O rueiro vigués esconde historias de personaxes que foron de gran relevancia para a historia da cidade. Quen era o «príncipe» que dá nome á rúa? Ou quen foi Don Bosco? [Envía as túas fotos antigas a Xa choveu para crear o álbum da memoria colectiva]
22 jul 2024 . Actualizado a las 12:02 h.Cun paseo pola cidade de Vigo pódese pasar da rúa en honra dun príncipe a outras que homenaxean a artistas e benefactores. Quen foi Policarpo Sanz? Por que Urzáiz se chama así? Recompilamos algunhas curiosidades de figuras históricas da cidade olívica e o seu rueiro.
[Envía as túas fotos antigas a Xa choveu para crear o álbum da memoria colectiva de Galicia]
Príncipe
A rúa Príncipe é seguramente a máis coñecida e referenciada de Vigo. Cada día, centos de vigueses e turistas pasean por ela, moitos sen saber que o seu nome é unha homenaxe ao fillo da raíña Isabel II, Alfonso XII. Xunto ao seu paseo, no que está o Olivo, o que sería futuro rei ten na cidade viguesa dous lugares co seu nome.
Esta rúa é unha das principais arterias da vida da cidade e naceu nas marxes da estrada que unía Vigo con Madrid en marzo de 1861, co derribo das murallas da cidade. Naquel ano, o «príncipe» tiña catro anos de idade. A pesar de ocupar agora unha ubicación relevante no centro, nas súas orixes pertencía a un barrio de extramuros, O Salgueiral. Desde entón, algúns dos principais comercios situaron na rúa Principe os seus locais, onde tamén se ubicaron servizos como Correos, o telégrafo e, desde 1881, o antigo Palacio de Xustiza, hoxe museo MARCO de arte contemporánea.
Montero Ríos
Outra das rúas máis recoñecidas de Vigo é a de Montero Ríos. Esta leva o seu nome polo político Eugenio Montero Ríos, quen comezou a súa carreira como deputado por Pontevedra e foi ministro de Gracia y Justicia no Gabinete de Prim e presidente do Consejo de Ministros e do Tribunal Supremo con María Cristina de Austria. Entre as medidas que impulsou destacaron o establecemento do matrimonio civil e a defensa da separación de Igrexa e Estado.
Na actualidade, esta rúa caracterízase por formar parte do centro da cidade e ser un dos puntos de encontro para os vigueses cos seus numerosos bares. Nun deles, o Bar Comercio, o poeta Manuel Antonio era cliente habitual mentres estudaba náutica na cidade.
Policarpo Sanz
Entre Príncipe e Montero Ríos está, entre outras, a rúa Policarpo Sanz, que recibe este nome por un dos principais benefactores da cidade de Vigo durante o século XIX. Foi grazas a el que se construiu un hospital e tamén o instituto Santa Irene (que leva o nome da súa muller), concebido como un centro de educación gratuita para os nenos e nenas pobres da cidade, e de pago para os fillos das familias podentes. Ademais, legou unha ampla colección de arte a Vigo, que lograra xunto a súa muller Irene, quen era a súa asesora artística. Esta colección inclúe obras europeas dos séculos XVII, XVIII e XIX que se poden ver no Museo da Cidade «Quiñones de León».
Este marinense de nacemento, pasou a súa infancia en Vigo e logo emigrou con 14 anos para «facer as Américas», vivindo entre Cuba e Estados Unidos. Foi en Nova York onde coñeceu á que sería a súa muller, Irene Ceballos, herdeira dunha fortuna cubana.
Malia falecer en París, o desexo de Policarpo era descansar no cemiterio de Picacho. O 1 de setembro de 1891 os seus restos chegarían a Vigo para ser enterrados. «El entierro de D. Policarpo Sanz, bienhechor de la ciudad de Vigo, cayo cadáver llegó de París en el vapor Medoc ha sido an acontecimiento grandioso en aquella ciudad», narraba La Voz de Galicia en setembro daquel ano.
Entra aquí para acceder á hemeroteca de La Voz de Galicia.
García Barbón
Un amigo de Policarpo Sanz converteuse tamén nun dos principais mecenas de Vigo, sendo tamén homenaxeado dando nome a outra rúa. É José García Barbón, quen emigrou a Cuba onde fundou un banco aos 25 anos de idade. Os dous amigos crearían xuntos a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, así como o Centro Gallego de la Habana.
Natural de Verín, regresa á súa terra coa fortuna conseguida na emigración. Alí fundaría o hotel balneario Cabreiroá e, dez anos despois, trasladaríase a Vigo, á finca de Vista Alegre. Na cidade olívica, García Barbón invertiría parte da súa fortuna na edificación da Escuela de Artes e Oficios, que se sitúa na rúa que hoxe leva o seu nome, e na recuperación do teatro Rosalía de Castro, que pasaría a chamarse teatro García Barbón, e que se sitúa na rúa Policarpo Sanz.
Julia Minguillón
Seguindo por García Barbón dirección Isaac Peral atópase a rúa Julia Minguillon. Esta foi nomeada así por unha das primeiras artistas do século XX. Nada en Lugo, esta pintora destacaba polos seus retratos e grandes composicións con figuras, o que lle sería recoñecido en numerosos galardóns.
Cun estilo figurativo e realista, pintou paisaxes, escenas da vida cotía, alegorías, obras relixiosas e retratos da élite galega da época. A súa chegada a Vigo, en 1949, foi motivada polo nomeamento do seu marido Francisco Leal como director do Faro de Vigo. Nese mesmo ano, Julia é elixida correspondente da Real Academia Galega. Desde entón, realizaría varias exposicións na cidade, con obras de estilo vanguardista, e retratou, entre outros, a figuras como Fernández del Riego.
Antía Cal
Chegando ao barrio de Lavadores, atópase a rúa Antía Cal, que homenaxea a unha mestra defensora da normalización do galego durante a ditadura franquista e recoñecida pola súa innovación no ensino. Esta profesora naceu en Cuba dunha familia emigrada de Galicia, que volvería a terras galegas en 1932. No ano 1947 chega a Vigo co seu marido Antón Beiras, con quen fundou nos anos 60 a Escola Rosalía de Castro de Vigo, onde implementou un sistema baseado na coeducación, o bilingüismo e a psicoloxía evolutiva. Este centro foi tamén pioneiro na introdución da lingua galega no sistema educativo.
Urzaiz
Un repaso polo rueiro de Vigo non está completo sen Urzaiz, un dos eixos da cidade. Nacido en Cádiz pero con orixes galegas, Ángel Urzaiz foi durante 40 anos deputado pola provincida de Pontevedra en representación da cidade olívica, ademais de ministro de Facenda con María Cristina de Austria.
Entre os seus logros, estiveron algúns importantes beneficios para o sector das conservas, de especial relevancia na economía viguesa, como a compra de lata estranxeira para o aforro dos custos. Urzaiz foi tamén responsable da anexión de Bouzas a Vigo, a comezos do século XX, en 1904. Así mesmo, durante a Restauración, contribuiu notablemente á modernización da cidade.
María Victoria de la Fuente
María Victoria de la Fuente foi unha pintora viguesa e participante nas tertulias do café Derby. Gañadora da medalla de ouro Castelao e o primeiro Premio de la Crítica del Ateneo de Madrid, esta viguesa naceu en 1927 e era filla do recoñecido arquitecto Jenaro de la Fuente, «artífice do ensanche vigués». María Victoria falecería 82 anos despois en Madrid, a onde fora para aprender da man do pintor Julio Moisés. Na súa carreira desenvolvería un estilo marcado polo protagonismo das escenas de interior e destacando polo seu tratamento da luz e da cor.
Un dos seus murais, realizado nos anos 50, pódese ver hoxe en día na Aula Magna da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago e outras das súas obras como «Bodegón» ou «Flores» están no Museo de Belas Artes da Coruña.
Don Bosco
Para saber por que a rolda de Don Bosco recibe este nome basta pasear por ela. Desde 1966, unha escultura rinde homenaxe a San Juan Bosco, coñecido como «Don Bosco», quen foi fundador da congregación dos Salesianos. A Asociación de Antigos Alumnos de Salesianos encargou esta estatua a Camilo Nogueira, quen tamén é autor doutras obras que se poden atopar na cidade olívica como un conxunto de pezas para a Alameda, os relevos da estación marítima de Vigo ou o monumento ao emigrante.
Este sacerdote, educador e escritor era de orixe italiana, dunha vila piamontesa entón chamada I Becchi, preto da cidade de Turín, e que posteriormente mudaría o seu nome a Calle Don Bosco. En 1859 fundaría a Congregación Salesiana e só uns anos despois, en 1894, chegarían os primeiros salesianos a Vigo, asentándose no barrio do Areal. Fai 80 anos, en 1944, finalizaría a construción do templo dedicado a María Auxiliadora, cunha procesión que, entre outras reliquias, incluía un pano con sangue do propio Don Bosco.
Clara Campoamor
Clara Campoamor foi unha das mulleres de maior relevancia histórica en España, responsable en boa medida do dereito ao voto das mulleres no país. Esta avogada, escritora e política foi unha das principais defensoras do sufraxio feminino e unha pioneira na loita polos dereitos das mulleres. Durante a Segunda República, na década dos anos 30, era deputada polo Partido Radical. Malia a súa posición, non podía votar como si o facían os deputados homes. O discurso que pronunciou o 1 de outubro de 1931, en defensa do voto das mulleres, pasaría á historia de España e desencadearía a aprobación do recoñecemento do voto feminino.Dous anos despois, en 1933, as mulleres votarían por primeira vez en España.
Para homenaxeala, a estrada que vai desde o campus da Universidade de Vigo, pasando polo hospital Álvaro Cunqueiro, ata Castrelos, leva o seu nome.