«Superabuelas»: elas son o verdadeiro patrimonio de Galicia

O mandilón dálles o superpoder de vencer calquera obstáculo coa forza do corazón que as fixo as mellores guerreiras. As «superabuelas» galegas son todo coraxe e aloumiño. Este 25 de xullo vai por elas


Non teñen capa, pero si un mandil que lles dá o superpoder da resistencia, o poder de aloumiñarmos cando a vida se torce e o de ampararnos mesmo cando din que non poden co corpo. Poden, sempre poden, e ese milagre da forza das mulleres galegas vese nada máis chegar a casa de Delfina, a «superabuela» de 94 anos que, sentada nun cuarto que dá ao bar da súa filla Maruja, lamenta que as pernas non lle vaian. «Van, van», anímaa a súa neta Rosa, que xa lle deu dous bisnetos. De súpeto Delfina recupérase, colle o bastón nunha man, coa outra apóiase no brazo de Rosa e camiña pasiño a pasiño ata a leira onde empeza a relatar a súa vida. O bar de Maruja chámase London e dá para un relato.

 Entre galiñas, Delfina colle un pitiño no colo e empeza a acariñalo. «Gústame a vida, son feliz porque teño o sentido todo e podo recordar a miña vida, todo canto pasei; quero moita vida para eles, para os fillos, para os netos, os bisnetos. Por iso o que sufrimos este ano da pandemia deume tanto medo, non por min, senón por eles; teño medo polos seus traballos, porque estean ben, que non teñan penurias», confesa Delfina, que non perde ocasión de piropear á súa neta. «Rosa foi unha alegría do ceo desde que naceu. A súa nai deixouma cando marchou emigrada e para min foi un regalo».

Maruja, a nai de Rosa, conta que estivo 13 anos vivindo en Londres. «Por iso o nome do bar, London. Alí meu home e mais eu traballamos nun colexio con nenos residentes que estaban internos, nós viviamos con eles e durante un tempo tiven que deixar a filla con miña nai».

«Ela sabe de todo -di fachendosa a superabuela da súa Rosa- palilla de marabilla, traballa, fai uns labores preciosos».

"As mulleres de agora pensades que a vida non cambiou non, pero nin ides ao monte, nin ides á agra, antes non había auga bastante e había que carrexala dun río... Cambiou, vaia se cambiou"

Que foi o mellor da súa vida, Delfina? «A xuventude non, que foi no ano da guerra, aí non fomos nada felices. Faltábanos de todo. O mellor tempo penso que foi co meu home, cando el vivía e tiven os fillos, a Maruja e o seu irmán. Meu home portouse ben», emociónase ao recordalo. «Pero tamén tivo que emigrar, porque aquí non había nada, marchou para Venezuela, que era a América pobre, pero tan pobre non foi para nós que cos poucos cartos que fixo puidemos polo menos facer a casa e ter un futuro», sinala.

Delfina fala cunha voz baixiña e mira todo coa delicadeza de quen se sorprende por vez primeira. «Mira o pitiño, que bonito é», «ten toda a vida por diante, non coma min que xa son vella. Agora teño moita ansiedade, non sei por que. O médico pregúntame se lle teño medo á morte e non, medo non lle teño. Se quedo durmindo, son a muller máis feliz, pero estou inquieta sempre, pensando, preocupada por todos». «Pero se calquera de nós lle pediría a receita para vivir tantos anos así como está ela!», dígolle. «Quen me dera sachar agora. Gustábame todo da vida no campo: tiña ansia de traballar», responde ela.

 COA HERBA NA CABEZA

Ía así de guapa como agora? «Ía como podía, que non había con que. Había que traballar moito para gañarse unha vaquiña», suspira. «Cando mercamos a burra deixamos de carrexar os monllos de herba na cabeza, aínda lembro como me doía o pescozo. Antes traballábase arreo», atrévese a dicir desafiante. Cambiou moito a vida das mulleres, logo?, replícolle sen cuestionala. «Pensades que non, pero eu creo que si. Nin ides ao monte, nin ides á agra, antes non había auga bastante e había que carrexala dun río. Agora abres a billa e listo, non hai que ir lavar ao río, poñer a clarexar a roupa, cargala... Pos a lavadora, a secadora, e xa está». Maruja asente pegada a ela. «As mulleres traballan moito, pero non como antes». Dío cun negocio aberto, coa súa filla diante, cos netos e coidando da nai. «Axudamos en todo o que podemos», anuncia Maruja como un lema. A súa nai bota man dos recordos. Co paso do tempo a vida perdeu o sabor. «Lembrades aquel pan de ovo? Aquilo tiña outro gusto. Facíase coa graxa do leite cando estaba callada, de aí sacábase a manteca e había que botarlle anís, azucre e limón. Metíase no forno e, ai, miña nai, que tanto lle gustaba a xente!», relámbese Delfina, que por suposto me invita a pasarme outro día e probar o seu pan de ovo. «Os de agora non valen nada, aqueles eran riquísimos», sentencia coma chiscando un ollo.

Volverei logo a probar ese doce que tanta vida lle deu. «Cumprín 94 o 29 de xuño. Quero vida. Entón aínda non morremos?», lanza a pregunta no aire. Vai ser que non.

Pepita, 59 anos: «Levo mandil, pero gústame moito ler en francés»

SANDRA FAGINAS

A estampa non está preparada. Pero cando Pepita nos recibe na súa casa dos arredores de Carballo ela está no centro co seu mandil, e ao seu carón, as súas netas, Aroa, de 10 anos, co can no colo, e Sofía, de 7. Pero ademais, sentados na sombra das árbores, seus pais miran estrañados a importancia que lle damos a Pepita. Famosa por que? Veñen preguntar coa súa cara, pero a imaxe xa revela que a súa filla é o centro, o alicerce da familia. Pepita é unha «superabuela» de 59 anos que coida de todos: das netas, do home, dos fillos e, por suposto, dos vellos. «Eu intento axudarlles aos fillos como meus pais fixeron comigo», conta para restarlle importancia ao seu valor. Pepita casou aos 22 anos e estivo case vinte anos emigrada en Suíza. De que traballabas?, pregúntolle, «De femme de ménage» (na limpeza), responde nun francés perfecto, que agora lamenta non practicar. «Antes sabíao moi ben, iso que cando cheguei alá non sabía nin papa, pero deixas de falalo e agora xa me custa escribilo sen faltas; teño moitos libros en francés e sen ser en francés, porque me gusta moito ler de todo, ademais do xornal».

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

«Superabuelas»: elas son o verdadeiro patrimonio de Galicia