante a gala celebrada no teatro Colón da Coruña o pasado mes de abril. Sobre todo cando unha alumna, Adriana Lareo, atreveuse a bailar unha muiñeira metal tocada por Carballido á guitarra. Esta era, ademais, a segunda vez que o colexio gañaba o certame. Xa o lograran no 2019.

Un mestre moi musical

Algo terá que ver en todo isto este mestre de Caión, amante da música sen igual, que xa dende moi pequeno empezou a tocar o violín e o piano (con tan só sete anos). Pronto se aburriu destes instrumentos, «debido ao desfasamento existente entre a música que me resultaba atractiva e a música que o sistema académico me impoñía». Uns anos máis tarde retomou os seus estudos musicais, sendo esta vez a guitarra o instrumento elixido. Axiña descubriu a súa paixón pola composición, licenciouse en guitarra polo Conservatorio Superior da Coruña e rematou o grao superior co guitarrista Ramón Carnota como mestre. E comezaron a chegar os recoñecementos. En música moderna levou o primeiro premio no concurso Aguillolo Rock (2002), así como o segundo posto no festival da canción de Ordes (2003), ambos como cantante, compositor e guitarrista do grupo Mízar. Tamén participou noutras agrupacións musicais como Piazzolla (interpretando música do compositor arxentino), Dezine (bandas sonoras) ou Aeternam (versións de rock). No 2011 estreou a súa obra Réquiem, para grupo de rock progresivo e coro clásico por diferentes teatros de Galicia. O disco, publicado pola casa discográfica Musea Records, foi nominado aos premios ProgAwards. No 2016 publica un EP de pezas propias co grupo Khitara, banda formada por dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas, caixón flamenco e voz. Agora os seus soños están centrados en seguir contaxiando paixón pola música co seu novo proxecto. No seu cole de Caión ese soño xa se fixo realidade.