«Nace o Día das Letras... non lle poñerás Jonathan!»

17 DE MAIO Non será unicamente o día de Carlos Casares. Tamén será o de Roi, o de Aldara, o de Alexandre e o de moitos galegos que naceron ese día e que levan con orgullo un nome da súa terra. Os nomes en galego abundan entre os máis novos.

.

Roi está a piques de cumprir sete anos, pero xa coñece perfectamente o significado do día que naceu. Este pequeno de As Neves veu ao mundo o 17 de maio do 2010 e a súa nai, quen presume de que é «un neno moi especial», lembra como lle tomaban o pelo os camilleiros cando a levaban á sala de partos. «Dicíanme de broma: ‘Nace o Día das Letras, non lle poñerás Jonathan, que te levamos de volta!’», conta Mónica. O pequeno Roi está orgulloso do seu nome. Non só sabe de sobra a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas -«Carlos Casares!», responde sen dubidar-, senón que tamén ten as súas preferencias. El quería que lle rendesen homenaxe unha vez máis á eterna Rosalía, autora dun poema que el mesmo recitou de memoria este ano no colexio «e fíxoo perfecto», afirma a mamá. O ano pasado xa recitara «Adiós ríos, adiós fontes», polo que Roi xa está feito todo un recitador de poemas en galego. Aínda que, como neno que é, un dos principais motivos polos que lle gusta ter nacido ese día é precisamente o académico. «Non hai cole!», celebra o cativo. Asegura que só coñece outro rapaz que se chama igual ca el, «un compañeiro de bádminton». Pero, claro, o seu amigo seguramente non tivo a sorte de nacer nun día tan especial.

DE RODRIGO A ROI

A nai confesa que, á hora de elixir un nome para o seu segundo fillo, a ela gustáballe máis Rodrigo, a versión en castelán. Pero o pequeno Isaac, o irmán maior, tivo a última palabra. «O irmán dixo que tiña que ser Roi e, xa se sabe, onde hai patrón non manda mariñeiro», sinala Mónica. «Cando llo puxen, a xente dicía: ‘Así me gusta, un nome galego!’», aínda que tamén houbo outras opinións, como a de algunhas persoas que atribuían o nome de Roi a un can. «Que nome de can nin que nome de can! Naceu no Día das Letras Galegas e chámase Roi», contestaba a súa nai entre risas. Ao ter un nome tan curtiño, non lle levou moito tempo aprender a escribir o seu nome. «Aprendeu moi rápido», di a mamá. Cando lle contou á súa profesora que ía saír en YES, ela díxolle que ía ser famoso. Pero na súa zona de As Neves, onde tampouco hai máis Rois que el mesmo, todo o mundo o coñece. «Pregunta por Roi e xa che indican». Será que os veciños xa saben que teñen un fillo das Letras entre eles?

.

«Así podes dicir que o día é por ti»

A maioría da xente coñéceo como Xane, un alcume deses que acaban xurdindo entre os que teñen un nome longo e que se acaban convertendo no nome preferente dunha persoa. «Chámanme Xane practicamente en todas partes», explica. Pero el séntese orgulloso de chamarse Alexandre, como tamén de ter nacido un 17 de maio. «É distinto porque sempre podes bromear co teu día e dicirlles aos demais que se o día é festivo é porque naciches ti», conta este coruñés que está a piques de facer vinte anos. Pero sobre todo considera que se fai «especial que, ademais, sexa un día significativo para Galicia». Aínda que descoñece o motivo polo que os seus pais lle puxeron Alexandre, non é o único na casa cun nome da terra. «Tanto eu como o meu irmán Anxo temos nomes galegos porque o meu pai e a miña nai o preferiron», sinala. A el, ademais, tocoulle nacer o Día das Letras de 1997. A escolla dos seus pais non é estraña tendo en conta cal é a realidade lingüística da súa casa. «Meu pai é galegofalante e na casa falamos moito en galego, aínda que eu quizais son o que menos», confesa.

ALEXANDRE, XANE, ALEXANDER

Unha das afeccións preferidas de Alexandre é xogar ao fútbol, un ámbito no que o seu nome estivo a proba máis dunha vez. «Houbo un ano en que coincidín con varios Alejandros e Alexanders no equipo, e cada un tiñamos o noso propio alcume. Entón a min chamábanme Xane», conta. Así era como evitaban as confusións entre xogadores, adestradores e árbitros. Iso si, aclara que Alexandres coñeceu moi poucos.

Agora non ten tantas ocasións para falar galego coma antes, xa que vive e estuda en Burgos, pero continúa xogando ao fútbol na universidade cun novo equipo. Neste lugar, como adoita pasar coas palabras galegas fóra de Galicia, xurdiu un novo reto co seu nome. «Normalmente por aí fóra chámanme Alexander, coma se fose ruso ou polaco», afirma. Así que este ano decidiu deixar de lado o seu alcume e tomar medidas coa súa equipación. «Cando fixemos o equipo universitario puxen na camisola Alexandre para que a xente o aprendese ben, porque todos me chamaban Alexander», aínda que el sempre o toma con bo humor. 

.

«En realidade querían que o nome soase árabe»

Cando lle preguntas a Aldara por que lle puxeron ese nome, a resposta é algo sorprendente: «A verdade é que cando mo puxeron pensaron que o estaban inventando», conta. Máis que un nome galego, os pais desta ourensá de nacemento e coruñesa de adopción o que buscaban eran «nomes que comezasen por ‘Al’ para que soara moi árabe. Ata que chegaron a Aldara», explica. Co tempo decatáronse de que non viña de tan lonxe. De nada lonxe, en realidade. «Foi moi curioso descubrir que era un nome típico galego. Creo que vén dunha lenda sobre unha princesa nun bosque, pero claro, todo iso fómolo descubrindo pouco a pouco, ao principio non tiñamos nin idea», sinala. Aínda que queda claro que non lle puxeron un nome galego por ter nacido o Día das Letras Galegas, o seu avó sabía perfectamente que día era aquel 17 de maio. «Teño entendido que o Día das Letras fíxose festivo xusto o ano que eu cheguei ao mundo, en 1991, entón o meu avó sempre me di que cando eu nacín comezou a tocar a banda», conta con esa satisfacción que dá coñecer anécdotas ao redor dun mesmo. Despois de todo, Aldara considera que poñer nomes galegos aos fillos é unha boa decisión e non lle importaría facelo o día que lle toque a ela elixir un. «É algo que está ben, é unha parte máis do patrimonio que temos», opina. Nese sentido, Aldara observa que os nomes galegos «se atopan máis agora que antes», incluído o seu.

ATA LOGO, ALDARA

Precisamente ese é o motivo polo que lle estraña non ter ningunha amiga que se chame así: «É moi curioso. Nin sequera coñezo a ninguén a quen me poida cruzar pola rúa e dicir: ‘Ata logo, Aldara’». Os únicos casos que coñece son «amigas de amigas» ou xente que lle di «que alguén lle puxo Aldara á súa filla». «E faime graza», continúa, «pero non coincidín con Aldaras na miña clase nin nunca me presentaron a ningunha». «De feito, nunca tiven a ninguén diante que se chame igual ca min», asegura.

Na Coruña, unha das grandes cidades galegas, ás veces ten ocasión de ver de lonxe dúas Aldaras ás que coñece «só de vista» e mesmo cando vai pola rúa pode escoitar o seu nome. Claro que quen responde adoita ser algunha nena pequena ou unha rapaza de menos idade. «Agora a xente investiga máis nos nomes e busca algo que sexa diferente. Aldara é un exemplo. E por iso creo que vemos cada vez máis rapaces novos que levan un nome de aquí», razoa.

O que non se pode negar é que levar un nome en galego e ter nacido o Día das Letras Galegas é unha sorte que non todos os Rois, os Alexandres e as Aldaras teñen. Como dicía Castelao: «Se aínda somos diferentes e capaces de existir non é máis que por obra e graza do idioma».

Votación
4 votos
Comentarios

«Nace o Día das Letras... non lle poñerás Jonathan!»