Xosé Touriñán: «Despois de facer un monólogo téñenme preguntado que de qué traballo»

Touri cambia de época para meterse a rodar en sandalias e saia unha de romanos, «Justo antes de Cristo». El di que na vida case non fai bromas. «Gárdoas para cando traballo e mas pagan», confesa. Deixou «Land Rober» para descansar, pero segue a facer historia no humor. «Estou orgulloso do meu acento galego», asegura


Para nós é Touri, pero no resto do país segue a ser Xosé Antonio Touriñán Rodríguez (Culleredo, 1980). Para tratar de conquistar ao público nacional, o popular cómico bota man de Agorastocles, o escravo e compañeiro de aventuras de Manio Sempronio Galba, protagonista da nova serie de Movistar+ Justo antes de Cristo, na que o humorista vive situacións delirantes.

-«Justo antes de Cristo» é definida como unha comedia de romanos. Como dirías que é ese humor?

-É complicado. Podería ser unha comedia actual, pero está situada neses anos. Son os problemas que temos nós no día a día, e sobre todo os da xente que si se mete en problemas. Na serie vemos as leas nas que se vai metendo o protagonista, do que son compañeiro de aventuras.

-Interpretas a Agorastocles, o escravo do personaxe principal. Canto tardaches en aprender o nome ?

-Por sorte non me teño que chamar a min mesmo; entón é peor para os demais, porque si que é complicado.

-Ademais de rodar en sandalias, que outras dificultades tivo a rodaxe?

-O de ir en sandalias e coa saia de romanos en decembro, co frío que ía na serra madrileña, si que foi bastante duro. Ademais polo chan de onde estaba montado o campamento era bastante complicado respirar.

-Na serie vese que ti e o teu amo tedes unha relación moi próxima. Como logrades transmitir esa proximidade?

-Porque Julián López é un actorazo. Case non nos coñeciamos, coincidiramos en Ilustres ignorantes e despois fomos por aí de bares, pero non nos viramos moito máis nin traballaramos xuntos. Foi un gusto poder traballar e facer a serie con el.

-Que ten Touriñán de Agorastocles?

-Eu penso que Agorastocles ten algo que ver con Touriñán, pero co Touriñán persoa, non co cómico, porque é un tipo normal e tranquilo que de vez en cando as solta.

-Na túa vida es escravo do humor?

-Que va! Sempre digo que son máis ben insulso. De feito, na miña vida logo non fago case bromas, gárdoas para cando traballo e me pagan [risas].

-A túa saída de «Land Rober» tivo algo que ver con facer esas series en Madrid?

-A verdade é que non, porque eu rematei de rodalas antes. A saída, como dixen, foi nun momento no que necesitaba parar. Puido soar como a que estaba enfermo ou algo así e nada diso, pero tiña que descansar e pechar unha etapa.

Non deixei ‘Land Rober’ para rodar en Madrid. Tiña que pechar unha etapa”

 

-Estudaches Filoloxía Galego-Portuguesa. Como remataches de cómico?

-Rematei a carreira por respecto a meus pais. Por iso de «déixate de facer o bobo e estuda», pero a verdade é que na miña casa sempre tiven apoio para facer o que quixese. Logo acabei sendo cómico un pouco sen querer. Nunca pensei en dedicarme a isto nin cría que fose capaz, vendo o tímido que son. O que pasa é que te transformas cando sobes ao escenario e, se lle colles o gusto, é marabilloso, porque actuar é coma un xogo. Ao final é que che deixen xogar toda a vida coma se foses un neno e poder meterte na pel doutra xente.

-Levas moitos anos dedicándote ao humor, é un camiño duro?

-Esta profesión é moi fodida, é moi puta. Hai moitos compañeiros con problemas para vivir disto. A xente pensa que porque saímos nunha gala cun traxe xa gañamos cartos a moreas, pero é difícil. Non meu caso podo vivir disto, teño esa sorte de momento.

-Tes un plan B por se isto se acaba?

-Penso moitas veces que se pode acabar este éxito, pero creo que a miña vida vai seguir centrada nisto, ben sexa a nivel organizativo, de produción ou creando contidos.

-O de non ter pensado que podías vivir disto foi un beneficio para ti?

-Creo que me pasou isto porque eu ás veces pensaba: «Pois gustaríame facer unha serie con Carlos Blanco ou con Miguel de Lira», e foron pasando cousas, pero obsesionarse é malo porque te bloqueas e non axuda. Tiven épocas traballando en que, pola obsesión con facelo mellor, era peor. Eu necesito pasalo ben, se non, non fago nin ben o meu traballo nin consigo facer o que lle gusta á xente. Ás veces é difícil, pero traballando paseino peor canta máis presión me metín, cando estaba máis arriba… E non pode pasar iso, porque se che dan esas oportunidades es un tío privilexiado e tes que gozalo.

-Cando gozas no escenario nótase e, de feito, parece que es así na vida real. Como o consegues?

-Ás veces ten que dar esa sensación, pero nós tamén somos persoas. A min tamén se me pon enferma a xente que quero e eses días tes que facer que o pasas ben igual. Tamén é certo que cando estás aí metido na pel doutra persoa estás noutro traxe e esqueces a realidade. Es Manolo, ou Concha, ou Agorastocles, e non che acorda o problema, desconectas.

-Empezaches facendo humor, pero agora es un actor que pode facer calquera papel. Como te defines?

-A palabra que máis me gusta é cómico. Un cómico é actor, é monologuista, é pallaso, é todo. E gústame iso, pero tamén me encanta que ti me digas: «Pero tamén es actor, es monologuista, es artista», que igual é o que menos son, pero o que máis me interesa é poder dicir que eu fixen isto, e isto, e isto e ver ata onde podo chegar.

-Que series estás vendo agora?

-Vexo case sempre debuxos animados cos nenos, pero agora acabo de ver a de Berto, Mira lo que has hecho, e estou coa segunda tempada de Gigantes en Movistar+. Non podo seguir as series semanais por falta de tempo, pero grazas ás novas plataformas si son consumidor. Penso que non ten sentido esperar unha semana ou tragar media hora de publicidade para ver ficción.

-Como cambia a forma de producir esta nova forma de consumo?

-Agora o consumo é mais rápido e a velocidade coa que se produce tamén. Para nós é marabilloso, porque hai máis contidos e hai máis competencia. As novas formas de consumo teñen moito que ver co salto de calidade que se está dando nestes últimos anos nas series españolas, algunhas xa son case cine. Estamos poñendo as pilas para estar ao nivel dos Estados Unidos. Con este novo modelo pode que o cine sexa o peor parado, porque xa se producen películas só para Netflix, pero para o consumidor é moi bo.

-Presentaches tamén varios programas, aínda que confesas ser tímido. Como se vence ese medo escénico?

-Ao final todo é crear personaxes, aínda que a xente pense que es ti: es o Touriñán presentador e ese non son eu. Pero a verdade é que ser o presentador do meu programa foi das peores experiencias que tiven, porque me metín unha presión estúpida. Fun o meu peor inimigo, pero tamén foi do que máis aprendín, porque cando as cousas non van ben é cando máis aprendes.

-Como levas o de ser un personaxe coñecido?

-Moi contento, porque en Galicia levo xa anos sendo Touri, sendo coñecido, e vénme de volta ese cariño do público. En Madrid non o noto case, non ten nada que ver co que pasa aquí.

-Os teus fillos son conscientes de que teñen un pai famoso?

-Si, danse conta con esa cousa das fotos. De feito acabamos de estar catro días en Huesca cuns amigos e o comentario da miña filla foi: «Papá, que ben! Aquí ninguén che pediu unha foto!».

-Os galegos temos complexo de inferioridade cando saímos fóra?

-Había unha anécdota de cando propuxeran a Xosé Luís Méndez Ferrín para o Nobel de Literatura e a xente dicía: «Pero como lle van dar o Nobel a este se é de aquí da aldea?». Somos nós, é algo que agora estamos curando e comezamos a sacar ese orgullo galego dunha vez. Hai unha lista enorme de xente como Luís Tosar, Javier Gutiérrez, Luís Zahera ou Sergio Pazos, e tamén nomes en xornalismo, de directores, de produtoras como Bambú Producciones, que agora mesmo é a que está facendo a ficción de máis calidade do país, e son de aquí. Eu sempre digo que son galego e que por iso teño acento galego, se ti mo pides para un papel e teño que sacalo fareino porque o tipo é de Salamanca, pero eu estou orgulloso do que son. Houbo anos que a xente ocultaba o acento, por que? Temos que estar orgullosos.

-Aínda hai quen non considera unha profesión ser cómico?

-Totalmente, xa non só o de dicirche «pois iso tamén o fago eu», que está moi ben porque na tele están desexando descubrir xente, daquela sube aí e faino. A min enfastíame máis, e tenme pasado, que despois de facer un monólogo me teñan preguntado que de que traballo ademais de facer o bobo. A xente da cultura somos os máis responsables disto, sobre todo en Galicia, que se fixeron moitos concertos e espectáculos gratis intentando facelo por ben, pero penso que ese non é o camiño. É triste, pero dáselle máis valor ao que máis custa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Xosé Touriñán: «Despois de facer un monólogo téñenme preguntado que de qué traballo»