Touriñán: «Dáme vergonza verme nun mural»

YES

cedida

Camiño de se converter nun deses cómicos clásicos da televisión, virou a súa carreira cara a outras vertentes da interpretación. Teatro, streaming e cine levan tamén xa a marca «Touri»

05 ene 2023 . Actualizado a las 11:52 h.

Non se considera Xosé Antonio Touriñán unha persoa hiperactiva. «Eu son un tipo máis ben tranquilo e moi familiar», di. Mais o seu currículo profesional empéñase en contradicilo. A súa presenza foi durante anos recorrente reclamo na televisión autonómica e agora tamén o é no teatro e no cine. E non é todo. Un dos proxectos que nos adianta para o 2023 levarao de novo aos bares e pequenas salas, alí onde comezou, á súa orixe, «alí onde entendín por que me dedico a este oficio».

—Que balance fai do 2022?

—Foi un ano como de transición. Si que tiven cousas novas, como Recortes, pero para min non foi un ano a destacar. Viñamos deses dous anos terribles e foi un ano como de volver á normalidade, como de recolocarnos, de saber onde estamos e de dicir «veña, imos volver arrancar de verdade». E nesas andamos.

 —Entón, cales son as perspectivas para o 23?

—É un ano cheo de proxectos novos e ademais bonitos. Imos intentar David Perdomo e mais eu saír a facer en directo o que facemos en streaming. Seguramente non en teatros, senón en bares e salas, como cando empezamos. Por volver ás orixes, a intentar buscar o desfrute, por que nos dedicamos a este oficio. Creo que volver atrás a saber dende onde naciches é básico. Para min é unha moi boa medicina. A maiores dese proxecto, temos que rematar a primeira volta de Recortes. Tamén volverei con Carlos Blanco, que nos quedou pendente unha segunda volta de Somos criminais. Tamén faremos unha segunda parte de Cuñados e, dende a nosa produtora, estamos traballando en crear contidos de ficción tamén. A verdade é que pinta moi ben.

 —Xa que fala de pintar, como se sente un cando se ve nun mural de máis de 20 metros?

—Guau! A primeira sensación, cando me chamou Mon [Devane, o autor] para dicirme que o ía facer foi «que guai, que ilusión». Pero despois, cando o ves, dá unha vergonza que te cagas. É que isto non é unha campaña que botas aí un mes. É algo que vai quedar. Sinto como que non o merezo, que aínda son moi novo para este tipo de homenaxes. Pero bueno, dá moita vergonza pero estou moi agradecido e moi contento.

 —Deixou ben claro que hai moita vida máis alá da televisión.

—Agora mesmo o concepto de televisión é que é moi aberto. Ti podes construír dende a túa casa a túa propia grella cos contidos que queiras. De feito, por exemplo, hoxe fas cine pero case o fas para a tele, porque onde máis xente te ve é cando esa película pasa a unha plataforma. Hoxe, estar unha hora diante da tele agardando un contido, como faciamos antes, xa non ten sentido. Pero, no meu caso, eu quero e preciso seguir traballando de vez en cando na TVG porque é a única na que podo expresarme no idioma no que penso e no que me sinto máis cómodo traballando.

 —Igual que había aquelas históricas aliñacións de fútbol que de nenos recitabamos de carreira, agora, no teatro, hai outra: Carretero-Asorey-Prieto-Touriñán-Zearreta...

—Pois si, a verdade é que, jobá, cando un equipo funciona ben e te atopas cómodo traballando, como pasou en Fariña, poder volver repetir agora en Recortes, é unha sorte. Non como o Dépor, que non hai xeito de aprenderse unha aliñación, porque cada ano os nomes son distintos. E así nos vai...

—Que ben lle vén un pouco de comedia ao fútbol. Falta sentido do humor nese mundo?

—Eu creo que si. As cousas do fútbol tómanse demasiado en serio. Non estaría mal quitarlles ferro e rirnos un pouco máis. O que pasa é que, cando che toca sempre o malo, sempre o malo, como aos do Dépor, ás veces non é fácil verlle a parte simpática (ri).

 Estamos en condicións de falar dun humor galego?

—Sempre hai esa idea preconcibida de que o que fai graza aquí non fai graza fóra. Eu non estou de acordo. Eu entendo que hai un humor universal, cousas que nos fan rir a todos os seres humanos deste planeta: unha caída, unha escorredura, un peido, unha torta na cara. E despois, hai un humor local porque hai certos referentes que en cada lugar se teñen moito máis claros. Porque para que xurda a risa, tanto o que conta como o que escoita deben ter o mesmo código, as mesmas referencias. Eu, máis que de humor galego, falaría dun xeito galego de facer humor. Un xeito que vén marcado pola ironía e pola retranca.