«Vestido ao estilo C.Tangana, sentado no sillón, vinme arriba e saíu ben»

YES

Daniel Irimia é o galego de moda. O protagonista do novo anuncio de Vivamos como galegos! acudiu ao casting pola insistencia dunha amiga. Na peza, da axencia coruñesa Bap&Conde, deixa unha mensaxe clara: Ser galego mola. E el máis, claro: «Eu si que son un poco toxo»

15 nov 2019 . Actualizado a las 23:52 h.

Aínda que di ser un pouco toxo, admite estar emocionado por todo o cariño que está a recibir. Porque Daniel Irimia (Foz,1996), máis coñecido como Chavalada, é o galego de moda. El protagoniza o novo anuncio de Vivamos como galegos! da cadea de Supermercados Gadis. Daniel aparece vestido ao mais puro estilo C. Tangana para deixarnos unha mensaxe clara: Ser galego mola. E el máis, claro.

-Tes un máster en profesorado, estudaches Bioloxía, es adestrador persoal e agora tamén actor. Dáslle a todo.

-Si, acabei o máster o ano pasado e agora estou estudando para ser profesor de secundaria. Estaba bastante centrado atá que agora saíu o anuncio e me desbordou un pouco. Dende a produtora xa me avisaran de que ía ter repercusión, pero claro, non sabía que a min persoalmente ían escribirme tanto.

-Subíronche xa os seguidores en Instagram?

-Pois igual en 24 horas pasei a ter uns 200 ou 300 mais. Onte estiven dende as dez da noite ata as 2.30 horas contestando mensaxes. Contactáronme dunha marca de roupa de Galicia… Estou alucinando con todo. Que isto lle pase a alguén normal coma min non o esperaba. Esperaba o éxito do anuncio porque os Vivamos! sempre gustan, pero non que a xente me felicitase a min e se volcase así conmigo.

-Non dás respondido a todos.

-E que me escribiu xente desde Estados Unidos, desde Madrid, de todas partes, dicínndonme cousas como: ‘Somos os teus fans’. A xente esta súper volcada, en Foz esperaba que os meus amigos e veciños se alegrasen e o subisen ás redes, pero é que todo o mundo se volcou tremendamente. Ata me emocionei porque non estou afeito a recibir este tipo de cariño.

-Os teus pais están igual de soprendidos?

-Eles sempre me dixeron que fose eu mesmo na vida, que non me deixase levar por outros e parece que a vida nunca recompensa iso, pero agora con isto estoume vendo recompensando. Na miña familia están todos emocionados.

-Como chegaches a protagonizar este anuncio?

-Durante este ano ía estudar para preparar as oposición de profesor e ía prepararme nunha academia polo que os gastos ían ser elevados. Entón en verán a través da miña amiga Mary Palagua atopei traballo nun posto de xeados na praia da Rapadoira no que me trataron xenial. O caso é que cando acabu o verán esa mesma amiga díxome: ‘Bua, Dani, vin un anuncio de que buscan prota para un spot de Galicia con aire canalla e galegofalante, pegas ti. Apúntate que é algo que non che vai quitar moito tempo e gañas uns cartos para o surf’. E eu: ‘Pero, por Dios! Non son actor, non vai funcionar’. O caso é que mo pediu por favor e díxenlle que si. Entón enviei unhas fotos e un vídeo que pedían, que o fixen co móbil e saía fatal, é díxenlle: ‘Hala, xa che cumprín o gusto’.

-Non esperabas para nada ser o escollido.

-Que va! Logo respondéronme que me terían en conta para o cásting e xa pensaba que nada, pero ao día seguinte contactáronme dicindo se podía ir a A Coruña e alá fun cos meus pais. Nós flipando, porque somos unha familia normal que non temos nada que ver con iso. Cheguei, fixen o cásting e díxéronme que xa me dirían algo en dez ou vinte días. Ao día seguinte chamáronme e dixéronme: ‘Xa temos prota para o anuncio’. E soltáronme: ‘Es ti’. Quedei flipando, en plan: Como que son eu?

-A túa amiga é o teu anxo da garda.

-Si, é a miña mellor amiga. Fixémonos moi amigos desde que teño a miña cadela, Brisa, porque a ela gústalle moito e a pasea cando eu estou en Lugo estudando. Sempre lle pregunto que opina desta chica e desta outra. A ver se vou encontrar á muller da miña vida por ela e eu perdendo o tempo. [Risas]

-Que foi o máis difícil de facer o anuncio?

-Eu son unha persoa bastante espontánea e a verdade é que cando gravamos fixen boas migas co de son. Pedinlle perdón por se facía algo mal, porque claro, non son actor e non entendo os seus códigos. Pero tratáronme todos xenial e cando me vin o día da rodaxe vestido ao estilo C. Tangana, sentado no sillón e coas cámaras, en vez de virme abaixo vinme arriba e saíu ben.

CONGO PRODUCCIONES

-E o do cabalo que tal?

-Fun a clases e ensináronme a montar. Fun a Finca Abrigosa e teño que dicir que todo o persoal foi brutal comigo. Estiven como na miña casa e lévome un amigo para sempre porque o dono incluso me convidou a xantar na súa casa.

-O estilo C. Tangana vai contigo?

-Eu son moi raro para a roupa, non teño un estilo definido. Si que me gusta por exemplo poñerme algún colar, pero un colgante cunha tabla de surf ou algo así. Despois tamén teño un rollo máis urbano, pero non tanto como C.Tangana, non son tan trapero. Visto con pantalóns pitillos medio rotos, tenis, ou ás veces botas. Camisas, se as poño, son estilo surfer ou así.

-En Foz es coñecido como chavalada, por que?

-Porque en Bacharelato gustábame moito esa palabra e utilizábaa sempre, entón algún comezoume a chamar así. De feito, o meu grupo de amigos de Whatsapp chámase chavalada. É a esencia que temos nós, querémonos todos moitos e somos unha piña. Logo os outros amigos que teño, que non son do insti, son do surf, tamén me chaman chavalada.

-Xa é o teu nome artístico.

-Eu creo que si. [Risas].

-Un dos lemas desta campaña é ser un toxo mola. Ti es toxo?

-Non che vou mentir, eu si que son un pouco toxo. A miña nai sempre mo di, para que me abranden custa. Gústame que a miña nai me abrace e me dea cariño, pero a min cústame máis facelo. O que non significa que non a queira, claro, pero cústame exprésalo.

-Gustaríache seguir traballando como actor?

-Non descarto nada, claro. Se non me gustase ou non tivese unha boa experiencia si, pero é que o pasei tan ben. Portáronse todos xenial e pasóuseme voando a rodaxe. Entón, por que non repetir?

-Eu véxote no Land Rober.

-Pois Roberto Vilar é da Mariña. Hai moito talento aquí.

-E a actriz de «Élite», Ester Expósito, veranea por Viveiro. Igual acabas traballando con ela.

-Oxallá a coñeza, mi madriña. Aínda que ten pinta de ser toxo coma min. [Risas]. É unha broma, eu coñézoa pola serie, pero non creo que traballe nunca con ela. Ela si que está noutra élite. [Risas].