Adeus a Gregorio Álvarez, o noso poeta comunitario e orgullo de Valadares
VIGO CIUDAD
Vigo despide aos 74 anos ao comuneiro que defendeu os montes e presidiu o centro cultural e veciñal da súa parroquia
11 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este mércores, Gregorio Álvarez Pereira, o noso entrañable poeta comunitario, pechou a libreta dos versos cos que tantas veces nos agasallou. Eran poemas sobre a vida nas súas múltiples dimensións e, sobre todo, sobre esa verdade fonda que comprendía mellor ca ninguén: que o ben común constrúe a comunidade que habitamos.
A súa mirada tranquila, positiva e teimuda axudounos a seguir adiante na tarefa de contribuír a que prospere a sociedade na que vivimos, un «bosque autóctono» cheo de biodiversidade para o benestar colectivo. E facelo, ademais, nun tempo no que predomina unha visión individual, interesada e pouco xenerosa que, como se de acacias negras se tratasen, pretende apropiarse do bosque e colonizar as relacións humanas e sociais.
Como anécdota que me marabillaba, nestes últimos meses preocupáballe —entre outras cousas— como rexenerar o monte veciñal en man común de Valadares, devastado polos lumes de 2017, para que volvese ser o orgullo da súa parroquia, da súa querida parroquia. Nela participou activamente dende que, coa democracia, exerceu como alcalde de barrio, presidente do Centro Cultural e Veciñal, da Comunidade de Montes e tantas outras responsabilidades. Foi, en definitiva, unha locomotora comunitaria «diésel» que nunca miraba cara atrás, nin sequera cando os tempos viñan revirados. Non deixarei de velo como o abade de Valadares nos actos da Reconquista, papel que lle viña como anel ao dedo.
Esa mesma forza sentímola moi preto durante estes últimos lustros, nos que exerceu como vicepresidente da Mancomunidade de Montes de Vigo. Con el compartimos retos de cidade, como a creación dun Anel Verde en Vigo: un símbolo de unión nun tempo de fragmentación e unha resposta colectiva fronte ao abandono do territorio por parte dos individuos e, demasiadas veces, tamén das institucións.
Para Gregorio era un orgullo ver como no monte —que, como dicía el, uns poucos coidan para o benestar de moitos— podían celebrarse romarías, festas gastronómicas, miradoiros, sendeiros e parques forestais onde estar e gozar da compañía dos próximos nun entorno aberto e «sen pagar entrada».
Neste momento tamén lembro a Nieves, a súa incondicional compañeira de vida e de batallas. E, con ela, venme á mente toda unha xeración de loitadores e loitadoras comunitarias que foron precursores dunha sociedade que permitiu o progreso das parroquias que, integradas ata a ditadura nun concello labrador e obreiro como o de Lavadores, conquistaron a súa maioría de idade no século XXI formando parte dunha gran cidade como Vigo, aínda pendente de rematar de cohesionar.
Esa era, coido eu, a verdadeira melodía da poesía comunitaria de Gregorio: a convicción de que unha parroquia non se herda feita, senón que se constrúe cada día; de que o monte non é só territorio, senón memoria, responsabilidade e futuro; de que a comunidade existe cando hai persoas dispostas a coidala.
Marcha Gregorio aos 74 anos, pero queda a súa palabra. Queda o seu exemplo. Queda esa libreta aberta na memoria de quen o coñecemos e compartimos con el camiño, monte e esperanza.
Descanse en paz