Miguel de Lira: «Currás vai sempre na miña mochila»

YES

Volveu á televisión pola porta grande, como un dos protagonistas de «Matadero», a nova serie de Antena 3. Xusto cando se cumpren 20 anos do inicio da emisión da inesquecible «Mareas Vivas»

22 ene 2019 . Actualizado a las 09:57 h.

1 Por que triunfa «Matadero»?

Coido que ten que ver co novo hábito de consumo de este tipo de produtos que están a xerar plataformas como Netflix o HBO. Antes delas era impensable que unha televisión xeralista se arriscase a producir unha serie así. Ou metería máis man nos contidos para que fosen máis amables ou máis amarelos.

2 Mesmo se respectan os acentos autóctonos

Iso é un acerto. Evítase caer no tópico ou na ridícula parodia. Dálle verdade ao personaxe.

3 Por que «thriller ibérico»?

Porque toma moitos referentes desa España profunda e dura, tan real e actual como calquera outra. Se cadra agora máis que nunca. Conecta co humor de Bigas Luna ou de Berlanga. Hai moito pelaxe de porco ibérico. Aí entramos a xogar moitos tipos de porcos.

4 Como lle queda a un o corpo cando sabe que o están vendo 3,5 millóns de persoas?

Home, o dato asombra pero non tes tempo a facer a análise da implicación que pode ter no teu día a día. A min de momento non me cambiou nada.

5 Que dá e que quita a tele a eses niveis?

Dáche a satisfacción do momento e quítache certa privacidade. Dá máis do que quita.

6 Coa perspectiva que dan estes 20 anos, que supuxo «Mareas Vivas»?

Ai, coidado! Mareas fixo caer bastantes tabús e complexos. Foi claramente un antes e un despois para a ficción galega. E tamén para os que a fixemos. Aí, con distintas velocidades, iniciamos unha carreira impagable.

7 Durante anos moita xente non sabía cal é o teu nome real. Eras Currás.

Aínda me sucede agora! Ese personaxe vai sempre na miña mochila. Nalgún momento xerábame bastante peso pero 20 anos despois lévase moito máis lixeiro.

8 E o teatro?

O teatro é a base da miña vida. Aínda que unha pata me ande por aí eu sempre tiven, teño e terei outra no universo Chévere. É como ter unha conexión directa coa raíz, coa terra. Axudoume ademais moito a saber xestionar aquel éxito prematuro.