A cultura lembra ao «galego» Camões

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A exposición está no acceso da Casa Galega da Cultura
A exposición está no acceso da Casa Galega da Cultura M.Moralejo

Vigo acolle unha xornada ao redor do poeta con antepasados en Galicia

16 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«En Galicia, Camões constitúe unha especie de espello porque lle representa todo aquelo que ten aínda por conseguir dende mediados do século XIX», sinalou Xosé Manuel Dasilva, catedrático da Universidade de Vigo, durante a xornada dedicada na Casa Galega da Cultura de Vigo a Luís de Camões. A organización corre a cargo da Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, coa colaboración do Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo, a Editorial Galaxia e o Camões - Centro Cultural Portugués em Vigo.

NoO acceso á Fundación Penzol quedou instalada a exposición De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões. A mostra, comisariada por Xosé Manuel Dasilva e Xosé Manuel Soutullo, aborda cuestións como a galeguidade do autor de Os Lusíadas, a pegada que deixou en Galicia ou a súa influencia na literatura galega. O documento máis valioso que contén a exposición é a privación do señorío de Baiona que o rei Henrique III fai no século XIV a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta. «O ascendente do escritor tomou partido nunha guerra polo rei portugués Fernando I que, ao perder fronte ao monarca castelán, caeu en desgraza e tivo que marchar exiliado a Portugal», explica Xosé Manuel Soutullo para recordar a galeguidade, por parte de pai, de Luís de Camões.

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, recordou que a institución que preside xa homenaxeara ao poeta luso en 1924, cando entón se pensaba que era o 400 aniversario do seu nacemento. Pola súa banda, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, sinalou o desexo de que «esta conmemoración camoniana sexa un punto de inflexión, no coñecemento do escritor e a súa obra na nosa terra, mais tamén un decidido paso adiante nese diálogo imprescindible entre Galicia e Portugal».

Xa pola tarde, no mesmo espazo da Casa Galega da Cultura. Xosé Manuel Dasilva presentou o seu libro Camões en Galicia (Galaxia, 2026). «O libro en si é unha colección de estudos realizados ao longo de moitos anos e agora reformulados que constitúen aproximacións monográficas a aspectos concretos desa presenza de Camões en Galicia. Analízase, por exemplo, como foi visto Camões por parte do Padre Sarmiento ou a homenaxe poética que lle fixo Francisco Añón ao portugués, o como foi visto por parte de Otero Pedrayo», sinalou o filólogo galego.

Presenza portuguesa

A xornada de onte tivo representación portuguesa. Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, presentou o relatorio Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI. Pola súa banda, José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, desenvolveu a súa intervención baixo o título Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (materia perigosa?). Pola mañá tamén interveu Joaquim Coelho Ramos, comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário. «Celebramos Camões porque precisamos del, porque nos interpela, en cada un dos seus textos, a discutir cuestións que están hoxe no centro da orde do día: a diversidade cultural, o choque e o diálogo entre pobos, a valorización da diferenza, mais tamén o pracer do coñecemento e a exploración da inesgotable temática da viaxe”, apuntou.

A xornada rematou cun recital poético-musical no que lle puxeron voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e Marilar Aleixandre. A homenaxe rematou cunha ofrenda floral ao monumento a Camões situado na praza de Portugal de Vigo.