A Porta do Sol lembra e le os textos da viguesa Begoña Caamaño: «Ela non escribía para decorar o mundo»

E. V. Pita VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar vázquez

Anxo Pintos leu o bando institucional e o alcalde Abel Caballero estaba entre os presentes na homenaxe á escritora do Día das Letras Galegas

17 may 2026 . Actualizado a las 14:05 h.

«Mil lembranzas dolorosas pousándose nos nosos ombreiros como as pingas de auga da poalla que por estas terras tanto adoita caer. Pingas que se pousan como as culpas verdadeiras». As bancadas da Porta do Sol de Vigo foron escenario dun acto de homenaxe a Begoña Caamaño con motivo do Día das Letras Galegas do 2026. A lectura deste domingo correu a cargo do director da Escola de Música Folk e Tradicional (ETRAD), Anxo Pintos: «Ela non escribía para decorar o mundo, escribía para movelo», dixo no seu bando. Foi secundado por unha ducia de voces femininas que recitaron fragmentos de poemas desta escritora, xornalista, feminista e activista galega. Estivo presente no acto o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Un centenar de persoas escoitaron a homenaxe, que foi amenizada pola música dun grupo folk tradicional galego. Algúns lectores recuperaron os textos infantís desta autora.

Pintos indicou que a escritora abriu no 2009, con Circe ou o pracer azul, un camiño para a narrativa galega «case inexplorado». «Soubo tamén que o idioma non é só vehículo, é territorio, identidade, é o nome co que un pobo se recoñece a si mesmo», recalcou no seu discurso, tras mencionar obras como Morgana en Esmelle.

Na Alameda de Bouzas, a Asociación Cultural rendeu homenaxe á lingua galega ao mediodía. Tívose especial dedicación aos neofalantes da lingua. Actuou Amalghama, encargada de amenizar. Ademais, outras parroquias teñen previsto facer ao longo do día varios festivais, concertos, cantos de corais ou sesións de pandereteiras.

Redondela

A Alameda Castelao acolleu a celebración das Letras Galegas cun acto no que participaron estudantes e a directora do IES Mendiño, a xornalista Carolina Sertal e a libreira Tania Lago.  A alcadesa, Digna Rivas, lembrou que o galego é un elemento «de unión e un compromiso» que nos identifica como pobo. Rivas reivindicou o legado de Caamaño como «unha muller comprometida e feminista que puxo o foco nos retos da nosa sociedade».