Jorge Mira: «Non son partidario de que Galicia teña o mesmo fuso horario de Portugal»

YES

Sandra Alonso

«Se non cambiásemos o horario, agora na Coruña estaría saíndo o sol despois das dez da mañá», explica o físico, que a tarde máis longa do ano será o 28 de xuño. «O solpor máis bonito é o da Costa da Morte», afirma

17 ene 2023 . Actualizado a las 17:10 h.

Jorge Mira é físico e foi membro da comisión do Goberno para a análise horaria. Experto en diversos temas, abre luz (nunca mellor dito) en todas aquelas cuestións que teñan que ver coa presenza ou ausencia do Sol na Terra, os fusos horarios e amosa toda a súa sabedoría arredor de como van medrando as tardes e as mañás a partir deste momento.

—Cantos minutos estamos gañando de luz ao día agora mesmo?

—A ganancia de minutos/día non é constante ao longo do ano. O ritmo cambia e é moi lento despois do solsticio, que é agora mesmo. As tardes empezaron a medrar desde o día 9 de decembro, e levamos gañados 24 minutos na nosa latitude respecto a ese momento, o día que se puxo o sol máis cedo en Galicia, que foi ás 18.00.

—Foi o día máis curto ese 9 de decembro?

—Foi a tarde máis curta. Porque iso é curioso, non coincide o día da tarde máis curta co día da mañá máis tardía. Iso débese a que a Terra non vira cunha circunferencia perfecta arredor do Sol. A velocidade da Terra non é sempre a mesma, hai uns días pasou polo punto máis próximo ao Sol a 110.700 quilómetros por hora. Pero o 4 de xullo vai pasar a uns 103.000. Iso crea ese desbalance entre o momento en que empezan a medrar ou perder as mañás e o momento en que empezan a medrar ou perder as tardes.

—Agora mesmo a que hora está amencendo?

—No eixo Ferrol, Coruña, Pontevedra, Vigo, arredor das 9 da mañá.

—E a noite?

—Ás 18.24.

—Cal é a zona máis escura de Galicia?

—É difícil de dicir porque depende da orografía. Imaxínate unha zona que estea nun val. Estou pensando no interior montañoso da provincia de Ourense, alí as montañas van tapar o sol enseguida. Ao mellor desaparece ás catro da tarde debido ás montañas. Pero a diferenza solar é nada. En Ourense o solpor agora é ás 18.22 e en Santiago ás 18.23. O que inflúe é a orografía, é como se vives nun primeiro ou nun oitavo, a luz non é a mesma.

—Entre Galicia e o leste de España hai moita diferenza?

—Si. Por exemplo, en Xirona agora ponse o sol ás 17.40. Esta diferenza non é a mesma no inverno que no verán. Ademais, súmalle que os coruñeses ven poñerse o sol no seu máximo percorrido. Porque un tipo de Xirona se mira cara ao oeste, ve terra, non ve mar. O punto do atardecer alí sempre será menor. Un coruñés, en cambio, non ve saír o sol do mar, sáelle pola terra, por iso vai sempre ter un punto de amencer máis tardío.

—Agora cantos minutos gañamos en total ao día?

—Agora levamos gañados 24 minutos de tarde, desde o 9 de decembro, como che dicía. E só levamos 3 minutos de mañá. Ese ritmo de crecemento do día agora é lento, porque está empezando o solsticio, é como unha bola de neve que está arrancando e vai chegar ao seu momento máis rápido cando esteamos no equinocio, o vinte e pico de marzo, onde crecerá 3 minutos ao día entre mañá e tarde. Agora medra arredor dun minuto e medio de luz ao día.

—Se non cambiásemos a hora, que pasaría?

—Pois se sempre tivésemos o horario de verán, agora mesmo na Coruña estaría saíndo o sol algo máis tarde das dez da mañá. E se estivésemos co de inverno, estaría amencendo ás 5.50. Pero hai que pensar en España, en clave de país: se non cambiásemos a hora, en Xirona amencería en xuño antes das 5 da mañá. O día é algo que flutúa moitísimo, a natureza é así. Pero a poboación europea ten moi claro que quere ter dispoñibilidade de sol pola tarde. De feito, cando discuto disto, sempre digo: ‘Pregúntalle a un funcionario que ten horario de 8 a 3, se preferiría ter o horario de 9 a 4, e verás que ningún’.

—Non es partidario de ter o fuso de Portugal?

—Non. Portugal está afeito ao seu ritmo, e Galicia e España ao seu. Portugal é un país moi estreito con moita homoxeneidade horaria. A súa dinámica social é distinta á española. E nós facemos vida con España. Hai 150 anos, a xente da Coruña movíase distinto que a xente de Xirona ou Toledo. A primeira regulación horaria é de 1901, así que os labregos guiábanse polo sol, os reloxos existen desde sempre, pero a regulación, a sociedade coordinada, é relativamente recente. Agora Coruña e Xirona son o mesmo espazo social e económico, guste ou non.

—Galicia non é Portugal...

—Claro. Galicia tamén aprendeu cando ten que facer as súas comidas. Eu estou na Costa da Morte e a xente come ás 14.00, pero vas a Roma e a xente come ás 12.30. A posición do sol é a mesma, a única diferenza é que lle chamas doutra maneira.

—Cal é para ti a posta de sol máis bonita?

—A da Costa da Morte, porque é unha proa de Europa no Atlántico. Pero non me marabilla a min só. Se vas a Fisterra o día do solsticio vas ver a centos de persoas pasmando diante do sol. Isto tamén lle ocorreu a Décimo Xuño Bruto, que foi o centurión romano que conquistou esta zona do mundo romano e xa se quedou flipado coa posta do sol de aquí. Tamén se pensa que o propio Camiño de Santiago é a reciclaxe dun mito pagán por parte da Igrexa católica, porque posiblemente o ser humano, que buscaba respostas profundas ao sentido da vida, intentaba ver onde estaba o fin da Terra e xa facía ese camiño. Esa adoración ao Sol sería unha especie de camiño de pergrinación.

—A máis bonita da Costa da Morte?

—Todas, pero eu adoito vela no pico de Neda no concello de Zas, ou dende o propio cabo Fisterra, tamén desde Laxe. Pensa que a Costa da Morte é último punto no que se está poñendo o Sol na Europa continental, iso dá unha emoción distinta.

—Cal será o día coa tarde máis longa?

—Será o 28 de xuño, no que o sol se poñerá na Costa da Morte ás 22.20. Non é o 22 de xuño, que é o día máis longo do ano, nin o 24. As mañás empezarán a perder luz antes do 20 de xuño, unha semana antes do solsticio.