Curtido en mil batallas, o estradense Manuel González Vigo renega do alcume e di verdades sen filtro
01 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Mil vidas ten vivido Manuel González Vigo (A Estrada, 1952). O pintor máis bohemio da Estrada foi perfumista en Barcelona e calibrador de tripas para salchichas en Alemaña. Foi marroquineiro, estudante de electricidade, guía turístico en Lloret del Mar e o mellor vendedor de cursos CEAC que se recorda. «Aí forreime», lembra. «Gañaba 72.000 pesetas nun día cando o soldo medio en España estaba en 15.000 ao mes. A min o de falar sempre se me deu ben», explica. Non minte. «Se o tío era comunista, eu era comunista. Se o tío era falanxista, eu era falanxista. Todos compraban», conta rindo Manuel González.
Porén, a Manuel, desde neno, as dereitas nunca lle entraron ben. «O meu avó foi mestre nacional, pero quitáronlle a escola e tivo que andar escondido en Requián. Dicían que era porque descolgara o crucifixo da clase... A min chamábanme ‘o neto do maestrillo’», di. A Manuel, ese diminutivo nunca lle gustou.
Pero a vida, que ás veces é pura ironía, levouno a medrar interno nun colexio falanxista. «Eu son fillo de solteira. Daquela os homes presumían de machos e as mulleres quedaban marcadas toda a vida. A miña nai foi traballar de gardadora a Tui a un internado e levoume con ela. Aquilo era unha fábrica de falanxistas. Pasei sete anos cantando o Cara al sol e levantando a man. Con 10 anos xa che facían o carné de falanxista. Pero comías tres veces ao día, duchábaste, tiñas roupa e ata ías a Sanxenxo de campamento... Na aldea andábase coa roupa remendada e, se non se pasaba fame, pasábanse ganas», explica. «Ser da Falanxe abríache portas. Se che gustaba, ías medrando», di Manuel.
Pero ao estradense nin lle gustaban os uniformes nin lle gustaba estudar. «No Bacharelato Laboral suspendín 14 materias. Eu marchaba pasear polo Miño e non ía a clase. O único que aprobaba era Debuxo», recoñece.
A arte acompañou a Manuel desde a feliz infancia ata o fondo do pozo. «Cando mandaban facer unha redacción, os outros xa acabaran e eu aínda estaba no título porque sempre o adornaba con debuxos», explica.
As malas cualificacións e o desapego pola Falanxe fixeron que, con 14 anos, enviaran a Manuel a Barcelona. «Dicían que te mandaban a aprender un oficio, pero de aprender un oficio nada. Iso era ir buscarse a vida», explica.
Catro anos antes de chegar á maioría de idade, Manuel González virou en buscavidas profesional. «Estiven cun perfumista que me mandaba a facer os recados. Dábame cartos para o transporte e eu ía a pé para aforrar. Coñecín Barcelona enteira. Os sitios máis ricos e os máis pobres», lembra.
Con 18 anos, Manuel González emigrou a Alemaña na procura do soño europeo. «Volvín con 25 anos nunha furgoneta, casado e con dous fillos pequenos», conta. «En España asentámonos en Massanet de la Selva. Traballei uns anos nunha fábrica de curtidos e de peón de albanel. Despois metinme a guía turístico en Lloret del Mar», di. Foi antes de arrancar para Bélxica deixando atrás muller e tres fillos. «Diso non estou orgulloso», di poñéndose serio. «Crucei os Pirineos a pé, perdín o pasaporte e acabei no cárcere. Roubaron no barrio onde eu vivía e levei a culpa. Volvín repatriado. Non era a primeira vez que estaba preso. En Girona unha vez rompera un quiosco para roubar revistas e, cando din volta, tiña detrás a un cunha metralleta. Eran outros tempos. No cárcere aprendes maneiras de vivir sen traballar. É onde se malea un», recoñece. «Pero tamén hai xente boa. Ás veces hai xente peor na rúa ca no cárcere. O que é mentira é que alí se viva ben. É moi longo o día», asegura.
Na súa época escura, Manuel fixo amigos ladróns —«Eran boa xente», di—, cruzou España de albergue en albergue e ata foi esmoleiro. «Para iso tamén hai que saber. Eu abrín cartilla no banco e todo. Ata que me din conta de que era máis fácil traballar que pedir», conta rindo.
De volta en Galicia, Manuel González decidiu vivir da arte. «A pintura é o mellor. Non se traballa e mais páganche», di con retranca. Comezou rotulando publicidade en furgonetas e campos de fútbol. «Cando veu o vinilo dinme conta de que ese negocio se acababa e empecei a pintar cadros. Debuxar debuxara sempre, con lapis de carbón, con tinta chinesa...», explica. «Unha vez pintei á Orquestra Ibérica e a un dos músicos deulle por chamarme Picasso. De aí ven o alcume», conta. Esa anécdota e a réplica do Guernica que Manuel fixo nun mítico pub da Estrada alimentaron o sobrenome.
Ao Picasso daqueles anos o adxectivo de bohemio quedábaselle curto. «Eu era alcohólico», recoñece sen rodeos. «Non era follonero, pero pechaba os bares e abríaos. Algunha vez botei a noite enteira pintando co vaso de viño ao lado», lembra. Foron tempos, pero o pintor prefire ser Manuel ca aquel Picasso perdido.
«Da bebida saín eu só, pero houbo xente que me axudou a gañarme a vida como pintor. Como Ramón Porto. Comproume moitos cadros e doume libros», agradece. «Agora estou sempre ben. Valoro o que teño e pinto cando quero. Fago o que me dá a gana. Non me cabreo por nada. Se teño problemas, discuto coa tele. Lévome ben comigo mesmo e cada día quérome máis», asegura.
Manuel vive agora coa paz de quen aprendeu a perdoarse e non se arrepinte de nada. Está de volta de todo e di verdades coma puños, sen adornos: «Eu pinto o que vexo que á xente lle gusta. O mesmo fago cadros costumistas ca retratos ou vacas voando. Case á carta», confesa con franqueza.