ESPERANZA PARA A LINGUA
«Dende a miña visión, teño esperanza, pero miro os datos de galegofalantes e é preocupante. Eu teño a visión dun estudante de Santiago nun ambiente moi bo para a lingua pero tamén vexo que en cidades como A Coruña non se fala galego en absoluto, sobre todo, o que percibo moito é que os nenos pequenos cada vez falan menos e cústalles moito aprendelo», conta Duarte. Ademais, sinala que os prexuízos seguen existindo.
A todos os que están pensando dar o paso, Duarte recoméndalles que falen na lingua na que se senten cómodos, e se é o galego: «Non existe unha forma boa de falar, o importante é facelo».
Alba Rodríguez: «Foi un propósito de aninovo e conseguino»
Decidiu publicalo en Twitter para que non fora unha promesa desas que se fan ao aire. Pero así xa leva tres anos e moi orgullosa do paso que deu
SUSANA ACOSTA
Foi un propósito de aninovo. Pero non un deses que se fan ao aire e queda nun sopro. Non. Foi dito e feito. Ese día, o 31 de decembro do 2018, Alba Rodríguez publicou na súa conta de Twitter que a partir dese momento ía falar sempre en galego, co fin de que o seu compromiso non quedase en papel mollado. A idea xa lle roldaba desde había tempo e por máis que o intentara no instituto, o propósito duráballe unha hora. Foi así como decidiu tomarse en serio esta cuestión, que non é trivial, e con apenas 22 anos decidiu converterse en neofalante. «Amolábame ver que as porcentaxes de galegofalantes cada vez eran máis baixas, pero non facía nada por que iso mudase, seguía falando en castelán», pensou xusto antes de iniciar a súa propia revolución lingüística. Ao principio, non lle resultou nada doado, porque aínda que os seus pais son galegofalantes a ela e ao seu irmán sempre lles falaron en castelán: «Quedaba pensando as frases porque, claro, as traducía desde o castelán. As conversas comigo eran moito máis lentas e volvía tolas ás miñas amigas, que me pedían que mudase ao castelán. Pero eu dicía que non, e agora, como se nada. Nin se dan de conta que lles falo en galego».
Lonxe de supoñerlle un obstáculo á hora de conseguir traballo, tivo máis experiencias positivas que negativas: «Nunha entrevista de traballo, mesmo me dixeron que lles interesaba que falara en galego, por ter máis contacto coa xente da zona». E traballando de dependenta nunha área comercial de Vigo una rapaza deulle «un bico e as grazas por ser a única dependenta que estaba falando en galego» «e animoume a seguir», apunta. Iso si, tamén nunha ocasión, unha muller maior pediulle «que lle falase castelán porque así a entendía mellor», a pesar de que era galega. «Pero se me fun a Andalucía de vacacións a falaba en galego cos andaluces! Dicíanme que lles molaba o galego. E entendíanme ben. Eran máis as miñas amigas as que me pedían que lles falase en castelán. Pero eu sempre respondía que se non había problema e os andaluces non me dicían nada, para que ía tornar?».
A súa mudanza lingüística comezou tamén en Twitter onde foi contando a súa transición: «Desde o principio fun poñendo todo o meu proceso e sempre comentei tanto o positivo como o negativo». Pero Alba tamén fai un labor de motivación moi importante intenta animar á xente nova que dubida se dar o paso. «E hai #galitwitter, que é un gran apoio. A xente que falamos galego apoiámonos entre todos. É un grupo que está moi chulo e que sempre está aí animando. Eu non sabía que existía ese ambiente antes de mudar de lingua», explica moi animada.