Tamara Andrés, primeira muller responsable de Edicións de Galaxia

ITZIAR MISA VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Tamara Andrés, a nova responsable de Edicións de Galaxia
Tamara Andrés, a nova responsable de Edicións de Galaxia CELE RODRIGUEZ

A escritora e tradutora asume a responsabilidade editorial de Galaxia coincidindo coa inauguración das novas instalacións na Travesía de Vigo

15 jul 2026 . Actualizado a las 14:38 h.

A Editorial Galaxia inicia unha nova etapa coa incorporación de Tamara Andrés como responsable de Edicións. A escritora e tradutora de Combarro convértese así na primeira muller en ocupar este posto nos 75 anos de historia da editorial, unha responsabilidade que noutras etapas desempeñaron figuras clave da cultura galega como Ramón Piñeiro ou Carlos Casares. O nomeamento foi presentado este mércores nun acto celebrado nas novas instalacións da empresa, situadas na Travesía de Vigo, onde tamén se concentra o centro loxístico de distribución da editorial. 

Tamara Andrés (Combarro, 1992) é doutora en Tradución e Paratradución pola Universidade de Vigo e toma o relevo de Marcos Calveiro, recentemente designado director de Galaxia. A súa vinculación coa editorial vén de atrás, non só como autora senón tamén como colaboradora e responsable, desde 2024, da colección de poesía Dombate. Ao longo da súa traxectoria publicou en Galaxia títulos como Corpo de Antiochia (2017) e desenvolveu unha destacada carreira como tradutora. Entre os seus traballos máis recoñecidos figuran unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés, que recibiu o Premio de Tradución da Universidade de Vigo en 2024, e a versión galega de As iluminacións, de Arthur Rimbaud, traducida xunto con Oriana Méndez e distinguida co Premio Plácido Castro. 

Durante a súa intervención, Tamara Andrés admitiu sentir «o peso do pasado» ao asumir unha responsabilidade ligada a nomes fundamentais das letras galegas. «Síntome moi honrada e tamén con moita responsabilidade», afirmou. Entre as súas prioridades destacou a intención de reforzar a presenza da poesía, o teatro e a banda deseñada no catálogo, así como impulsar a recuperación de autoras e a visibilidade da creación feminina. A nova responsable de Edicións tamén chamou a atención sobre a necesidade de atraer novos lectores. Segundo sinalou, malia a perda de falantes que experimenta o galego, existe unha demanda real de literatura na lingua propia de Galicia. «Temos que buscar estratexias para conectar co lectorado novo e responder ás súas necesidades», asegurou. 

O presidente de Galaxia, Antón Vidal, enmarcou o relevo e a mudanza de sede nun momento especialmente significativo para a editorial. «É realmente satisfactorio pensar que seguimos medrando dentro das posibilidades da literatura galega», apuntou, ao tempo que definiu Galaxia como «un auténtico milagre» pola súa capacidade para manter unha actividade continuada desde a súa fundación, en 1950. 

Pola súa parte, Marcos Calveiro destacou que a incorporación de Tamara Andrés forma parte da aposta histórica da editorial pola renovación. O director explicou que ambos compartirán durante un período de transición parte das tarefas editoriais para garantir a continuidade dos proxectos xa en marcha e facilitar a adaptación ao novo cargo. 

O acto serviu ademais para presentar oficialmente a nova sede operativa de Galaxia na Travesía de Vigo, o terceiro emprazamento da editorial desde a súa creación. Tras varias décadas na rúa da Reconquista e vinte anos na Avenida de Madrid, onde manterá a súa sede institucional, a empresa traslada agora a súa actividade diaria a unhas instalacións que integran oficinas e almacén baixo o mesmo teito. Como explicou Calveiro, esta reorganización permitirá unha maior coordinación entre os distintos departamentos e o centro de distribución, considerado «o pulmón da editorial», desde o que os libros chegan ás librarías e aos lectores de toda Galicia.