—Poden, polo tanto, as bacterias presentes na boca afectar a outras partes do corpo?
—Si, existen numerosos estudos que relacionan este tipo de bacterias con enfermidades noutras partes do corpo, como o alzhéimer, artrite reumatoide, diabetes, problemas cardíacos, un maior risco de ictus... Non só as bacterias, senón todos os mediadores inflamatorios que se xeran e que poden afectar a calquera parte do corpo. Polo tanto, manter unha boa hixiene dental e coidar a boca podería previr este tipo de enfermidades.
—Que inquietudes atopades na canle Dentalk e na clínica?
—O tema da estética está moi demandado. É o caso por exemplo dos branqueamentos. Pero tamén hai temas de saúde: dor de cabeza e de pescozo por morder mal, que está moi relacionado tamén co bruxismo... E logo tamén a xente que quere repoñer as pezas perdidas con implantes dentais. Hai moita xente que perdeu pezas, en moitos casos pola enfermidade periodontal, que é a primeira causa de perda de dentes en adultos, máis que as caries. Existen moita dúbidas e falsos mitos con respecto a estes temas que tentamos resolver dunha forma clara e con rigor científico.