A cada vigués lle corresponde o equivalente a 2.486 quilos anuais de contaminación
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Desde aquel afastado «Todo Vigo é Vigo Central, esta é unha cidade pioneira», que dicía o alcalde en xaneiro de 2020, pasando por «témolas que implementar porque nos obriga Europa» nestes anos, ata o «se non as poñemos en marcha, perdemos fondos europeos» do 2026, por fin, tras esgotar todos os prazos legais e todas as prórrogas ordinarias e extraordinarias marcadas pola lei —non europea, senón estatal— 7/2021 de Cambio Climático, parece que en Vigo, acompañadas pola habitual polémica, teremos por fin as zonas de baixas emisións (ZBE).
Estas ZBE serían como un tratamento a unha enfermidade da que poderiamos actualizar o diagnóstico: o tráfico por estrada en Vigo emitía en 2012, cando se fixo o estudo máis exhaustivo ata o de agora, máis de 735.946 toneladas anuais de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro. Os coches son os responsables do 37 % da contribución de Vigo á emerxencia climática e, soamente do que sae polos tubos de escape, correspóndenos a cada vigués e viguesa o equivalente a 2.486 quilos anuais de contaminación.
Son unhas cifras enormes, pero non é unha sorpresa se temos en conta que, cos seus máis de 197.000 vehículos rexistrados, Vigo é a cidade peninsular con máis coches por habitante, alén de fabricar un de cada catro coches en España. Como cidade acolledora, ademais dos nosos coches autóctonos, recibimos máis de 93.000 vehículos diarios que entran en Vigo pola AP-9 e a avenida de Madrid. Isto, entre outras cousas, supón un problema de espazo. Se puxésemos en fila os coches matriculados en Vigo, tocando parachoques con parachoques, formariamos unha liña de aparcamento de 788 quilómetros. Un esquío case podería cruzar a península saltando de coche en coche, ademais de que dedicamos case catro veces máis espazo público aos coches que ás persoas e convertemos moitos parques en aparcadoiros, como ben dicía o tristemente desaparecido arquitecto Jaime Garrido.
Outro aspecto para ter en conta é que tantos coches implican un problema para a saúde. As partículas PM 2,5 (as que teñen un diámetro inferior a 2,5 micrómetros, unhas 30 veces máis delgadas que un cabelo) son orixinadas fundamentalmente polos vehículos de combustión e en Vigo superamos, con demasiada frecuencia, máis de 5 veces os máximos de seguridade en calidade do aire recomendados pola OMS.
Pero non soamente os nosos pulmóns sofren as consecuencias do tráfico, tamén os nosos oídos; lembremos o informe de 2017 sobre contaminación acústica remitido á Comisión Europea polo entón Ministerio de Medio Ambiente que mantiña a Vigo como a cidade máis ruidosa do país entre as de máis de 100.000 habitantes por causa do tráfico, superando os máximos recomendados e cun 72 % da poboación exposta ao exceso de ruído durante a noite.
Non podemos esquecer outra seria afección á saúde derivada do tráfico: os accidentes. Segundo os datos de 2022, en Vigo producíronse 2.038 accidentes cun resultado de 1.099 persoas feridas de distinta consideración e dúas falecidas; unhas tres vítimas diarias por accidentes de tráfico. Reducir o tráfico en Vigo é urxente, tanto por cuestións ambientais como sociais e de saúde pública, pero nin as ZBE e as sancións son o único sistema posible para mitigar o problema (cidades como Pontevedra teñen outro modelo) nin en Vigo as zonas elixidas son todas as que están (ignoráronse en Teis, Travesas-Coia, etcétera). O que seguimos necesitando é un pacto cidadán pola mobilidade sostible, elaborado participativamente entre todos os actores e axentes sociais. É un proceso máis lento que o decretazo, pero máis sólido e democrático.