Os recordos da infancia, protagonistas nas historias dos lectores de Xa choveu: «O gran momento era a vendima que facía o meu avó materno»

XA CHOVEU

Imaxes da infancia dos lectores de Xa choveu Manuel, Ana e Juan
Imaxes da infancia dos lectores de Xa choveu Manuel, Ana e Juan CEDIDAS

As vacacións de verán en familia, un día de neve inesquecible ou festas cos amigos son algunhas das intrahistorias. [Envíanos aquí as fotos dos teus recordos favoritos para formar parte deste proxecto interxeracional]

02 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«As miñas etapas favoritas eran xusto estas. O verán de xogos e o Nadal, no que desfrutábamos dos regalos de reis», recorda Juan, de Betanzos, un dos primeiros lectores en achegar as súas fotografías a Xa choveu.

Manuel e Ana, da Coruña, tamén quixeron compartir neste álbum colaborativo algunhas lembranzas da súa infancia, como os veráns na praia coa familia. «Pasaba os veráns en Vilagarcía de Arousa, de onde eran meus pais, cos meus irmáns e os meus curmáns», explica Manuel. Pola súa parte, Ana recorda as excursións cerca da Coruña que facía cos seus pais e cos seus irmáns e os veráns nas praias de Cabanas e Perbes.

[Envíanos aquí as fotos dos teus recordos favoritos para formar parte de Xa choveu]

As fotos que elixiron para compartir en Xa choveu son daqueles veráns dos anos 50. Ana envía unha foto co seu pai na Solana coruñesa, unha actividade moi habitual na súa familia, que combinaba coas tardes interminables xogando cos seus amigos e co seu can «Serpi» no monte de Santa Margarida que, daquela, aínda non era parque.

Manuel quixo recordar outro momento da súa infancia: O Leirón do Casino. El e os seus irmáns acudían especialmente nos veráns a este recinto, situado preto da súa casa, na rúa Juan Flórez. A finais de agosto do 1964, O Leirón celebraría a súa derradeira festa.

Daquela etapa, Manuel tamén recorda «a vendima que facía o meu avó materno, porque nos xuntábamos toda a familia».

No caso de Juan, o recordo da súa infancia que quixo compartir en Xa choveu foi un día histórico para el e para Betanzos: a nevarada de 1993. Na imaxe, o neno atópase xunto a unha barca na zona do peirao de Betanzos, nunha estampa para o recordo. «Cando eramos nenos non tiñamos moitas cousas», comenta, polo que, chegado o momento das vacacións «o mellor era xogar cos demais nenos».

As túas fotos, en Xa choveu

No novo portal Xa choveu convidámosche a compartir as fotos dos teus recordos e mostrar como cambiaron os costumes, as tradicións, as festas ou as familias en Galicia. Podes facelo a través deste formulario e, tras unha revisión, verás os teus recordos publicados formando parte desta memoria colectiva.