Eles cambiaron o castelán polo galego: «Nunca vira tanto galegofalante na Coruña como agora»
YES
Foron criados en castelán, pero fixeron o esforzo de mudar de lingua. «O galego non é para falar de cultura galega. É para todo, para o mundo», reivindica Lydia Botana
15 nov 2021 . Actualizado a las 08:52 h.«Nunca choveu que non escampara» é unha das súas máximas feita canción. Criada entre a música clásica e as verbenas, Lydia Botana (Fonteculler, 1984) é unha muller de raíces que loita cantando polo mundo adiante por que non lle corten as ás. Unha vez esqueceu quen era, pero nunca o nome da súa terra. Ela pon a cantar en galego a todo mundo, de Canarias a Chile, de Níxer a Bruxelas, Brasil ou Xapón.
O seu idilio coa lingua é especial, ten arte e ten historia, porque Lydia é filla de xente do barrio coruñés de Palavea que emigrou a Londres. «A eles impedíaselles falar galego. Son filla de emigrantes aos que lles cortaron parte das raíces», manifesta. A pequena Lydia oía o galego da boca dalgúns profesores e dos avós maternos. «Os pais da miña nai foron os que emigraron a Londres. Levárona para alá aos 13 anos. Falaban o galenglish, o galego mesturado co inglés. Tiña un remexido na cabeza meu avó!, aínda o dixen nunha canción. El dicía: Apaghaches a luz da living room?», recorda Lydia.
COMO FALAR SEIS IDIOMAS?
«Eu sempre tiven iso de contestar na lingua que me falan, por educación. E falar o galego axudoume a desenvolverme en seis linguas [galego, castelán, inglés, francés, italiano e portugués]», asegura desbotando o sambenito da falta de utilidade do idioma. «Medrar nunha terra onde se falan varias linguas é unha riqueza», non dubida. Houbo un tempo no que Lydia, que borra fronteiras no mapa co seu proxecto didáctico musical De aquí para alá (para o público infantil), viviu en moitos lugares, un deles Italia. «Alí ao principio falaba en galego, porque non sabía italiano e moitas palabras son comúns», conta coa bagaxe persoal de ter vivido cunha rapaza italiana en Tenerife. «Foi marabilloso! Ela falaba en italiano e eu en galego, sen problema ningún. Ao final, son linguas romances, que comparten a orixe. Eu ademais son xeración Xabarín. As sintonías das series dos 90 eran importantes, Doraemon, Son Goku ‘e as bolas do dragón’... Eu sabía, como moitos da miña xeración, todas estas cancións en galego, eu que son unha nena urbanita educada en castelán na casa con contacto cero co medio rural. Os meus pais falaban dalgúns temas en inglés, para que o meu irmán e mais eu non os entenderamos! E a nós e aos avós falábannos en castelán. Miña avoa, en cambio, co meu avó falaba en galego, con gheada e todo, pero dirixíase a min en castelán. Cando eu xa era maior e usaba habitualmente o galego, faláballe a ela en galego, pero a avoa contestaba sempre en castelán, por esa maldita herdanza de que lles dixeran que o galego non servía para nada. Houbo un tempo no que estaba prohibido ata pensar en galego. Hai un poema marabilloso de Celso Emilio Ferreiro, Libremente, que estivo censurado», subliña.
De adolescente empapouse do galego no conservatorio e o idilio comezou. Á primeira banda que tivo, un trío feminino, xa lle puxo nome galego, Deixaví. «A batería falaba sempre en galego e chamaba a atención. E aí vólveste reivindicativa. Daquela eu escoitaba reggae e punk brasileiro. A primeira reivindicación miña do galego foi esa. Logo chegaron os e-mails, e púxenme no enderezo Bolboreta, que é a miña palabra favorita. Xente de Arxentina e Australia chamábame Bolboreta! Ou Bolbo...», ri.
Para ela, o galego «fainos únicos» e é un modo de reivindicar as raíces. Con isto, voa na súa mestizaxe de lingua cara ao futuro. «Souben hai pouco que un dos meus bisavós estivo no cárcere por defender as súas ideas en galego», evoca. «Hai que coñecer a nosa historia —di—, saber que se tentou erradicar a nosa esencia como pobo. E despois que cada unha elixa a lingua na que quere falar».
«Santiago foi a primeira cidade na que puiden falar galego no bus, nun banco, no súper...», dixo quen viviu tamén en Vigo e Ourense. «E en Brasil poucos sabían que a súa lingua naceu onda o galego. Eu que alí collía moito Uber, con todos os taxistas falaba disto! Contáballes: ‘Son de Galicia, onde naceu a vosa lingua’», recorda a multinstrumentista que abraza a mestura de linguas, pobos e sons. «O galego non é só para falar de música ou de cultura galega. É para todo, para o mundo! Para min é un orgullo que me digan que teño acento galego noutras linguas», reivindica.
Lydia Botana nunca estivo tanto tempo seguido en Galicia, sen viaxar, pola pandemia. «Toca viaxar máis para dentro, que tamén está ben!, e falo máis galego que nunca. E vexo que os nenos para os que fago obradoiros fan un esforzo por falarme en galego. Eu nunca vira tanto galegofalante na Coruña como agora, xente de a pé que contesta en galego se lle falas. Logo está ese detalle feo de criticar, iso de ‘Y mira, ahora menganito habla gallego’. Hoxe, a maioría dos nenos chegan a unha idade, sobre os 5 ou 7 anos, en que falan castelán aínda que teñan o galego na casa. A miña teoría? A falta de audiovisual en galego para o público infantil», di.
Hai que poñerse. Lydia Botana xa empezou, prepara unha serie en galego, castelán, francés e inglés sobre as viaxes da música por todo o mundo.
Duarte Cea: «O rexeitamento chegou pola parte galegofalante da miña familia»
Con apenas 17 anos tornouse neofalante. Foi chegar a Santiago e tomar a decisión de poñer en valor a lingua que falaban os seus, agás a súa nai e máis el
CARME D. PROL/S.F.
Era o único da súa familia, agás a nai, que non falaba galego porque decidiron que educalo en castelán sería máis útil para el. Con 17 anos, Duarte Cea (A Coruña, 1998) decidiu mudar esa situación e comezar a falar a lingua da familia: tornouse neofalante.
Ata chegar á Universidade de Santiago, onde estudou Ciencias Políticas, Duarte falaba castelán coa familia e amigos, aínda que dominaba o galego sen problemas: «O primeiro contacto que teño co galego é na casa, pero eu fun criado en castelán. Na escola non tiña problemas, como outros rapaces que non tiñan ningún tipo de contacto coa lingua máis alá das clases da escola, eu dominaba perfectamente os dous idiomas pero socializaba en castelán». Chegou a Santiago decidido a comezar a falar galego para pór en valor a lingua da súa familia: «Foi unha media entre valorar o que teño e acostumarme a falar o que teoricamente debería ter falado dende o principio». Atopou un ambiente bo para esta mudanza, polas rúas de Santiago escoitaba máis galego que na súa cidade natal e coñeceu a galegofalantes de varias partes de Galicia, o que lle axudou a normalizar a súa lingua. Nesta cidade non escoitou prexuízos pola súa escolla, porén hai contextos que se resisten: «Chócame falar en galego en certos momentos, como coa familia e os amigos de toda a vida, e non o adoito facer. Intentei falar galego con eles, pero recibía rexeitamento, sobre todo, pola parte galegofalante da miña familia, non están acostumados e prefiren que lles fale en castelán como sempre».
ESPERANZA PARA A LINGUA
«Dende a miña visión, teño esperanza, pero miro os datos de galegofalantes e é preocupante. Eu teño a visión dun estudante de Santiago nun ambiente moi bo para a lingua pero tamén vexo que en cidades como A Coruña non se fala galego en absoluto, sobre todo, o que percibo moito é que os nenos pequenos cada vez falan menos e cústalles moito aprendelo», conta Duarte. Ademais, sinala que os prexuízos seguen existindo.
A todos os que están pensando dar o paso, Duarte recoméndalles que falen na lingua na que se senten cómodos, e se é o galego: «Non existe unha forma boa de falar, o importante é facelo».
Alba Rodríguez: «Foi un propósito de aninovo e conseguino»
Decidiu publicalo en Twitter para que non fora unha promesa desas que se fan ao aire. Pero así xa leva tres anos e moi orgullosa do paso que deu
SUSANA ACOSTA
Foi un propósito de aninovo. Pero non un deses que se fan ao aire e queda nun sopro. Non. Foi dito e feito. Ese día, o 31 de decembro do 2018, Alba Rodríguez publicou na súa conta de Twitter que a partir dese momento ía falar sempre en galego, co fin de que o seu compromiso non quedase en papel mollado. A idea xa lle roldaba desde había tempo e por máis que o intentara no instituto, o propósito duráballe unha hora. Foi así como decidiu tomarse en serio esta cuestión, que non é trivial, e con apenas 22 anos decidiu converterse en neofalante. «Amolábame ver que as porcentaxes de galegofalantes cada vez eran máis baixas, pero non facía nada por que iso mudase, seguía falando en castelán», pensou xusto antes de iniciar a súa propia revolución lingüística. Ao principio, non lle resultou nada doado, porque aínda que os seus pais son galegofalantes a ela e ao seu irmán sempre lles falaron en castelán: «Quedaba pensando as frases porque, claro, as traducía desde o castelán. As conversas comigo eran moito máis lentas e volvía tolas ás miñas amigas, que me pedían que mudase ao castelán. Pero eu dicía que non, e agora, como se nada. Nin se dan de conta que lles falo en galego».
Lonxe de supoñerlle un obstáculo á hora de conseguir traballo, tivo máis experiencias positivas que negativas: «Nunha entrevista de traballo, mesmo me dixeron que lles interesaba que falara en galego, por ter máis contacto coa xente da zona». E traballando de dependenta nunha área comercial de Vigo una rapaza deulle «un bico e as grazas por ser a única dependenta que estaba falando en galego» «e animoume a seguir», apunta. Iso si, tamén nunha ocasión, unha muller maior pediulle «que lle falase castelán porque así a entendía mellor», a pesar de que era galega. «Pero se me fun a Andalucía de vacacións a falaba en galego cos andaluces! Dicíanme que lles molaba o galego. E entendíanme ben. Eran máis as miñas amigas as que me pedían que lles falase en castelán. Pero eu sempre respondía que se non había problema e os andaluces non me dicían nada, para que ía tornar?».
A súa mudanza lingüística comezou tamén en Twitter onde foi contando a súa transición: «Desde o principio fun poñendo todo o meu proceso e sempre comentei tanto o positivo como o negativo». Pero Alba tamén fai un labor de motivación moi importante intenta animar á xente nova que dubida se dar o paso. «E hai #galitwitter, que é un gran apoio. A xente que falamos galego apoiámonos entre todos. É un grupo que está moi chulo e que sempre está aí animando. Eu non sabía que existía ese ambiente antes de mudar de lingua», explica moi animada.