«Cando a nosa filla dixo que era trans non nos estrañou»

YES

PACO RODRÍGUEZ

Encerrarse para saír.  A ela o confinamento veulle xenial. Afastada da presión social e arroupada pola súa familia, «floreceu». Pero a súa nai pon o foco no que aínda queda por facer, como sociedade, no ámbito educativo e dentro das nosas casas

04 dic 2020 . Actualizado a las 12:04 h.

caso de Irene é o de menos. Pero tamén suma. Ela é unha nena trans máis, das moitas que se atreven a saír do armario e a dicir aquí estou eu. Pero para chegar aí, hai moito traballo por parte deles e das súas familias. A súa casa é o seu refuxio para enfrontarse a unha sociedade que vai abrindo o ollo a esta realidade, pero que aínda ten moito que facer. Eles merecen ter a mesma infancia feliz co resto de nenos e a vivir afastados de pantasmas e medos. E niso están os pais de Irene, intentando que a singularidade da súa filla se vexa con total normalidade no contorno social no que viven, aínda que recoñecen que quedan moitas cousas por facer.

Por exemplo, algo tan simple como adaptar os contidos curriculares. Que eles se vexan integrados nas materias que reciben no colexio: «Cando dan en ciencias o aparato reprodutor feminino, aparece que ten ovarios, útero... e pensas: ‘non, é que a miña filla non ten iso'. Entón, dáste conta de que non están incluídos de verdade, que non se senten representados», aclara Alicia.

Para a nai de Irene a solución sería atopar «outra maneira de chamalo, porque a miña nena é unha nena, é unha muller, pero o seu aparato reprodutor non é ese». Ata o irmán pequeno de Irene, de apenas seis anos, dáse conta desta exclusión: «El dixo que no libro estaba mal porque poñía que o aparato feminino ten vaxina e que a súa irmá non a ten. E claro houbo debate na clase e dicían: ‘Ah claro, pois ao mellor ten que chamarse aparato reprodutor das mulleres normais'. E o meu fillo xa contestou: ‘Como que das mulleres normais? A miña irmá é normal. Haberá que dicir das mulleres cis - termo que se utiliza para referir ás persoas nas que coincide a súa identidade de xénero co seu fenotipo sexual-'. Pero o debate foi moi natural e súper saudable. Moi enriquecedor», explica esta mestra que tamén conta que o seu gremio non coñece bibliografía suficiente para tratar este tema na aula: «Pero si que hai, o que pasa é que non a coñecemos. Está Ahora me llamo Luisa o Me llamo Pecas, aínda que este máis ben fala dos roles máis que da identidade de xénero», aclara quen considera que unha boa maneira de que os cativos perciban esta realidade é a través dos contos.

Para Alicia a mirada dos menores está afastada dos prexuízos dos adultos: «Penso que nos nenos non hai problema, pero non todas as casas son iguais. A miña filla só recibiu un insulto e non foi no cole, foi no parque e paréceme que veu ao mellor da casa».

Irene ten nove anos, case dez, e acaba de facer a transición. Foi este verán. O proceso é longo e depende sempre de cada neno. No seu caso, «levábao dicindo dende os seis anos»: «E ti tamén intúes algunha cousa. Non nos estrañou». Pero recoñece que pasou por varias fases: «Ela, á hora de saír do armario si que dicía: ‘Cando xogo con fulaniña e menganita, que son amigas miñas, enténdenme e podo xogar a ser Estela ou non sei quen'. Porque cando xogaba sempre adoptaba roles femininos. ‘Pero tal e cal dinme que non, que son un neno e que como vou ser Estela'. E claro se xa che din iso, aínda que non vaia máis alá, ela pode pensar que se nun xogo non pode ser unha nena, como lles di que o é de verdade, que é así como se sinte?».

Hai algo mais dun ano que Irene quixo comezar cos cambios, pero «non se atrevía»: «Dicíanos que non lle dixeramos nada ao seu irmán pequeno. Non por medo de que el non a aceptase, senón porque tiña medo que o puidera dicir no cole e ter problemas». Pero, en cambio, el converteuse no seu gran aliado: «Tomouno súper ben. Ela díxolle que se sentía unha nena e que se quería chamar Irene, pero que claro, que era un segredo. Entón el contestoulle: ‘Ah, xa o sabía porque cando xogabamos, moitas veces xa te chamabas Irene. E agora xa non vai ser xogando, senón de verdade. O que pasa é que non pode ser un segredo, non? Porque se é un segredo ninguén te poderá chamar Irene'. E ela quedou pensativa, mentres eu estaba atenta a esta gran conversación», aclara Alicia. Pero, dous días máis tarde, Irene atopou a solución: «Tes razón, non pode ser un segredo. Debeu de deixar de selo fai moito tempo».

ACEPTARSE COMO É

O confinamento foi o mellor que lle puido pasar: «É complicado porque unha cousa é darte conta de que o que che pasa non é nada malo, pero despois teñen medo a se os van a entender ou non. Ela cuestionábase moitas cousas. E pedía que só a chamásemos Irene na casa. Pero despois no confinamento estivo tanto tempo na casa, arroupada, sen presión social e poñendo de vez en cando algunha roupa que lle gustaba, que eu vía que florecía, que se miraba no espello en plan son unha nena, e tiña que ser así». E unha vez que lles permitiron saír á rúa xa todo foi rodado: «Empezamos a explicarlle aos veciños o que lle pasaba e a verdade que responderon bastante ben e os nenos comezaron a chamarlle polo seu verdadeiro nome, Irene. E ela ao ver que non pasaba nada, pois atreveuse e un día dixo: ‘A partir de agora xa me chamades Irene para sempre'».

O seguinte paso é o cambio legal e administrativo: «Xa ten o tránsito social feito en todo o seu contorno, no cole, nas extraescolares, no dentista, no pediatra... Ela é Irene onde vai, outra cousa é que nos documentos oficiais teña outro nome e aí estamos preparando toda a documentación para facer o cambio no rexistro civil e todo iso». Ademais, a transición social dela permitiulles descubrir máis menores trans: «Unha vez que o dis tamén che din de máis casos que non coñecías».

Agora, toda a familia aproveita calquera oportunidade para visibilizar esta realidade e normalizala: «Eu cheguei coas uñas pintadas e o pequeno xa se deu conta: ,‘Claro a bandeira trans. Pois eu tamén vou ir ao cole coma ti, mamá', dixo. Irene non quixo porque quere pasar máis desapercibida. Pero el en canto chegou á clase ensinou as uñas: ‘Claro, dá igual neno que nena e o branco creo que é a cor da transición. É a bandeira trans', díxolles. A metade dos nenos eu penso que non se deron conta, pero quedou aí iso de que dá igual que sexas neno que nena». Porque «igual que dicimos non necesitas ser unha persoa de cor para rexeitar o racismo, tampouco che fai falla ser do colectivo 0 para non rexeitar a quen sexa diferente».